A Deputación de Pontevedra vén de aprobar a concesión de 122.000 € para unha nova mobilidade, a quinta, no marco do proxecto Erasmus+ Practicum Depo 2019. Deste xeito, tal e como explicou a presidenta Carmela Silva, un grupo de 14 mozas e mozos graduadas/os en ciclos medios de Formación Profesional poderán completar a súa preparación e mellorar a súa inserción profesional a través da realización de prácticas laborais en empresas e institucións de Italia, Portugal e Irlanda durante 125 días.
A presidenta destacou que esta quinta mobilidade “beneficiará a outras sete mozas e sete mozos, unha distribución totalmente paritaria, procedentes de sete centros educativos de catro concellos da provincia, Vigo, Pontevedra, Ponteareas e Tui, que estudaron ciclos formativos de grao medio de Formación Profesional” relacionados coas actividades comerciais, xestión administrativa, coidados auxiliares de enfermaría, aceites e viños, preimpresión dixital, vídeo, disc jockey e son.
Esta mobilidade cara Europa enmárcase no Practicum Depo 2019 no que están a participar un total de 92 estudantes e 10 docentes. Ao respecto, a presidenta detallou que “nestes intres están aínda en Portugal, ata mediados de mes, dúas persoas encadradas na terceira mobilidade e outras cinco comezaron en setembro a súa estancia en Escocia e Portugal. O sexto e último grupo partirá cara Europa en xaneiro, co que esta iniciativa estenderase ata finais do 2021”.