Acelerar e consolidar a recuperación da provincia trala pandemia e facelo cunha potente inxección económica aos concellos, da man dos 17 obxectivos da Axenda 2030 e coa mirada posta nos fondos europeos, definen o orzamento da Deputación de Pontevedra para o próximo ano 2022. “Falamos do orzamento máis ambicioso, expansivo, valente e transformador da historia da institución”, sinalou a presidenta provincial Carmela Silva.
O orzamento para o próximo ano ascenderá aos 175,8 millóns de euros, un 6,86% máis que en 2021, sendo o consolidado de 179,5 millóns (coa Escola de Enfermería e os Consorcios Provincial Contra Incendios e o de Deza-Tabeirós). A presidenta provincial avanzou, non obstante, que as contas se elevarán ata os 216,5 millóns de euros, xa que hai que engadir ao consolidado algúns proxectos xa aprobados, contratados ou pendentes de licitación como son, entre outros, obras de infraestruturas, as fases I e II da rehabilitación da Xunqueira de Alba, o proxecto de dixitalización e rehabilitación enerxética do Pazo Provincial, o de mellora enerxética do CEIP Daría González, a cuberta da Escola de Cantería e as melloras no Museo, que ascenderá a 20,2 millóns de euros, amais doutros 17 millóns xa comprometidos de fondos europeos.
O obxectivo é claro: a reactivación social e económica da provincia e de cada un dos concellos, que o ano que vén terán a súa disposición case 100 millóns de euros, convertendo de novo á Deputación de Pontevedra en líder en transferencias aos municipios de todas as institucións provinciais do Estado. “Somos a administración provincial que máis respecta a autonomía local e máis transferencias fai -dixo a presidenta-. Case duplicamos a media das deputacións do Estado e iso convértenos nun modelo diferente de xestión da provincia”.
Todo elo nun escenario de excelente saúde financeira, con débeda cero, despois de ter que facer fronte a 41 millóns de euros herdado da época do goberno do PP, e coa continuidade do traballo xa feito nos grandes obxectivos de sustentabilidade, innovación e dixitalización, reforzo dos sectores estratéxicos, reequilibrio do territorio, reforzo da política social, a igualdade e o medio ambiente como bandeiras, a loita contra o despoboamento e a reactivación cultural, deportiva e turística. Carmela Silva, que destacou a súa satisfacción “porque nunca se aprobará tan rápido un orzamento e o enorme esforzo feito para incrementar como nunca as contas ”, sinalou que responden “a nosa decisión de que o 2022 e 2023 sexan anos dunha forte inversión pública. É preciso poñer en marcha moitos recursos para facer fronte ás consecuencias económicas, sociais e tamén para facer fronte a algo que levamos 6 anos facendo, que esta provincia sexa unha provincia sostible baixo os parámetros da Axenda 2030 e do respecto ao medio ambiente e de recuperación do espazo público”. A presidenta provincial tamén subliñou a boa saúde financeira. “No 2015 herdamos unha débeda de preto de 41 millóns de euros que a finais do 2022 teremos pagada. Ter débeda cero vainos permitir que poidamos endebedarnos para facilitar a inversión na provincia a través do ReacPon. Isto significa que a boa xestión política e económica vai permitir que o 2022 sexa un ano de gran crecemento na provincia”.
Carmela Silva realzou que “todo o orzamento está pensado para o escenario post Covid, para a reactivación, e polo tanto hai que sumar o ReacPon que daremos a coñecer o venres, o escenario dos Next Generation, co que imos ter máis fondos, a mellora da xestión do ORAL e todo o vinculado á Axenda 2030, porque facemos todos os nosos orzamentos con esa mirada”. “Nós comezamos hai 6 anos cun modelo de provincia transformador e adiantámonos a todo o que agora son as catro grandes liñas de transformación socio económica e medioambiental: transición ecolóxica, igualdade, cohesión territorial e dixitalización. Levamos traballando con isto e agora podemos ter un orzamento tan potente que permite responder a ese cambio de paradigma económico e social”, concluíu.
Pola súa banda, o vicepresidente César Mosquera amosouse satisfeito de que os Orzamentos da Deputación para 2022 van entrar en vigor este mesmo ano, permitindo aos concellos saber a súa previsión de ingresos, estabilidade á hora de gobernar, e ritmo á hora de sacar adiante os proxectos. Segundo dixo, as transferencias dos fondos provinciais aos concellos de máis de 50.000 habitantes permiten executar o 90% das obras dos gobernos locais con actuacións “cada vez de maior calidade e que prestan mellor servizo á cidadanía”.
Mosquera asegurou tamén que a Deputación de Pontevedra, con apenas o 1,51% do orzamento da Xunta, está a tapar boa cantidade das faltas do Goberno de Feijoo, entre outras, mantendo o funcionamento de Príncipe Felipe, os consorcios de Bombeiros, as escolas de Cantería ou Enfermería, ou incluso dotando de fondos aos Concellos para os servizos sociais. “E aínda así ameazan coa Lei de Augas con obrigar a poñer máis cartos para cousas de competencia da Xunta”, protestou. Finalmente, salientou que o orzamento de 2022 tamén permitirá acometer obras de envergadura como a reforma do Museo ou o traslado do parque de maquinaria para liberar a Xunqueira de Alba, e tamén seguir a traballar en competencias propias como as estradas provinciais que, ao seu xuízo, teñen unha diferencia de calidade e tratamento “evidente” con respecto a outras deputacións.
O vicepresidente pechou a súa intervención asegurando que o goberno provincial é sólido, non gasta enerxías en cuestións internas e menores, senón que soluciona problemas e facilita recursos aos concellos. Sinalou que o horizonte económico é mellor do previsible e que a execución dos orzamentos 2022, “os mellores da historia”, terá lugar ao mesmo tempo que a xestión, tramitación e execución de fondos da Unión Europea. “Temos ganas de facer isto e máis. Imos dar conta do reto: é a nosa intención e ilusión”, subliñou. Como única sombra posible, Mosquera citou as dificultades das empresa e o sector privado para a execución de proxectos. “Isto sería o único que nos podería complicar a existencia. O resto está rodado, embalado e cos obxectivos ben enfocados”, pechou.
Plan Concellos
Aos municipios diríxese unha das medidas clave do orzamento: o Plan Concellos será bianual e, polo tanto, os gobernos locais terán a súa disposición 73, 5 millóns de euros, xa que no 2022 poderán contar, amais dos 43 millóns do Plan, con outros 30,5 millóns da Liña 1 de investimentos do Plan do 2023. A decisión do goberno da Deputación supón incrementar o plan provincial nun 72,94%, ao que se sumarán en transferencias directas outros 22,2 millóns de euros das áreas de infraestruturas, mobilidade sostible, programas sociais, plans de emprego, apoio ás novas tecnoloxías, recuperación de patrimonio e dinamización da lingua, accións de igualdade, cultura, turismo e deporte, amais da estratexia transfronteiriza, a acción do ORAL e do SAIM.
A execución do Plan Estratéxico de Fondos Europeos será outra das ferramentas para consolidar a recuperación. Se no 2021 a Deputación chegou a mobilizar ata 42 millóns de euros en 41 proxectos relacionados coas TIC, o emprendemento rural, a innovación e a sustentabilidade, o goberno xa ten comprometidos para 2022 outros 17 millóns de euros. Están definidos os eixos de actuación na transición verde, a dixitalización, o reto demográfico e a igualdade na que se basea a estratexia de captación, que xa está a dar froitos. “Sen dúbida imos xestionar moitos máis fondos, nesta presentación só contabilizamos os xa comprometidos”, explicou a presidenta
O orzamento da política social crece máis dun 7% ata os 18,2 millóns de euros e o 2022, unha vez encamiñada a pandemia, traerá de novo os valorados programas de participación como DepoTermal, En Ruta coa Depo, Depo en Marcha ou os Campamentos da Lanzada. Soben tamén as axudas de emerxencia para os concellos, ás que se une o salto de calidade da teleasistencia. Haberá nova xestión na Escola Infantil do Príncipe Felipe que crece como centro de referencia, e novas accións coa mocidade máis vulnerable.
A sustentabilidade impregna todas ás áreas de goberno. O orzamento para as políticas de recuperación sostible aumenta un 9,3% ata os 38,8 millóns de euros para as infraestruturas provinciais, a mobilidade coa Red Ágora, a política de residuos con Revitaliza, a reacción nos viveiros de Barro e Lalín, o apoio ao sector primario, as novidades do laboratorio en Mouriscade que xa é referente internacional e da mellora xenética, o I+D+i en Areeiro, a promoción do emprego e o apoio á economía verde.
A igualdade volve a ser un dos sinais de identidade da Deputación de Pontevedra. Serán 1,8 millóns de euros, cun crecemento do 28,57%, e máis proxectos en todo o territorio, accións de corresponsabilidade fronte á conciliación, novos proxectos coa Universidade como a Cátedra de Feminismos e impulso da Escola María Vinyals, referencia estatal e internacional.
Destinaranse 21,8 millóns de euros á reactivación cultural, turística e deportiva da provincia, un 3,81% máis que en 2021. Desde o apoio á creación cultural, a mellora do Museo de Pontevedra, a Escola de Letras, os Rías Baixas Fest e os Film Fest, a dinamización da lingua, o turismo intelixente, os grandes eventos deportivos co impulso ás mulleres , ou a recuperación do patrimonio, sen esquecer a Memoria Histórica, cun orzamento de 0,56 millóns de euros.
A modernización da administración provincial volverá a ser unha constante. 30 millóns de euros, un incremento dun 5,63% para unha xestión eficiente e transparente, un novo impulso da dixitalización, o Teletraballo, e a administración electrónica 100%, amais da mellora das instalacións e novas ofertas de emprego cara a unha maior cualificación do cadro de persoal.