Perfís plurais en todos os sectores da comunidade universitaria, que abrangue desde o alumnado de grao, ao do programa de maiores, pasando polo PDI e o PAS; distintas procedencias; idades; identidades de xénero; nacionalidades e diversidade funcional. Historias protagonizadas por calquera persoa pertencente a estes perfís é o que amosará a nova campaña de comunicación da UVigo, que pon en marcha un proceso de selección inclusivo, que será coordinado pola Vicerreitoría de Comunicación e Relacións Institucionais.
Ata o 21 de abril as persoas interesadas en protagonizar a nova campaña de comunicación poderán remitir a redes sociais (Facebook, Twitter, LinkedIn ou Instagram) ou ao correo electrónico da Vicerreitoría (viccom@uvigo.gal) un breve vídeo cunha presentación, no que conten algo sobre elas e que inclúa nome e apelidos, idade e o centro de estudo ou de traballo na UVigo. As pezas audiovisuais deberán estar gravadas en formato horizontal.
Unha vez realizada a selección das persoas que protagonizarán a nova campaña, pola que recibirán unha remuneración económica, a gravación dos vídeos e as sesións de fotos desenvolveranse nos tres campus.
‘Vivo UVigo’, slogan das pezas publicitarias do curso pasado
Logo dun confinamento ao que seguiu un curso con docencia mixta, a UVigo optara na campaña de comunicación do ano pasado por unha mensaxe centrada nas experiencias fóra das aulas, concretamente nos campus, na casa e no deporte. Con Vivo UVigo como slogan das pezas publicitarias e o movemento, o benestar e a socialización con todas as garantías como eixos, as escenas que recreaba a campaña condensaban a sensación de vitalidade e de espazos reconquistados.