O alcalde de Vigo, Abel Caballero, visitou a evolución das obras da nova estación potabilizadora de auga da cidade que se están a desenvolver nas instalacións na rúa Cantabria. O rexedor puido coñecer de primeira man como se están a desenvolver os traballos de ampliación e modernización da potabilizadora, onde destaca a recente colocación da cúpula do edificio de ultrafiltración que converterase no corazón da ETAP. A cúpula é unha estrutura lixeira de aluminio de 39 metros de diámetro construída no chan e izada para a súa colocación en cuberta.
As obras van a “bo ritmo”, segundo Aqualia, e estanse a desenvolver á vez que se garante o subministro de auga. Algunhas das cifras máis salientables dos traballos desenvolvidos ata o momento son a escavación de máis de 4.300 metros cúbicos de terra, utilización de 2.625 metros cúbicos de formigón, 262.500 quilogramos de aceiro, 6.600 metros cadrados de encofrado visto, fachada composta por 49 paneis pre-fabricados de formigón armado e unha superficie de 1.030 metros cadrados, entre outros. Ademais, levouse a cabo a demolición do antigo decantador cun volume de 8.400 metros cúbicos.
O edificio de ultrafiltración estase a construír sobre o decantador existente. Trátase dun edificio de dúas alturas e planta circular. No andar inferior, albergaranse as canles de floculación e remineralización e os depósitos da auga pretratada nesta fase, e o bombeo ata a planta superior, onde se situarán os sistemas de filtración e de ultrafiltración, que, cunha capacidade de filtración de partículas de 0,02 micras, fornecerá auga dunha calidade excepcional.
Unha vez estea operativo, a auga ultrafiltrada conducirase, por gravidade, ao depósito de cabeceira que ten 132.000 m3 (a auga equivalente a máis de 50 piscinas olímpicas) e de aí ao sistema de distribución que pasa por ser a maior infraestrutura hidráulica de Galicia.
Con esta nova instalación, que conta cun investimento estimado de 23 millóns de euros, Vigo eleva a súa esixencia por encima da nova directiva europea sobre a auga de consumo humano, nunha clara aposta de futuro. Trátase dun proxecto revolucionario, xa que o uso de membranas de ultrafiltración para a mellora da calidade da auga na potabilización da auga dunha gran cidade como Vigo supón un fito tecnolóxico. «Deixamos resolto o ciclo da auga en Vigo para os próximos 50 anos», indicou Caballero.
Unha vez que o sistema de ultrafiltración estea operativo e xa se estea producindo auga a partir del, activarase e contemplarase a remodelación da instalación ao completo e a construción dun laboratorio de última xeración, así como unha nova sala de control totalmente automatizada.
O alcalde acudiu ás obras da nova ETAP acompañado por Javier Pardo, concelleiro de Fomento e Servizos; María José Caride, concelleira de Urbanismo; Elena Espinosa, concelleira de Economía e Empresa e representantes de Aqualia.