Carmela Silva subliñou a importancia do proxecto de reconversión do antigo hospital Cíes nun centro tutelado para maiores “para que podan manter a súa independencia nu entorno como é o do complexo Xeral-Cíes”. A Presidenta recordou que a cidade de Vigo ten un déficit moi importante en prazas de residencias para persoas maiores e que o proxecto do sindicato pretende dar resposta “as necesidades dunha nova sociedade onde cada vez son máis lonxevos e lonxevas pero onde é máis complicado que os fillos e fillas podan atender as persoas maiores”.
O proxecto de Comisións Obreiras, segundo explicou Amelia Pérez, sería para persoas maiores que non sexan dependentes de xeito que podan manter a súa independencia saíndo do centro para as súas compras “tomar café ou simplemente pasear” pero nun entorno de control.
A presidenta da Deputación valorou o proxecto “como do século XXI dando resposta a unha necesidade da sociedade” e ademais serviría para poñer en valor, en primeiro lugar, “aos nosos maiores, por recuperar un edificio senlleiro para a cidade e, por último, serviría para por en valor unha zona que xunto a nova cidade da xustiza recuperaría a actividade que contaba coas instalacións do antigo hospital Xeral-Cíes”. Ademais permitiría manter o uso socio-sanitario que ten o propio edificio na actualidade.
Silva subliñou que a idea pode ser perfectamente “asumible por todas as administracións” e recordou que xa conta co apoio do Concello de Vigo e agora da Deputación de Pontevedra reclamando a implicación de todas as administracións no proxecto.
Pola súa banda, Tito Ucha, da unión de pensionistas de CCOO, subliñou que o ideal sería que a xestión deste novo centro fose a través dunha fundación pública na que participaran Universidade, Xunta de Galicia e concello de Vigo para desenvolver tamén investigación o redor da asistencia socio sanitaria dos maiores.
O edificio do antigo hospital Cíes é obra do arquitecto vigués Xosé Bar Boo e está considerado como inmoble a conservar. Construído en 1967 está situado ao comezo da Avenida de Madrid e destaca polo seu corpo cilíndrico de planta elipsoidal no que se alternan bandas de pedra e de cristal. Nel o arquitecto Bar Boo prescindiu dos ángulos rectos, tratándose dun edificio de formas redondeadas, aínda que nos últimos anos sufríu diversos cambios como a construción dun anexo o seu carón. O inmoble presenta sete alturas divididas entre si por unha franxa granítica. Entre estas franxas disponse unha cristaleira continua que permite unha gran entrada de luz natural, algo necesario neste tipo de construcións.