Se este mércores era o Concello de Vigo o que anunciaba as súas visitas teatralizadas de balde, cuxa inscrición xa comezou, este xoves é o organismo provincial o que amplía a oferta cultural vencellada ao patrimonio que ofrecen os cemiterios.
As visitas desenvolveranse os domingos 21 e 28 de outubro, comezarán ás 11.00 horas na entrada de cada camposanto e tamén son gratuítas. Haberá un número limitado de 25 persoas por grupo, debido ás especiais características dos lugares que se visitan.
Dende este venres, 12 de outubro, xa se pode reservar praza para esta iniciativa. A partir das 09.00 horas haberá que enviar un correo electrónico á dirección visitasguiadas@depo.es e as entradas iranse adxudicando por orde de inscrición ata completar aforo. No correo de reserva, as persoas interesadas teñen que indicar o número de persoas que queren ir co seu nome e apelidos (máximo de catro por cada reserva), que día e ruta escollen e un teléfono de contacto.
No cemiterio de Pereiró, o máis extenso de Vigo, a través da figura de Concepción Arenal, interpretada por unha actriz, os participantes nesta iniciativa poderán coñecer a orixe e a historia deste camposanto, a súa capela neogótica, o cemiterio civil ou a pegada dalgúns personaxes destacados como Urbano Lugrís, José María Álvarez Blázquez ou Tomás Argüelles.
Tal e como destacou a presidenta, Carmela Silva, esta iniciativa enmárcase na estratexia da Deputación de pór en marcha proxectos para desestacionalizar o turismo na provincia e “para poñer en valor o noso patrimonio e a nosa cultura”. “Preténdese poñer en valor así un atractivo máis dos que se poden atopar na provincia de Pontevedra, que ademais se potencian fóra da temporada na que se soen recibir máis visitantes”, engadiu.
Cómpre ter en conta tamén que, nos últimos anos, descubrir a historia dos lugares a través dos seus camposantos é algo moi en auxe, que se está convertendo nunha nova forma de visitar as cidades.