O comité de empresa de Vitrasa cualificou este martes de “masivo” o seguimento da primeira xornada de folga, á que se sumou todo o persoal agás os servizos mínimos. A este respecto, o seu presidente, Imanol Arnoso, anunciou que impugnarán o número de autobuses que a empresa obrigou a mobilizar. Segundo indicou, nunha xornada normal circulan 94 autobuses e o Concello de Vigo decretou uns servizos mínimos do 50%. Isto implicaría a habilitación de 47 vehículos, pero Arnoso denunciou que Vitrasa forzou a saída de 52 autocares.
O comité salientou a “elevada” participación na concentración convocada ás portas da empresa, onde chegaron a sumarse preto de 90 membros do persoal malia haber moito persoal de vacacións ou de baixa por IT. O presidente explicou que a asemblea decidiu convocar estas xornadas de folga –están previstas novas convocatorias para o venres día 6, o sábado 7 e o domingo 8 de agosto– para denunciar os “incumprimentos” do convenio por parte da concesionaria, ademais de demandar melloras nas súas condicións laborais.
Neste sentido denuncian xornadas “interminables” que chegan a ser de até dez horas seguidas de condución, falta de descanso dentro da propia xornada, situacións de estrés estremo ao volante, a negativa da dirección a negociar un convenio caducado e mesmo dous atrasos no abono das nóminas nos últimos seis meses. Atrasos dos que Vitrasa responsabiliza ao Concello de Vigo.
Arnoso sinalou que precisamente por estas cuestións presentaran denuncia diante da Inspección de Traballo, que deu á empresa un prazo máximo até setembro do pasado ano para darlle unha solución. A empresa “non acatou” nin este prazo nin atendeu os requirimentos da Inspección. “Consideramos que podiamos incluír estes temas na mesa de negociación do novo convenio, pero tamén aí se negou a empresa”.
O presidente do comité lembrou que o anterior convenio remataba en decembro e que cando se puxeron todas estas demandas sobre a mesa a empresa rexeitou sequera falar de nada que supuxera un incremento económico. “Nin sequera atendeu a demanda de billeteiras que solicitabamos para o persoal de condución”. Unha petición que denegou mesmo diante da propia Inspección de Traballo. O comité insiste en que as súas demandas son todas de carácter social e exixe que se aborden e inclúan no novo convenio, que ten que ser negociado xa.
O comité tamén denunciou o “inmobilismo” do Concello de Vigo diante dos “incumprimentos reiterados” por parte da empresa como son a falta de pago dos salarios ou dar un servizo “deficiente” que deixa pasaxeiros/as nas paradas a pesar de ter autobuses parados nas cocheiras”. Incumprimentos aos que a administración local, “como adxudicador da concesión, debería requirir que se dea unha solución inmediata”. Denuncia ademais a falta de resposta do seu alcalde, Abel Caballero, á súa solicitude dunha xuntanza pola que aínda agardan.