Vigo volverá celebrar o Día Internacional da Muller o vindeiro 8 de marzo con múltiples actos que non se limitarán unicamente a esa xornada. O Concello de Vigo e a Consello Municipal da Muller organizaron unha morea de iniciativas que se desenvolverán entre o 3 o 20 do vindeiro baixo o lema “Loita feminista. Xuntas, libres e vivas!”.
Os actos propostos comezan o martes 3 de marzo coa proxección de curtas no MARCO, con entrada libre e desde as 20.00 horas. O público poderá asistir ao documental ‘Consello municipal da muller: 25 anos facendo camiño’, de Xisela Franco, e ao filme ‘As mulleres salvaxes’, de Eire García Cid.
Ao día seguinte, desde as 19.00 horas na Casa Galega da Cultura, organizarase un recital aberto de poesía de xénero con Iolanda Zúñiga e o venres 6, ademais do tradicional Pleno do Consello municipal da muller das 10.00 horas, a biblioteca central Juan Compañel acollerá ás 18.30 horas a contada de igualdade ‘Eu non quero’, a cargo de Ana Carreira, para nenos e nenas a partir dos catro anos.
O domingo, 8 de marzo, a tradicional manifestación do movemento feminista polas rúas do centro de Vigo partirá ás 18.00 horas desde Vía Norte con Urzaiz, en lugar de saír da Praza de España como era habitual ata o de agora. Tamén cambia o lugar de chegada. Desta vez a marcha rematará na Praza de Compostela.
O martes 10 de marzo (20.00 horas) proxectarase o filme ‘Eu tamén necesito amar’, de Antonio Caeiro, no MARCO. A entrada libre é ata completar aforo. O venres 13 entregarase o VIII Premio de igualdade Ernestina Otero, que recaerá este ano na política e escritora María Xosé Porteiro.
O programa continúa o sábado 14 de marzo cunha visita guiada á ruta en feminino ‘Sons de mulleres’, a cargo de María Casar, desde as 11.00 horas, con punto de encontro no Paseo de Alfonso XII. O martes 17 de marzo poderase ver o filme ‘La directora de orquesta’, de María Peters, ás 20.00 horas no auditorio municipal do Concello con entrada libre. O venres 20 de marzo terá lugar o último acto coa actuación musical do grupo De Vacas, ás 20.30 horas no MARCO, con entrada libre.
Colectivo Galegas 8M
Pola súa banda, o colectivo Galegas 8M avanzou que o propio 8 de marzo ás 12.00 horas desenvolverán a tradicional concentración na lámpada de Urzaiz, onde se representará unha acción de rúa cantando ‘Un violador no teu camiño’.
Posteriormente, ás 14.00 horas organizarán un recital de poesía e foliada na Praza de Portugal. Nel participaran, entre outras, Nuria Vil, Yimiyourek, Vanessa Glamsel, Mónica Sueiro ou o colectivo 85C.
Tras a manifestación da tarde e a lectura do manifesto, Su Garrido e de Ultraviole(n)tas actuarán na Alameda.