A maratón fotográfica de Vigo celebrará este outono a súa 25ª edición de xeito virtual. O evento terá lugar a fin de semana do 10 e 11 de outubro cun protocolo ‘anti covid’ que marca o seu desenvolvemento. Todo se levará a cabo de forma telemática, polo que “calquera poderá participar estea no lugar xeográfico no que estea”.
Este ano ampliarase o tempo dispoñible, de 24 a 36 horas. A saída virtual dos participantes darase o sábado 10 ás 10.00 horas e logo de coñecer os catro temas por correo electrónico e as redes sociais. Os temas serán secretos ata o momento da saída e as imaxes deben ser enviadas vía e-mail antes das 22.00 horas do domingo 11.
Cada participantes achegará catro fotografías, unha por tema, e optará a tres premios con dotación económica e tres accésits. A inscrición pode facerse a través da web www.agrupacionfotograficagalega.com.
As obras recibidas conformarán unha exposición virtual nunha plataforma específica creada pola Agrupación Fotográfica Galega e o MARCO acollerá unha exposición física coas mellores imaxes. Na inauguración coñeceranse os gañadores e entregaranse os premios.