“Hai un discurso que existe, que está presente, que quere tomar corpo e foza, no que se nos di que as decisións que tomamos as mulleres son libres e polo tanto, benvidas sexan, en temas como a prostitución, os ventres de alugueiro ou na cousificación dos nosos corpos. Pero non é certo”. Con esta contundente declaración de intencións a presidenta da Deputación, Carmela Silva abriu este xoves a xornada “Libres? A cousificación do corpo das mulleres” que impulsou telematicamente a Escola de Igualdade María Vinayls e na que participaron como poñentes Anais Bernal, Yolanda Domínguez, Rosa Cobo e Carmen Delgado moderadas por Silvia Pérez Freire. Ante un auditorio on line de máis de 400 persoas, de diferentes puntos do Estado, a presidenta provincial destacou que estamos “ante un debate imprescindible” porque vivimos unha “falacia da liberdade” ante a que é preciso “reflexionar para que non se manipule nin cousifique a nosa posición no mundo”, situando á igualdade “como o centro do debate”.
Carmela Silva recordou que as mulleres prostitutas non elixen libremente exercer a prostitución, senón que o fan aquelas vulnerables, de países empobrecidos. Por elo, asegurou que a “prostitución é o escravismo do século XXI, un sistema no que as mulleres perden todos os seus dereitos e os homes se enriquecen no que constitúe o terceiro dos negocios ilegais do mundo”. Do mesmo xeito falou a presidenta dos ventres de alugueiro, tamén estreitamente relacionados con mulleres vulnerables: “¿Que liberdade é esta? ¿Que escándalo é este no que o noso corpo sirve como unha mercancía? ¿Ata cando imos ter que soportar isto?”. A presidenta tamén fixo un chamamento a rachar coa imaxe cousificada dos corpos das mulleres destacando que pese a estar no século XXI, “un século tan avanzado, tecnoloxizado, estamos a sufrir as mesmas cousificacións ou incluso peores que noutros séculos”. Ademais, Silva recordou o tratamento que se lle da ás mulleres nos medios de comunicación, o escaso protagonismo nas noticias, ou nos debates.
“Hoxe as mulleres temos moitas preocupacións ás que facer fronte, con discursos que críamos que non eran posible que volveran estar enriba da mesa” asegurou a presidenta da Deputación lembrando a Simone de Beauvoir. Nesta transformación e cambio de paradigma cara outro sistema económico, asegurou que “as mulleres temos que ser protagonistas. A loita do feminismo ten que ser o centro. Non haberá cambio de sistema económico e social se as mulleres coas súas reivindicacións non están no centro da toma de decisións. De aí a importancia destas xornadas protagonizadas por grandes pensadoras do feminismo que están a mellorar a historia da humanidade e nos van permitir transformar o que din en proxectos políticos”.
A psicóloga e profesora universitaria Carmen Delgado vinculada á Rede Académica de Estudos de Prostitución e Pornografía centrouse na “Violencia contra as mulleres: entre a negación e a banalización”. “É fundamental explicar os factores estruturais que explican a violencia contra as mulleres, un fenómeno que dadas as súas dimensións debería ocupar un espazo importantísimo e mesmo incorporarse nos currículums formativos”. Tamén apelou a conferenciante a “sacar á prostitución do espazo do discurso da liberdade e situalo como un problema de saúde público, xa que afianza un modelo de relacións de violencia, que hai que erradicar mediante unha lei abolicionista que dea unha mensaxe pedagóxica á sociedade”. En liñas xerais, Delgado presentou datos relacionados coa violencia contra as mulleres, que remite ao marco de desigualdade que naturaliza os privilexios masculinos nas relacións entre os sexos. Igualmente, fixo fincapé no carácter estrutural desta violencia, posto de manifesto polas análises feministas, e no negacionismo que naturaliza a desigualdade e trae consigo novos discursos que banalizan a violencia contra as mulleres.
Pola súa banda Rosa Cobo, doutora en Ciencias Políticas e Socioloxía e profesora de Socioloxía de Xénero da Universidade da Coruña, centrouse na “Pornografía. O pracer do poder”, asegurando que “temos que descifrar o porno dende o feminismo e poñer de manifesto o vínculo estreito que ten co sistema patriarcal, pese a que as capas discursivas pretenden ocultalo”. Para a profesora, o porno, ao que cualificou como “pedagoxía da masculinidade hexemónica”, constrúe “novos imaxinarios” e “unha cultura emocional e sentimental que define o que deben ser os homes e mulleres no século XXI”. Concretamente, destacou que establece “a normatividade feminina como o insignificante e infrahumano, con mulleres hipersexualizadas, servidoras sexuais, que carecen de individualidade, de sentimentos e que son receptoras de diferentes formas de violencia e que converten ao porno no maior asedio ás mulleres que tivo lugar na humanidade”. Cobo tamén fixo fincapé en que “hai grupos de varóns que queren derribar os espazos de liberdade e os dereitos que as mulleres temos conseguido para restablecer privilexios patriarcais” e situou ao porno como “un dispositivo para conquistar a soberanía masculina sobre as mulleres”.
A artista visual e experta en comunicación e xénero Yolanda Domínguez, afondou en “Cambiar as imaxes para cambiar o mundo” cun percorrido polo imaxinario dos contos e da historia da arte no que se presentan a mulleres vítimas, pasivas, sumisas, vencelladas á maternidade e ao coidado, dispoñibles para os homes e nunha posición secundaria que aínda hoxe en día se mantén. “Esas imaxes, que se repiten a día de hoxe, son como mapas, representacións ás que damos total credibilidade para poder orientarnos e que presentan o camiño que podemos ou non seguir”, asegurou Domínguez, quen reivindicou “referentes de mulleres valoradas por cuestións máis alá do seu aspecto físico”. A conferenciante destacou que a cultura visual “nos ensina que as mulleres somos obxectos, trozos de carne e non temos dimensión humana” e precisamos “que se nos represente de outras formas, porque a violencia cultural e simbólica pode influír na violencia directa, na estrutural e na interiorizada polas mulleres”. Para elo, Domínguez apelou a que as mulleres constrúan os seus propios relatos e reivindicou que “non hai liberdade porque non hai diversidade de relatos nin variedade, non temos a posibilidade de elixir”. Neste eido, asegurou que “cando se fala de liberdade de expresión hai que ampliar o debate cara a responsabilidade de expresión: que cando eu exerza a miña liberdade poida aportar tamén liberdade ao resto das persoas”
Finalmente, a xornalista Anais Bernal, centrouse na “Normalización da cousificación do corpo das mulleres nos medios de comunicación”, analizando o papel dos medios na formación da opinión pública e normalización de estereotipos e facendo fincapé nas deshumanizacións e nos problemas de autoestima que xera a sexualización das mulleres. “Os medios nos converten en invisibles, eliminan o noso nome, mesmo a nosa imaxe, xerando pequenas violencias simbólicas que terminan deshumanizando a nosa personalidade e a nosa imaxe de cara á sociedade”, asegurou Bernal quen tamén destacou que –os medios – empregan “a linguaxe para xustificar o sistema”. En canto á imaxe da muller, a conferenciante subliñou que “o feminismo non prohibe a maquillaxe ou o emprego de tacóns, senón que o que fai é que pensemos, nos preguntemos e reformulemos cuestións asumindo que se trata dun mandato de xénero”. Deste xeito, Bernal destacou que o problema atópase en que “estas cuestións se venderon como liberadoras pero o certo é que a liberdade da muller está nos seus dereitos, non na imaxe que agardan de nós, e a violencia simbólica acaba provocando que as mulleres esteamos nun permanente estado de inseguridade que nos converte en obxectos, reforza estereotipos e ten unha estreita incidencia no noso benestar social e psicolóxico”.
A presidenta provincial clausurou a xornada enxalzando que “non hai discurso decente se non hai verdade, e hoxe aquí déronse datos clarísimos, verdades, asentadas nos valores do feminismo que nós herdamos e temos que seguir construíndo”. Ao respecto, Silva destacou a contraposición entre o individualismo que promove o patriarcado e “o ben común, o respecto ao público e o colectivo que defenden as mulleres”. Neste eido, a presidenta fixo fincapé no papel das conferenciantes: “cando vós expoñedes os vosos estudos e facedes propostas para saír desta situación inxusta e intolerable, estades a empoderar ás mulleres que cremos que hai que reescribir esta historia”. Tamén lles agradeceu a súa valentía ao enfrontarse a diario “a multitude de ataques irracionais por defender a xustiza, a igualdade, un mundo no que o conxunto da sociedade sería moito máis feliz”.