Vinte persoas participan desde este luns 24 na sede provincial de Vigo no primeiro dos tres cursos de español para persoas inmigrantes que organiza neste 2021 a Deputación de Pontevedra en colaboración coa Universidade de Vigo. A presidenta Carmela Silva, xunto a Mercedes Álvarez, coordinadora académica do Centro de Linguas da Uvigo, e do profesorado do curso, acompañou ao alumnado nesta xornada inaugural e subliñou o esforzo de todas e todos por tomar parte nesta actividade formativa encamiñada a que persoas de países non hispanofalantes obteñan o Diploma de Español Como Lingua Estranxeira (DELE A2), indispensable para que poidan logo acadar a nacionalidade española. Neste primeiro curso a maioría das persoas participantes proceden de Marrocos, Senegal e Rusia, e doutras nacións como Ucraína, Ghana, Alemaña ou Nixeria. A actividade consta de 40 horas, de xeito que se prolongará ata o 11 de xuño, en horario de 15.30 a 18.10 horas.
A presidenta da Deputación anunciou que para “para nós todas as persoas son iguais e estamos moi honradas de que esteades hoxe aquí con nós. Sabemos que facedes un grande esforzo de adaptación e coñecemento do idioma e estamos moi orgullosas de vós e de prestar este servizo que axuda a tantas persoas a obter a nacionalidade española e que ten unha alta demanda. De feito, anunciou, queremos amplialo con máis prazas na próxima convocatoria para que non haxa xa lista de agarda”. Carmela Silva convidou ás persoas participantes. “Sentídevos na vosa propia casa, ides ter á vosa disposición o que precisedes. As vosas profesoras son excelentes e manteñen unha relación moi próxima coas alumnas e alumnos. Moito ánimo e moita forza”.
Esta é a quinta edición dos cursos de español que a institución desenvolve desde o ano 2017 para facilitar a integración das persoas inmigrantes como cidadáns de pleno dereito na provincia. Hai que lembrar que a citada proba DELE A2 require unha preparación previa e ten un custo económico que dificulta o acceso á nacionalidade española para un determinado sector da poboación. A través deste programa, a Deputación subvenciona o custo da formación e tamén o da matrícula na citada proba.
Este ano recibíronse un total de 128 solicitudes de persoas de 21 nacionalidades distintas, a maioría de Marrocos, Brasil e Senegal, para as 55 prazas existentes nos tres cursos que se desenvolverán tamén en Pontevedra. Despois deste primeiro curso celebrarase un segundo na sede viguesa da Deputación desde o 14 de xuño ao 2 de xullo e, finalmente, do 13 de setembro ao 1 de outubro terá lugar o curso en Pontevedra, con 20 prazas. Unha vez finalizadas as sesións de formación, o alumnado presentarase ao exame do DELE A2 que levará a cabo o Instituto Cervantes en Vigo, que terá lugar o 10 de setembro para as persoas que participaron nos dous primeiros cursos e o 13 de novembro para as do terceiro curso.
As clases, ao igual que o pasado ano, desenvolveranse cun estrito protocolo anti Covid, que inclúe o uso obrigatorio de máscaras e a dotación de material de hixiene para garantir a seguridade. En caso de que a formación non se puidera impartir polas circunstancias de modo presencial, valorarase a posibilidade de realizala en remoto e, en todo caso, o seu desenvolvemento estará supeditada á normativa vixente en cada momento.
Balance desde 2017
Nas catro edicións anteriores, os cursos de español organizados pola Deputación tiveron un total de 235 persoas participantes que, sumadas ás 55 deste 2021, farán un total de 290 persoas cando remate este 2021. A meirande parte do alumnado consigue logo superar a proba e obter o DELE A2 e, deste xeito, en 2017 houbo un 70% de aprobados, mentres que o ano seguinte subiron ata un 97,7% de aprobados. O pasado 2020, en que os cursos tiveron que adiarse uns meses pola pandemia, lograron o diploma o 80% das persoas examinadas.