A Deputación de Pontevedra disporá este ano de 226,8 millóns de euros no orzamento coa incorporación de 26 millóns de euros dos remanentes e os 25 millóns do crédito para o Plan ReacPon. Esta mobilización de recursos, á que aínda se teñen que sumar os fondos europeos que se consigan, supón para Carmela Silva, “un esforzo extraordinario e histórico para afondar na transformación que estamos a facer na provincia”. Tanto a presidenta como o vicepresidente César Mosquera coincidiron en que o destino dos remanentes, cuxa incorporación irá ao vindeiro pleno, está marcado pola “eficacia, a eficiencia e a prudencia para seguir tendo recursos cos que atender as necesidades que xurdan ao longo do ano”.
Os 26 millóns de euros dos remanentes, como apuntou Carmela Silva, están pensados “para que os proxectos que se financian poidan ser presentados aos fondos europeos e por iso atópanse aliñados cos obxectivos dos Next Generation: transformación dixital, cohesión social e territorial, transición ecolóxica e igualdade”. A presidenta, que subliñou que con esta inserción de remanentes, a máis importante aprobada nestes anos de goberno, “haberá maior apoio aos concellos, con máis recursos, asistencias técnicas e cofinanciación dos fondos europeos, novos retos de sostibilidade, eficiencia enerxética ou novas tecnoloxías enmarcadas nos eixos do Plan de Recuperación, e fixo fincapé no “forte impulso” que estes remanentes darán ás infraestruturas provinciais e “fortalecer o noso liderado en tratamentos e xestión do lixo, coa compostaxe que nos convirte nunha gran referencia en Europa” así como de “mellorar todas as áreas de goberno”.
O vicepresidente César Mosquera salientou que a Deputación ten a consigna “de non estirar o pé máis do que dá a manta” e foi conservadora economicamente durante os meses da pandemia por se había recortes orzamentarios. Dada esa prudencia e que finalmente non houbo tales recortes, explicou, foi posible dispoñer agora ata 37 millóns de euros dispoñibles para gastar, prestar máis servizos, máis actividades ou realizar máis transferencias aos concellos. “Iso amosa a situación francamente boa da Deputación”, dixo, subliñando que se tomou a decisión de aprobar unha modificación de crédito de só 26 millóns de euros para deixar cartos para outras necesidades futuras ou incluso para cofinanciar proxectos xunto a fondos europeos.
No concreto, Mosquera apuntou en relación ao Museo que se engadiu un millón de euros máis aos 6,5 millóns que xa existían no orzamento. Explicou que a Deputación sabe que eses cartos non se van gastar este ano, pero subliñou que servirán de “colchón” por se o ano próximo é necesaria unha inxección extra para afrontar as obras ou as dificultades que xurdan. “A técnica que estamos a utilizar de previsión para que non haxa sustos está a saír ben. Os millóns están nas contas (…), e sabemos que canto antes os movamos moito mellor”. Por último, agradeceu o traballo do corpo de funcionarios e funcionarias por ter sacado adiante a incorporación dos remanentes neste mes de febreiro. “Foi unha axilidade nada fácil”.
O destino dos 26 millóns dos remanentes
O maior esforzo económico estará dirixido á transformación do territorio mediante unha conectividade segura e amable. Son 14,25 millóns de euros máis que se suman ao orzamento para, por unha banda, actuar nas vías provinciais en espazos naturais con actuacións como sendas peonís e coas persoas como prioridade, e por outra, con proxectos de urbanización e reurbanización “que chegarán a todas as comarcas”.
Os concellos e a dinamización social, verán reforzados os seus recursos con 3,18 millóns de euros dos remanentes que, entre outras cousas, complementarán o Plan ReacPon ou os proxectos de mobilidade local “co modelo desta Deputación de mobilidade segura, de recuperación do espazo público como un dereito, cumprindo os 10 principios Ágora”. Do mesmo xeito se incrementan as partidas en medio ambiente, lingua, igualdade, deporte, turismo ou cultura. Os remanentes tamén incrementarán a dotación para o reto dos Next Generation en 2,54 millóns de euros, que se destinarán á cofinanciación dos fondos europeos, asistencias técnicas para a planificación e redacción de novos proxectos e á xestión das propias axudas.
Na conservación do patrimonio provincial o goberno incrementará o orzamento, en 4,2 millóns de euros “para facer fronte á transformación dos equipamentos desta Deputación”. Nese sentido, destinaranse aos edificios do Museo, o Palacete das Mendoza, ás novas actuacións en Príncipe Felipe onde Carmela Silva citou expresamente a rehabilitación integral do CEIP Daría González, ou á reforma das oficinas do servizo Oral. Nese mesmo ámbito, case 850.000 euros dos remanentes se empregarán en aumentar os recursos para a dixitalización e modernización da administración provincial. “Non podemos, dixo a presidenta, esixir ás empresas a súa transformación dixital e non facela nós. Temos que dar exemplo”
O programa Revitaliza coa compostaxe como a opción do futuro refórzase con 800.000 euros máis para novas actuacións que “como sempre faremos da man dos concellos da provincia”. Finalmente á área de cooperación transfronteiriza aumenta os seus recursos en 193.000 euros para seguir avanzando nas sinerxias co Norte de Portugal que iniciou a AECT “cun modelo claro de transformación de ambos os dous territorios”.