Tras dous anos de pandemia, a Estación das Ciencias Mariñas de Toralla, Ecimat, retomou este venres as visitas de escolares ao centro. Fíxoo cun grupo de 41 estudantes de 4º da ESO e 2º de bacharelato do Castro British International School de Vigo e ao abeiro das actividades organizadas no marco do proxecto europeo Bapsi, Blue Academy for Professionals of the Seafood Industry, no que participa Conxemar, quen contactou co Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo para desenvolver de maneira conxunta toda unha serie de actividades, entre elas estas visitas divulgativas.
Acompañados por tres dos seus docentes e dous representantes de Conxemar, os estudantes tiveron a oportunidade de coñecer de preto as diferentes instalacións da Ecimat, desde o Laboratorio de Criopreservación, onde a investigadora Estefanía Paredes lles fixo unha breve presentación do traballo que alí se leva a cabo, ata as salas de fitoplancton e zooplancton, o fotobiorreactor, a Unidade de Oceanografía, a sala de bombas da Ecimat e as instalacións de mesocosmos, entre outros. Completaron o percorrido no exterior, onde puideron tomar mostras de fauna e sedimento na praia da illa de Toralla.
A visita incluíu ademais unha charla de Jesús López, do grupo de investigación EcoCost, sobre as investigacións que este equipo está a levar a cabo na Antártida e na que lles falou sobre os efectos do cambio climático no denominado continxente xeado, centrándose especialmente no caso da degradación das algas e o seu impacto nas comunidades intermareais da illa Decepción, onde están as bases antártidas.
Primeira visita desde febreiro de 2020
Se ben o pasado mes de outubro a Ecimat xa volvera abrir as súas portas ao público a través do programa Divulgando Ciencia Singular, no que os centros de investigación da UVigo convidan á cidadanía a coñecer máis de preto as súas instalacións e proxectos, a última visita dun centro escolar á Ecimat realizárase en febreiro de 2020, xusto antes da pandemia. A idea agora é ilas retomando, aínda que, polo momento, realizaranse de xeito limitado.
Neste caso a visita estivo formada por alumnas e alumnos da materia Geography, na que se estudan en detalle as zonas costeiras, tratando aspectos claves como a sustentabilidade, a pesca, os métodos extractivos, etc. Ademais, desde a organización destacouse tamén o elevado interese da visita desde o punto de vista da orientación laboral e as saídas profesionais, sobre todo para o alumnado de segundo de Bacharelato.