A Deputación de Pontevedra remata 2022 xestionando máis de 228 millóns de euros, un logro que é o resultado da suma dos 175,8 millóns de euros do orzamento inicial, os 37 millóns de euros incorporados nas modificacións de crédito e os 15,4 millóns de euros captados a través de fondos europeos. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, ofreceu en rolda de prensa o balance da xestión anual da Deputación que, asegurou, amosa que a institución é “unha Administración presente en toda a provincia, que ten unha xestión extraordinaria da que nos sentimos profundamente orgullosas e orgullosos e que se consolida como a que máis fai por todos e cada un dos concellos da provincia de Pontevedra”.
Carmela Silva asegurou que “somos a Deputación máis municipalista na historia dunha institución que ten case 200 anos e cada ano pisamos máis o acelerador do municipalismo”, algo que demostra “o crecemento ano tras ano dos recursos que dedicamos aos concellos” ata o punto de que, afirmou a presidenta, “hoxe ser alcalde ou alcaldesa na provincia, especialmente nos concellos pequenos e medianos, é absolutamente distinto ao que era antes de 2015”. Carmela Silva resaltou como “os concellos hoxe son máis activos, fortes e transformadores porque hai unha Deputación cun proxecto claro para a provincia e que lles dá un apoio incondicional para que todos avancen máis e máis rápido”. A presidenta lembrou que “todos os nosos investimentos teñen criterios obxectivos” e con iso conseguiuse, sinalou, “que agora todos os concellos reciban un 70% máis de recursos que ata antes de 2015, e no caso dalgúns concellos, que antes non recibían investimentos da Deputación, o incremento sexa de máis dun 100%”.
A presidenta da Deputación insistiu na presenza transversal dos investimentos provinciais en toda a provincia: “somos a administración con cobertura no 100% do territorio, non temos zonas de sombra como sucede coa Xunta nesta provincia, que deixa moitos concellos sen os investimentos que lles corresponden”. Carmela Silva contrastou os “dous proxectos políticos antagónicos” de Deputación e Xunta de Galicia e asegurou que “os concellos fan os seus orzamentos e planifican coa mirada posta na Deputación; a meirande parte deles xa se resignaron a traballar sen a Xunta”.
Durante o ano 2022, a través do Plan Concellos inxectáronse 43 millóns de euros directamente aos concellos de menos de 50.000 habitantes que se traduciron en 351 obras; 149 actividades socioculturais, pagos a provedores e amortizacións de débeda, e, finalmente, en 932 contratacións temporais para atender os servizos municipais. O ReacPon mobilizou 26,3 millóns de euros para financiar 47 grandes proxectos (dous deles xa inaugurados), que coas achegas municipais complementarias supón un investimento superior aos 40,3 millóns de euros. E o Ágora, que busca aumentar substancialmente o espazo público para as persoas en espazos de titularidade municipal, supuxo unha inxección de 1.060.000 euros aos concellos para subvencionar a redacción de proxectos. Financiáronse 76 proxectos en 26 concellos cunha recuperación de máis de 129.000 metros cadrados para o uso peonil. Soamente con estes tres programas a Deputación puxo á disposición dos concellos 70,3 millóns de euros para realizar obras e actuacións de competencia municipal.
Da maior obra da historia nunha estrada provincial aos ascensores e escaleiras mecánicas
A presidenta da Deputación deu conta dos 34 proxectos que a Administración provincial está a financiar na cidade de Vigo a través do plan de investimentos 2021-2023. Trátase de importantes transformacións na cidade, como a recuperación de Samil en fase de aprobación, as humanizacións da avenida de Castelao (en obras), Martínez Garrido (tamén en obras) e San Roque (pendente de licitación), a mellora de firmes en 15 rúas da cidade (en fase de licitación) ou a mellora da mobilidade urbana en 10 vías do rural vigués (aprobado o convenio). Ademais, puxo en valor as obras nas estradas provinciais do Calvario-A Garrida, “a maior obra nunha estrada provincial de Vigo en toda a historia”, actualmente en execución, e a do Vao, en fase de contratación. Tamén acadou financiamento provincial o proxecto Vigo Vertical para a mellora da mobilidade amable, neste ano nas rúas Juan Ramón Jiménez (entre Romil e Hispanidade e entre Marqués de Valterra e Torrecedeira) e Aragón, coa instalación de ascensores ou escaleiras mecánicas.
Investimentos por servizos en toda a provincia
A Deputación de Pontevedra xestionou, ademais, 12 millóns de euros en obras da súa rede de estradas, con 32 grandes proxectos de mellora da seguridade viaria executados ao longo e ancho da provincia. Delas, 13 foron levadas a cabo mediante convenios asinados cos concellos (4,8 millóns de euros) ao incluír obras de urbanización ou reurbanización e a outras 19 integramente con fondos da Deputación (6,9 millóns).
A Cohesión Social, eixo do Goberno provincial, tivo unha inxección de 6,2 millóns de euros. A maior partida é a dos servizos sociais comunitarios, cunha achega de 2,4 millóns de euros, e tamén se subvencionaron servizos esenciais como a emerxencia social e a teleasistencia. Ademais a Deputación dinamizou a provincia coa creación de máis de 30.000 prazas de actividades para envellecemento activo, xuventude ou enriquecemento da programación das asociacións.
No servizo de Igualdade a Deputación de Pontevedra xestionou un orzamento de 2 millóns de euros. Organizáronse 8 encontros informativos, asináronse 5 convenios con institucións universitarias e tamén se achegaron recursos a concellos (230.000 €) e entidades (108.000 €) para proxectos. Máis de 2800 mulleres participaron no programa Conectadas e impulsáronse campañas de Igualdade modélicas en toda a provincia.
O orzamento de Deportes estivo dotado de máis de 4,6 millóns de euros, e investíronse máis de 4 millóns de euros para a concesión de máis de 1200 achegas. “Somos a Administración do deporte nesta provincia, a única que exclusivamente con fondos propios foi capaz de xestionar esta gran cantidade de subvencións”, sinalou a presidenta provincial. O departamento de Emprego recibiu unha inxección de 2,8 millóns de euros con políticas activas que permitiron a creación de máis dun milleiro de postos laborais.
A área de Novas Tecnoloxías supuxo un investimento de preto de 7 millóns de euros. Salientou a presidenta o impulso á Administración electrónica, do que se benefician 54 concellos, así como padrón electrónico, ao que xa están adheridos 37 concellos.
Turismo Rías Baixas xestionou en 2022 máis de 5,4 millóns de euros e xa ten en marcha o 80% das accións previstas no Plan Estratéxico 2021-2023. Entre os grandes fitos salientan os premios que acadan ano a ano as campañas turísticas da Deputación, os proxectos de transición dixital, a aposta para liderado en calidade turística (338 establecementos adheridos ao SICTED, cifra récord, e 12 distintivos Q de Calidade) e a captación de 3,5 millóns de euros dos Next Generation para os Plans de Sostibilidade Turística en Destino de Deza-Tabeirós e do Condado-Paradanta.
A achega á Cultura superou os 3,4 millóns de euros cos que, entre outras iniciativas, se organizaron preto de 2.400 actuacións de música, danza ou teatro co obxectivo de democratizar o seu acceso en todo o territorio provincial.
No apartado de Medio Ambiente e Transición Ecolóxica, o investimento foi de 3,3 millóns que foron parar ao sector primario, salientando os 500.000 € nas axudas que recibiron 19 confrarías e 17 cooperativas agrogandeiras. O Plan Revitaliza asinou 13 convenios de inspección e impulsou o cumprimento da nova batería de normativas a nivel autonómico, estatal e europeo. Xa hai 47 concellos adheridos.
O ano do desbloqueo histórico ás transferencias á Xunta
Nos centros da Deputación, 2022 supuxo o ano no que se desbloqueou a “vella aspiración” de transferencias á Xunta de servizos impropios, coa sinatura do protocolo para a transferencia do Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería. Nesta última, acometéronse obras de reforma integral da cuberta, culminando a posta ao día das instalacións. A Finca Mouriscade xa está entre as 12 mellores ganderías do Estado en avaliación xenética vacúa. Leváronse a cabo melloras nas instalacións, equipamentos (como un laboratorio móbil) e xenética, coa adquisición de embrións de alta calidade. A Estación Fitopatolóxica do Areeiro converteuse en centro de referencia para alertas no territorio portugués en pragas corentenarias e o Museo de Pontevedra acadou a Q de calidade e o convento de Santa Clara para abrir un novo horizonte para a institución.
A presidenta tamén lembrou que a Deputación de Pontevedra captou 15,4 millóns de euros de fondos europeos para levar a cabo 24 proxectos cunha mobilización total de 18,3 millóns ou a aliñación de todas as iniciativas da Deputación coa Axenda 2030. “Somos a deputación máis comprometida co seu cumprimento, cun orzamento e programas aliñados cos ODS”, sinalou a presidenta. Tamén fixo fincapé no liderado da Deputación en materia de transparencia, salientando o liderado e primeiras posicións conseguidas respectivamente pola presidenta e a Administración provincial nos informes da consultora independente Dyntra, o visor de cumprimento da Axenda 2030 nos concellos de menos de 20.000 habitantes ou a celebración en Pontevedra do cumio da Rede de Transparencia da FEMP.