O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este xoves que o Concello recibiu a resolución favorable por parte da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda sobre o ámbito de Cruceiro no que informa de que non é necesario unha avaliación ambiental estratéxica ordinaria para a creación da nova área comercial en Alcabre.
Segundo explicou o rexedor, a Xunta xa someteu a documentación do borrador da Ordenación Provisional a período de consultas e remite agora informe favorable no que sinala as condicións mínimas que se deben cumprir.
A Xerencia de Urbanismo dará conta da resolución no seu consello da vindeira semana e dará traslado aos promotores do ámbito, Bricoman. Con esa proposta ambiental incorporada, o Concello xa está en condicións de facer a aprobación inicial do documento para sometelo a alegacións e a súa aprobación definitiva.
O ámbito de Cruceiro vai desde a rotonda da Avenida de Europa coa VG20 ata o cruce regulado con semáforo con Camiño Freixeiro e rúa San Paio. A propiedade cederá ao Concello o mesmo ancho do bulevar de Coia, 30 metros, e o goberno local habilitará solo para materializar 40.887 m² de uso terciario, categoría gran superficie comercial.
Barrio do Cura
Ademais, o alcalde informou de que este xoves a Xerencia de Urbanismo aprobou de forma provisional a reordenación do Barrio do Cura, unha vez realizada a tramitación administrativa previa, que continuará coa aprobación posterior no Pleno Municipal, o envío á Xunta de Galicia do expediente completo para a emisión de informe vinculante e preceptivo e, finalmente, a aprobación definitiva.
A aprobación provisional supón a resolución das 14 alegacións presentadas á reordenación do ámbito, toda vez que se acometeu o derribo de forma correcta co mantemento da fachada do antigo asilo.
Abel Caballero destacou que “trátase de moi boas novas” e cualificou tanto a aprobación do Barrio do Cura como a de Cruceiro como pasos “históricos para a cidade”.