Nesta cuarta edición da Noite Galega das Persoas investigadoras (G-Night), a ciencia e o coñecemento sairán dos laboratorios e das aulas para trasladarse a rúas, museos, parques e bares das cidades de Vigo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol e Lugo. Máis de 100 actividades de divulgación, en máis dunha vintena de localizacións para fomentar o interese pola ciencia.
En Galicia, o evento está coordinado pola Universidade de Vigo, que lidera un consorcio formado por varios socios, entre os que se atopan as universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, varios institutos de investigación do CSIC (IEGPS, IEO, MBG e Incipit) e outros organismos de investigación galegos (INIBIC, Idis, CITMAga, SEBBM, CESGA e RAGC). Neste caso, a G-Night é un evento asociado ao proxecto europeo e lévase a cabo cos recursos propios das entidades que integran o consorcio e co apoio da Xunta de Galicia.
Actividades na cidade olívica
Por segundo ano consecutivo, a praza do Berbés en Vigo, co edificio Redeiras como punto central, acollerá unha gran feira científica, organizada pola Universidade de Vigo en colaboración co Concello de Vigo. O programa na cidade complétase cunha charla na biblioteca Xosé Neira Vilas e cos obradoiros organizados polo Centro Oceanográfico de Vigo (IEO), que terán lugar no espazo anexo ao Museo Marco entre as 17.00 e as 21.00 horas.
Baixo o lema, “Conciencias creativas”, a feira científica en Redeiras desenvolverase entre as 17.45 e as 22.00 horas, e as persoas asistentes atoparán actividades gratuítas dirixidas tanto aos máis pequenos e pequenas da casa coma a toda a familia. Paralelamente á feira, con máis de 20 postos científicos, o edificio acollerá charlas, un xogo de escapada, obradoiros interactivos e un espectáculo de danza. O dúo PÄRBO, integrado por dous dos artistas galegos con máis proxección, Begoña Riobó e Anxo Pintos, poñerán o ramo a este grande evento científico e cultural.
As actividades da G-Night en Vigo complétanse cun paseo científico a bordo da embarcación Nautilius organizado polo Instituto de Investigacións Mariñas (IIM-CSIC). O público de tódalas idades poderá descubrir a diversidade mariña do fondo da Ría gracias ao robot que leva o barco. É preciso reservar praza.
Pode verse toda a programación na páxina web da G-Night.
Durante os días previos á celebración da G-Night levaranse a cabo relatorios de científicos e científicas da Universidade de Vigo nos centros escolares e nos institutos da cidade, no marco da iniciativa Researchers at Schools.
Un paseo pola Pontevedra literaria e a biodiversidade
Pontevedra acollerá un roteiro científico organizado pola UVigo en coordinación coa doutora en Filoloxía Galega e profesora da universidade, Ana Acuña. A mañá do propio 27 de setembro, as persoas participantes terán a oportunidade de familiarizarse cos diferentes períodos literarios e visitar puntos con algunha significación nas diferentes obras destacadas. A escritora Fina Casalderrey acompañará o final do roteiro salientando a relación da súa obra coa cidade. Esta saída terá unha duración de dúas horas cun límite de 25 prazas e é preciso inscribirse para participar.
A Misión Biolóxica de Galicia (MBG), centro do CSIC en Pontevedra, levará a cabo un xogo de escapada no que se tratará dunha forma lúdica e orixinal problemas sociais como a perda de biodiversidade, o cambio global, a escaseza de auga, a saúde do solo e das sementes e da súa importancia para alimentar o mundo. Tamén será preciso inscribirse previamente a través do correo info@biomision.eu.
Ciencia no bar e obradoiros en Ourense
En Ourense o escenario será o Café & Pop Torgal, que o venres 27 de setembro acollerá, a partir das 19.00 horas, dúas charlas científicas: “Aprendizaxe baseada en xogos e o colectivo transxénero”, a cargo de Paula Rodríguez, e “A ciencia axuda a reducir a violencia de xénero”, a cargo de María José Vázquez. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala.
O programa na cidade complétase cun obradoiro de escritura sobre linguas da antigüidade, organizados por persoal investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT), e para o que será preciso inscribirse previamente.
Con este evento, a UVigo tratará de amosarlle á sociedade unha pequena representación das áreas de estudo máis significativas da institución con máis de 100 persoas involucradas na súa organización. Entre os ámbitos máis destacados estará a investigación mariña, coa participación dos grupos FOL, Xenética de Poboacións e Citoxenética, e PhysToFish do CIM; a enxeñaría e as novas tecnoloxías, coa participación de investigadores e investigadoras da Escola de Enxeñaría Industrial e da Escola de Teleco, o grupo EN.EDI e os grupos de atlanTTic GTI, Tecnoloxía Aeroespacial e Vigo Quantum Communication Center e o grupo BIOSUV do CINTECX; as ciencias, cos grupos Química e Analítica Alimentaria, BiotecnIA, FunNanoBio do CINBIO e o persoal investigador do proxecto AGROSUS. Pero tamén haberá representación doutros centros de investigación da UVigo como ECOBAS; da Unidade de Igualdade e do alumnado da UVigo responsable dos proxectos UVigo SpaceLab e UVigo Motorsport. O CITMAga tamén nos acompañará en Vigo con dous obradoiros e dúas interesantes charlas.
Actividades noutras universidades e centros de investigación
O paseo do Parrote da cidade coruñesa acollerán de 18.00 a 21.00 horas obradoiros científicos para todos os públicos, coordinados pola UDC en colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña, os Museos Científicos Coruñeses e Coca-Cola, onde participarán tanto persoas investigadoras da propia universidade coma do Instituto Oceanográfico e a SEBBM. Asemade, haberá actividades no Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía (MUNCYT), DOMUS (organizadas polo INIBIC) , Escola Técnica Superior de Náutica e Máquinas, visitas guiadas ao Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información (CITIC) e Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñaría Civil (CITEEC), unha peza teatral na Casa Hamlet e ciencia no bar en La Olímpica e no Árnica. No campus de Ferrol, os eventos terán lugar no CITENI e na Asociación de Veciños de Canido. Bótalle un ollo á web para non perderte nada da extensa oferta.
No caso da Universidade de Santiago de Compostela, a feira científica trasládase ao Claustro do Colexio Fonseca, cun completo programa de obradoiros e demostracións de 18.00 a 21.00 horas, onde tamén terán presenza o INCIPIT e o CITMAga. Pola súa banda, o IEGPS complementa a feira cun interesante roteiro sobre a pegada das mulleres nas rúas de Compostela e un obradoiro para descifrar as escritas antigas. A programación complétase con charlas organizadas polo CITMAga no salón de graos de San Xerome, portas abertas no INCIPIT e no CESGA e un relatorio organizado pola Real Academia Galega de Ciencias.
O campus de Lugo, coa participación de Xuvenciencia e Agromar, ofrecerá tamén un amplo programa de actividades no Mercado Municipal e na praza de abastos.
A Noite Europea dos Investigadores é un proxecto de divulgación científica promovido pola Comisión Europea dentro das accións Marie Skłodowska-Curie do programa Horizonte Europa, que ten lugar simultaneamente en case 400 cidades europeas dende 2005.
Coñece o programa completo na web do evento.