Esta contía supón un valor superior ao do exercicio anterior, nun 2,95% debido, principalmente, ao incremento das axudas finalistas conseguidas no novo programa Horizonte 2020 que achega novos fondos para infraestruturas de investigación e á devolución da paga extra para o exercicio 2017. No relativo ao gasto, este continúa na senda da contención e marcado, segundo explicou o vicerreitor de Economía e Planificación José Manuel García, “pola mellora na xestión eficiente dos recursos ordinarios e pola adaptación do novo Plan de Financiamento do SUG 2016-2020, que garante a capacidade de funcionamento para o noso nivel de gasto, que súa meirande parte, é gasto no capítulo de persoal”. Esta partida increméntase para 2017 nun 2,59% e acada os 97.498.500 euros, o que representa case o 60% do orzamento total da institución.
Así, a Universidade de Vigo presenta unha posición financeira que se caracteriza pola inexistencia de débeda bancaria; o equilibrio orzamentario dende 2012, superando o déficit das contas do ano 2011; a incentivación da captación de recursos en fontes non tradicionais para manter e incrementar a actividade en eidos como internacionalización, investigación e transferencia; o control do gasto, por medio do axuste ao comezo da crise, así como a mellora continua na procura dunha meirande eficiencia na súa xestión e o cumprimento dos prazos legais para facer fronte aos pagamentos.
Nesta sesión ordinaria do Claustro, ademais das liñas básicas de actuación orzamentaria, o reitor presentou o seu informe anual e o presidente do Tribunal de Garantías o informe correspondente ao 2015. Presentouse tamén un informe da normativa de permanencia e progreso do estudantado, que deberá ser aprobado polo Consello de Goberno. Ademais, procedeuse á elección de varios representantes no Tribunal de Garantías, a Comisión Electoral, a Comisión de Modificación dos Estatutos, o Consello de Goberno e a Comisión de Plans Estratéxicos.
Previsión de ingresos e de gastos
No referente á estrutura de ingresos que se recollen nas liñas xerais de política orzamentaria, é destacable “o considerable incremento” das transferencias de capital (5,21%) debido, principalmente, á consecución de novas axudas para infraestruturas de investigación e axudas para as Agrupacións Estratéxicas e Centros Singulares de Investigación. Tamén resaltou o vicerreitor o incremento dos activos financeiros (40,67%), consecuencia de axudas cobradas en 2016 procedentes de fondos europeos e que serán executadas no exercicio 2017. No capítulo referente ao capítulo de taxas, prezos públicos e outros ingresos, agárdase un lixeiro aumento do 1,47% sobre o exercicio anterior. O reparto porcentual dos capítulos de ingreso verbo do total do orzamento amosa que o capítulo máis elevado é o referido a transferencias correntes, que representa o un 71,41% do total dos ingresos.
En relación á previsión de gastos, o persoal continúa a representar a principal partida (58,97% do total do orzamento) cun importe de 97.498.500 €. Esta cantidade, segundo García, é superior á do 2016 (95.040.900€) debido á “adecuación do importe orzamentado ao efectivamente gastado nos últimos exercicios, nos que o mantemento do emprego público, o incremento vexetativo da masa salarial, a devolución da parte proporcional da paga extra e o incremento da participación do persoal de convenios e programas no gasto imputado ao capítulo I, fixeron que o gasto efectivo se incrementara de xeito salientable”. Neste sentido, o vicerreitor fixo fincapé en que a de Vigo é a universidade galega “na que máis ten medrado o gasto en capítulo I nos últimos catro exercicios, pasando dos 88.865.000 euros liquidados no exercicio 2012 aos 95.041.000 euros que está previsto liquidar no exercicio 2016, un incremento dun 6,95% nos peores anos da crise, o que amosa o compromiso da Universidade cos seus traballadores e co mantemento do emprego público”. O capítulo II, de gasto corrente, ten unha previsión de 26.498.211 €, experimentando unha baixa do -5,41%, consecuencia da continuación nas políticas de novas licitacións ou renegociación de contratos que proporcionan unha baixada de custos e unha maior eficiencia na xestión do gasto, así como unha adecuada distribución entre partidas de gasto das axudas finalistas obtidas. O capítulo III, de gasto financeiro, mantén a grandes liñas o mesmo orzamento que no 2016, e o capítulo IV, de transferencias correntes, presenta un incremento de 34,57%, acadando un valor de 8.444.552€, froito do incremento das axudas do Ministerio para os proxectos de Relacións Internacionais Erasmus, Marmooc, Leap…, e no incremento das transferencias ao consorcio Bugalicia. O capítulo de investimentos reais acada unha contía de 30.173.955 €, cun incremento de 9,96% respecto ao 2016, representando o 18,25% sobre o total do orzamento de gasto, valor superior ao acadado no exercicio pasado. Neste sentido, García destaca que igual que nos últimos exercicios “a política de investimentos está directamente ligada á consecución de fondos finalistas, para non comprometer o funcionamento ordinario da institución”, polo que o incremento vén explicado pola finalización deste tipo de proxectos, coma os asociados a infraestrutura científica do novo horizonte H2020 ou sectoriais como os Centros Singulares de Investigación.
Liñas básicas de actuación para o 2017
O documento presentado polo equipo de Goberno ao Claustro este luns recolle tamén as liñas básicas de actuación para o vindeiro exercicio. No relativo aos compromisos co persoal, o vicerreitor subliñou que no caso do PDI, considerase un escenario cunha taxa de reposición do 100%, que se complementa coa posibilidade da convocatoria dun número de prazas de promoción igual ao de prazas de profesorado funcionario convocadas. Esta situación, “aínda que mellora a de anos anteriores, segue a ser insuficiente para cubrir as necesidades creadas durante os anos nos que non se puideron repoñer os efectivos” e, por esta razón, destacaba García, “a Universidade de Vigo continuara? reclamando en todos os foros nos que participa que se suprima a taxa de reposición e se eliminen as restricións a? promoción para que as universidades que, como a nosa, son quen de xestionar eficientemente os seus recursos e non incorren en déficit, poidan aplicar ese resultado no capítulo de persoal para recoñecer e premiar o mérito”. No referente ao PAS as liñas de actuación estarán centradas na execución das Relacións de Postos de Traballo (RPT) do persoal laboral e do persoal funcionario e unha segunda liña condutora da política no PAS será a execución da Oferta de Emprego Público do ano 2016.
No eido do estudantado, as prioridades pasan pola aprobación e posta en marcha da Normativa de permanencia, o Regulamento de estudantes, o Regulamento de avaliación e a Normativa de prácticas externas. O equipo de goberno aposta tamén por manter os programas de bolsas e axudas actuais que completan as convocatorias públicas, intensificar a formación en idiomas estranxeiros, por exemplo, a través de accións de apoio e mellora do plan de docencia en inglés e potenciar a formación no eido do emprego e o emprendemento.
Outra aposta estratéxica da institución que se vai manter para o próximo exercicio será a internacionalización, desta volta coa implantación de plans de internacionalización nos centros, coa achega de recursos que permitan incrementar a oferta académica en inglés, os programas de dobre titulación internacional, e a mobilidade de estudantes, PDI e PAS.
A universidade continuará tamén traballando nas políticas de especialización dos campus e de agrupacións estratéxicas de investigación. No primeiro caso, o obxectivo do Campus do Mar é a continuidade no referido a internacionalización, de investigación, transferencia e docencia. Para o Campus da Auga, en 2017 prevese que se conclúa a execución do Plan de acción contemplado no Plan estratéxico do Campus da Auga; a implantación no curso 2017-2018 do programa de doutoramento Auga, sustentabilidade e desenvolvemento e a creación dun programa de mobilidade para os seus estudantes, así como a execución do edificio institucional do Campus da Auga. Respecto ao Campus CREA, o 2017 suporá un salto cualitativo no progreso do proxecto de especialización tanto no eido de infraestruturas e dotación de instalacións, como na difusión e visibilización.
No tocante aos Centros de Apoio á Investigación prevese optimización dos servizos prestados á comunidade investigadora polo Cacti, Ecimat, Citi, Cinbio e MTI e, concretamente, contémplase a posta en funcionamento do Servizo de Bioexperimentación, a continuación do equipamento e posta en uso do MTI e o remate da posta en funcionamento do Cinbio. No capítulo de infraestruturas, en 2017 procederase á adxudicación e inicio das obras do edificio institucional e de I+D da universidade de Vigo no Casco Vello; execución de obras no edificio do Campus da Auga e execución das obras no antigo edificio administrativo da Xunta de Galicia, na rúa Benito Corbal de Pontevedra, no que a Universidade terá 1774 m2 para convertelos en sede corporativa do proxecto de especialización do campus de Pontevedra, CREA S2i.
Finalmente, e respecto ao eido da investigación e a transferencia de coñecemento, o 2017 continuarase ofrecendo axudas estruturais a grupos de investigación, especificamente destinadas a incentivar o aumento da masa crítica e a excelencia dos grupos, e á mellora da súa competitividade en convocatorias de ámbito autonómico, nacional e internacional. Seguirase tamén apostando polos programas de retención de talento investigador; de contratación de persoal posdoutoral cara á intensificación investigadora do profesorado axudante doutor; de captación de talento investigador de excelencia da Universidade de Vigo e de captación de persoal investigador seleccionado nas convocatorias do Consello Europeo de Investigación (ERC).
A Universidade acada a cifra récord de 25 millóns de euros en captación de recursos externos
Se ben os datos definitivos non se coñecerán ata marzo de 2017, o reitor adiantou este luns no seu informe ao Claustro que a Universidade acadou este 2016 recursos externos de I+D+i por preto de 25 millóns de euros, o que, a día de hoxe, supón xa un incremento do 32% con respecto ao ano anterior. Este crecemento na captación de recursos en convocatorias competitivas europeas e en contratos de I+D con empresas e institucións débese, segundo quixo destacar o reitor, ao esforzo realizado por toda a comunidade universitaria. “Estas e outras accións de carácter institucional son as que explican en gran medida a saúde e fortaleza económica desta Universidade”, subliñou Mato, que fixo tamén fincapé en que “é un mérito en exclusiva da Universidade, un esforzo de toda a comunidade universitaria. Seguimos ben, pero seguimos ben principalmente grazas ao noso esforzo”.
No apartado de Proxectos, o reitor explicou que se logrou acadar un importe de 14,2 millóns de euros, o que supón un incremento dun 44% en relación co ano anterior, a pesar de estar aínda pendentes da resolución de varias convocatorias. Destes 14,2 millóns, o 36% correspondeu a convocatorias europeas, o 30% a convocatorias estatais e o 34% restante a convocatorias de ámbito autonómico. En total, obtiveron financiamento 63 proxectos ou accións de investigación (9 europeos, 45 estatais e 9 autonómicos). Con respecto ás actividades contratadas de I+D con empresas e institucións o reitor explicou que practicamente se duplicaron con respecto a 2015, acadándose un total de 7,2 millóns de euros. En total, formalizáronse un total de 120 contratos por un importe de 6.043.886 euros e 550 informes e cursos, por un importe de 1.216.859 euros, sendo tamén neste caso o ámbito tecnolóxico, con un 64% das actividades realizadas, o que máis contribuíu a este ascenso.
Máis de 2000 convenios de prácticas e avances no campus da Auga e Crea S2i
Xa ao marxe das cuestións relacionadas coa captación de recursos, o reitor destacou datos como a sinatura de 310 novos convenios de prácticas xestionados no curso 2015-2016, ascendendo a cifra total a máis de 2000. Con respecto a área académica destacou como de “gran relevancia” a redacción da Nova normativa de permanencia, que se someterá a aprobación no vindeiro Consello de Goberno. Tamén tivo un lugar destacado no informe do reitor o fomento da implantación de plans de internacionalización nos centros coa achega de recursos que están a permitir incrementar “a oferta académica en inglés, os programas de dobre titulación internacional e a mobilidade do estudantado, PDI e PAS”.
Con respecto ás actividades desenvolvidas polas vicerreitorías dos campus de Ourense e Pontevedra, o reitor fixo especial fincapé en que a día de hoxe está executado o 90% do establecido no plan estratéxico do Campus da Auga, destacando especialmente a creación dun programa de doutoramento propio e a adxudicación da obra do edificio, cuxa conclusión está prevista para finais do ano 2017. “No eido académico, merece unha mención destacada a posta en marcha da Escola de Enxeñaría Aeronaútica e do Espazo e a implantación do Grao en Enxeñaría Aeroespacial cun éxito rotundo ao cubrirse o 100% das prazas ofertadas”, recalcou Mato.
No caso de Pontevedra, o reitor fixo fincapé en que foi o ano da consolidación das relacións institucionais en diversos eidos, destacando o acordo co Concello de Pontevedra para a bonificación do 95% do IBI e que se estableza a sede do Campus Crea S2i en catro plantas do edificio administrativo da Xunta de Galicia, sito na rúa Benito Corbal. Ademais, Mato subliñou tamén distintas cuestión nas que se foi avanzando na especialización do campus, entre elas a aprobación do Programa de Doutoramento en Creatividade e Innovación Social e Sustentable.
Leve descenso nos expedientes tramitados polo Tribunal de Garantías
Este último Claustro do ano foi tamén o elixido para a presentación do informe anual do Tribunal de Garantías, relativo neste caso ao 2015 e no que se confirmou a tendencia á baixa no número de reclamacións presentadas, iniciado xa no 2014, con dez expedientes menos ca no 2013, cando se acadou a cifra récord de 66. “Tras un período álxido, que coincidiu co momento máis complicado da grave crise económica e que, como é lóxico, repercutiu nunha maior conflitividade en todos os ámbitos, en 2014 iniciouse a fase inversa e en 2015 confirmouse esta tendencia”, explicou o presidente do tribunal Argimiro Rojo, ante os claustrais.
En 2015 o Tribunal de Garantías tramitou un total de 50 expedientes, cinco menos ca no ano anterior. A maioría, como é habitual, refírense ao alumnado (74% do total), seguido a bastante distancia polos relativos aos outros dous colectivos da comunidade universitaria: persoal de administración e servizos e persoal docente e investigador (12% do total, respectivamente). Tampouco hai novidades no que respecta á distribución por campus, volvendo Vigo a situarse á cabeza no número de reclamacións (60,8% do total), seguido do campus de Ourense (29,4%), e xa a bastante distancia Pontevedra (9,8%).
En relación aos principais motivos que levaron á apertura de expedientes no sector do alumnado están relacionados coa reclamación e revisión de cualificacións, tanto de materias de grao como do Traballo Fin de Grao, así como a avaliación por compensación, problemática que Rojo considerou como “endémica e reiterativa”. No caso do PDI e o PAS, tratáronse queixas respecto á asignación de horarios, aplicacións de certas normativas e situacións de acoso laboral, insultos e vexación na rede. Rojo, que renovou o cargo o pasado mes de maio, aproveitou tamén esta sesión para anunciar algún dos seus obxectivos para este novo mandato, entre eles, potenciar a función mediadora do Tribunal de Garantías “unha das súas atribucións máis propias e tipificadoras”.
Texto orixinal: M. Del Río / D. Besadío