Trátase dunha tarxeta que funciona sen contacto -mediante o sistema ‘contactless’ que xa teñen a maioría de tarxetas de pago bancarias- e que non precisa ser inserida nos lectores dos autobuses nin nos caixeiros, basta con aproximala. Tamén é un elemento interactivo, de dobre dirección, co que o consistorio vigués poderase comunicar coa cidadanía.
A substitución da antiga tarxeta verde pola nova non terá custo para os usuarios. O Concello enviará unha carta a toda a cidadanía para explicar as vantaxes e o funcionamento da tarxeta así como o procedemento de cambio das mesmas.
«Farémolo de forma paulatina, será un proceso individualizado e haberá un período de transición entre a vella e a nova tarxeta», informou este venres o alcalde da cidade, Abel Caballero.
O cambio comezará en setembro cos pensionistas, despois co estudantado e, por último, coa tarxeta verde xeral, coa previsión de que o proceso poida estar rematado no mes de decembro.