Unha feira, un desafío científico, obradoiros infantís, unha xincana, maxia, monólogos… A programación divulgativa deseñada polo Cinbio, o Centro de Investigación en Nanomateriais e Biomedicina da Universidade de Vigo, para esta fin de semana ten de todo e para todos os públicos. Todas estas actividades forman parte do festival divulgativo Cinvigo unha proposta de divulgación e promoción científica que busca achegar ás prazas e rúas da cidade a ciencia que día a día se fai neste centro de investigación. O epicentro de todo será a Porta do Sol que se converterá nun auténtico laboratorio científico do que poderá participar toda a cidadanía. Baixo o lema Ciencia na rúa, a idea é que públicos de todas as idades coñezan o traballo que desenvolven os grupos de investigación que se integran no Cinbio e aumentar a cultura científica da sociedade, ao tempo que se espertan vocacións científicas entre as e os máis cativos.
Como subliña o director do Cinbio, Miguel Correa, “como centro de investigación de referencia, o noso obxectivo fundamental é multiplicar o retorno á sociedade en forma de coñecemento científico, innovación e formación de profesionais. Por iso, con iniciativas coma esta, tentamos espertar vocacións e aumentar a cultura científica da sociedade, con fin de poñer en valor a ciencia e asegurar o futuro da investigación”. O evento conta coa colaboración do Concello de Vigo e, como explicaba o alcalde este xoves en rolda de prensa, o fundamental desta proposta “é sacar a ciencia á rúa e achegala á cidadanía”. Esta será a primeira edición dun evento que nace con vocación de continuidade, co obxectivo, recalca Correa, de que “CinVigo se converta nun evento anual de referencia en Vigo no que a ciencia sexa a protagonista”.
200 estudantes de secundaria exporán os seus proxectos
O eixe central de Cinvigo será unha feira científica na que arredor de 200 mozos e mozas de ESO e Bacharelato presentarán os seus proxectos e competirán por uns premios finais. En total exporanse 55 traballos desenvolvidos en 27 centros educativos de toda Galicia. Os equipos exporán os traballos na Porta do Sol de Vigo, onde ofrecerán as correspondentes explicacións ás persoas que se acheguen aos postos ao longo da fin de semana. Os proxectos tratarán de demostrar fenómenos físicos, químicos ou naturais relacionados coa ciencia, concursando a través de tres niveis ou categorías de participación: Early researchers para estudantes de 1º e 2º da ESO, Young researchers para 3º e 4º da ESO, e Teen researchers para alumnado de 1º e 2º de Bacharelato e ciclos formativos.
Os proxectos gañadores serán escollidos por un xurado especializado e haberá tamén un premio do público, que poderá votar ao mellor proxecto a través duna aplicación móbil. Os equipos gañadores obterán premios como unha matrícula universitaria de balde, a participación noutra feira científica ou unha estadía no Cinbio. O horario de apertura ao público da feira científica será de 12.00 a 14.30 horas e de 16.00 a 19.00 horas na primeira xornada do sábado 22 de abril, e de 11.00 a 13.00 horas na xornada do domingo 23. A entrega de premios será o domingo a partir das 13.00 horas.
U-Challenge
Outra das actividades centrais será o U-Challenge, un desafío no que poderán participar estudantes universitarios ou de FP maiores de 18 anos que porán a proba as súas habilidades físicas e mentais. Neste reto deberase deseñar, reutilizar, construír e atinar nunha diana para acadar un premio en metálico de 500 euros. Cómpre inscrición previa no seguinte formulario e o horario de participación será de 16.00 a 19.00 horas o sábado e, as e os que se clasifiquen participarán na fase final o domingo de 11.00 a 13.00 horas.
Obradoiros científicos infantís
Para os cativos e cativas de entre 3 e 12 anos, a organización porá en marcha unha serie de obradoiros infantís nos que poderán xogar, gozar e aprender en equipo a través de actividades deseñadas baixo unha metodoloxía activa que os converterá nos verdadeiros protagonistas da súa aprendizaxe. Leite con cores, Espuma máxica, Neve de cores ou Arco da vella de caramelo son algúns dos experimentos nos que poderán participar. Estes talleres terán lugar en catro carpas de 11.00 a 14.00 horas e de 16.00 a 19.00 horas durante a xornada do sábado e de 11.00 a 13.00 o domingo.
Detectives na xincana Cinvigo Holmes
Para os que queiran converterse en detectives por un día, o Cinbio organiza a xincana Cinvigo Holmes, pensada para a rapazada de entre 12 e 17 anos, que poderá amosar as túas habilidades nun xogo de pistas que terá lugar o sábado, de 12.00 horas a 17.30 horas. A actividades tamén está aberta a menores de 12 anos sempre que acudan cun adulto. Deste xeito, a proba permitirá tanto a adolescentes como a familias gozar dunha tarde de aventura e redescubrir os barrios de Vigo dende una nova perspectiva. Para esta actividade é preciso realizar inscrición previa neste formulario.
Maxia, monólogos, obradoiros… o sábado
A todas estas propostas haberá que sumar un programa paralelo de actividades para o sábado. De 12.00 a 13.00 horas o público poderá asistir a Maxia de preto, unha actividade con varios pases de 15 minutos; entre as 13.00 a as 13.45 horas haberá un espectáculo que, baixo o nome de Ciencieando e coa colaboración da FECYT, ofrecerá un percorrido pola historia da ciencia a través de demostracións e experiencias espectaculares que permitirán, por exemplo, coñecer a natureza do lume. De seguido, ás 13.45 h arrancará unha serie de monólogos da man de finalistas da última edición do concurso de monólogos organizado por Ciencia Calidade.
Pola tarde repetiranse estas tres actividades co seguinte horario: de 16.00 a 18.00 horas Maxia de preto; de 18.00 a 19.00 horas o espectáculo Ciencieando e ás 19.00 horas actuación de Samuel Moreno, unha proposta dunha hora de duración na que a maxia se fusiona coa música, a tecnoloxía e o humor.
Paralelamente, as persoas que se acheguen a Porta do Sol poderán visitar postos informativos do Cinbio e doutras entidades promotoras de actividades de divulgación científica como Ciencia Calidade ou Vermis LAB.
Ademais da colaboración do Concello, Cinvigo conta co apoio do Consello Social da Universidade de Vigo, Büchi, Jasco, Portomédica, El Corte Inglés, Coca-Cola, Radio Vigo ou Frutas Nieves, entre outros.