O Bloque Nacionalista Galego propón frear a proliferación de pisos turísticos en Vigo coa posta en marcha dunha ordenanza municipal. Así o avanzou este mércores o concelleiro e portavoz do BNG, Xabier P. Igrexas, que chamou a regular nos primeiros 100 días do novo mandato esta «ameaza ultraespeculativa» na cidade, onde hai hoxe máis do dobre de vivendas turísticas que dispoñíbeis para alugueiro residencial.
«Diante do gravísimo problema do acceso social á vivenda na nosa cidade, dende o BNG temos que urxir máis unha vez a tomar medidas no ámbito local para frear este fenómeno, tal como están facendo outros concellos galegos e do Estado», valorou Igrexas, que trasladará esta proposta na vindeira sesión da Xerencia de Urbanismo, co obxectivo de fixar este compromiso de cara ao inicio do novo mandato previsto para o próximo do 17 de xuño.
O portavoz do BNG demandou esta ordenanza para que o Concello de Vigo impida que se incremente máis a oferta de pisos de uso turístico e para actuar «con determinación» fronte ás «evidentes ilegalidades e irregularidades» no funcionamento deste tipo de vivendas, que superan as 1.100 na actualidade e que, segundo previsións do sector, poden chegar ás 1.500 nos vindeiros meses.
«Hai que facer prevalecer o dereito social a unha vivenda fronte á cobiza duns poucos», reclamou Igrexas. Nese sentido, lembrou que na actualidade os prezos incrementaron por volta dun 50% no último lustro, situando o prezo medio dunha vivenda por riba dos 700 euros mensuais e o dunha habitación nun piso compartido excede os 350 euros por mes.