Para a presidenta provincial, “hoxe damos o primeiro paso para instalar na Guía a imaxe do Sagrado Corazón que se converterá, ao igual que o Cristo en Río de Janeiro, no símbolo da cidade”. Carmela Silva enxalzou o lugar estratéxico da ermida, “nun lugar emblemático da cidade que coa imaxe de grande altura do Sagrado Corazón vaise poder ver dende toda a cidade e dende toda a Ría”.
A presidenta da Deputación recordou que en 1951 a veciñanza da cidade non tiña os recurso suficientes para contemplar as ideas que Gómez Román e Antonio Palacios tiveran para a construción da ermida da Guía. Neste contexto, “cando o párroco da Guía, Ramón Laro, me formulou fai ano e medio que tiñamos que poñer en marcha a instalación do Sagrado Corazón non o dubidei nin un intre porque é un xeito de recoñecerlle a estes dous arquitectos as súas ideas, facer algo que lles pertence a eles e a toda a cidadanía”.
Pola súa banda, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, destacou que o carácter vivo e dinámico de Vigo, “que sempre se está completando pero quedaba unha parte por facer, rematar a obra de Gómez Román, co gran faro de Vigo, o Sagrado Corazón, na ermida da Guía”. Neste contexto Caballero agradeceu á Deputación de Pontevedra e ao bispado a súa boa disposición “para seguir na boa senda de continuar construíndo Vigo”.
Tamén tivo palabras o bispo de Tui-Vigo, Luis Quinteiro, quen subliñou “o entusiasmo marabilloso” da presidenta da Deputación á hora de acoller este proxecto que ademais fundamenta “en razóns tan poderosas como o sentimento e a historia e cun símil tan fermoso como é o Cristo de Río de Janeiro”. Neste eido, Quinteiro destacou que coa construción do Sagrado Corazón na ermida da Guía, “esta cidade vai ter unha icona moi importante”.
A Deputación de Pontevedra ten desde este sábado instalado na Guía un panel informativo que da conta á cidadanía da construción e instalación do Sagrado Corazón na cima da ermida. A partir de setembro a institución provincial vai comezar a facer realidade o proxecto ideado por Gómez Román e tamén por Antonio Palacios para a Guía coroando a súa cima coa imaxe de cinco metros de altura.
A Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra leva xa varios meses realizando estudos técnicos para a construción da figura do sagrado corazón, nos que se realizaron análises previas das estruturas, dos pesos e realizaron cálculos de proporcións para a posta en marcha do conxunto escultórico.