A tramitación proseguirá coa notificación individual aos titulares catastrais dos terreos afectados –con todo, a maioría dos terreos pertencen xa á empresa que desenvolverá o proxecto-, mentres avanzan a bo ritmo as demolicións. Do antigo asilo so queda a fachada da igrexa -elemento protexido– que non se vai desmontar senón que se adoptarán as medidas precisas para garantir a súa estabilidade durante as obras. Algunhas vivendas de Poboadores permanecerán, logo de ser rehabilitadas.
Esta actuación urbanística resolverá a articulación e conexión do Casco Vello con Torrecedeira e tamén mellorará a comunicación e mobilidade transversal desta parte da cidade e, sobre todo, entre o eixo Paseo de Alfonso -Pi i Margall e as zonas máis baixas do contorno da actuación. Con este obxectivo está previsto, por unha banda, unha conexión peonil entre o Paseo de Alfonso XII e a zona de Ribera, así como entre Santa Marta e Poboadores, facilitando a mobilidade vertical e, por outra, a mellora da mobilidade rodada coa ampliación do viario de conexión entre o eixo Paseo de Alfonso XII-Pi i Margall e Torrecedeira (Llorente e Santa Marta).
O Barrio do Cura contará con case 4.000 metros cadrados de zonas verdes e polo menos 170 árbores; máis de 2.500 metros cadrados de equipamento público social, sanitario ou educativo (unha escola infantil); 5.500 metros cadrados de superficie en praza e espazo público e máis de 1.200 prazas de aparcamento.