A Xornada de Orientación Universitaria (XOU) estaba prevista para o 15 de abril e tiña máis de 700 asistentes confirmados. Pero este escaparate da Universidade de Vigo para amosar o seu potencial e a oferta académica ao futuro alumnado vai ter que mudar de formato e adaptarse a unha realidade esencialmente virtual. Así, a cita trasládase para o 13 de maio e terá lugar a través de Campus Remoto, sendo unha das catro iniciativas postas en marcha pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria baixo o nome #ConectaCoaUVigo.
Trátase dunha serie de accións específicas “para manter informado ao alumnado de secundaria e FP con respecto ás novidades que imos coñecendo da ABAU e matrícula, así como sobre a nosa oferta formativa e servizos”, como explica a vicerreitora Natalia Caparrini. Entre outras propostas haberá unha xornada de portas abertas virtual, un espazo de contacto cos equipos de orientacións dos institutos ou unha liña directa co SIE, Servizo de Información ao Estudantado.
A situación non deixa outra alternativa e “a virtualidade é a única opción”, apunta a vicerreitora. “O alumnado de Bacharelato está a enfrontarse non só co desafío da ABAU e do seu futuro académico” nun escenario excepción e “precisan que dende as institucións universitarias se dean a coñecer con maior detalle e proximidade os cambios e decisións anunciados polos organismos oficiais, así como o mapa de titulacións e as recomendación e orientacións para que o alumando poida alcanzar as súas metas”. Neste sentido, Caparrini remarca que o importante é que o alumnado coñeza a posibilidade de conectarse coa UVigo os días programados para a XOU e que poidan atopar “de forma sinxela, estruturada e secuenciada” a información precisa para enfrontarse, “no complexo escenario de 2020”, coas probas de acceso á universidade, a elección da carreira, o proceso de acceso e matrícula e, por suposto, todo o que lle ofrece a vida universitaria” nun único espazo.
A Xornada de Orientación Universitaria Virtual ten como obxectivo proporcionarlle ao futuro alumnado que está a cursar Bacharelato ou ciclos superiores de FP, a ocasión de conectar coa Universidade e coñecer polo miúdo as novidades sobre ABAU, o acceso á universidade (preinscrición, acceso e matrícula), a nosa oferta formativa de graos e os servizos xerais da UVigo. Este evento virtual terá lugar o mércores 13 de maio de 17.00 a 19.30 horas, a través de Campus Remoto, e constará de catro charlas informativas sobre os principais temas que preocupan ao estudantado, como as novidades da ABAU; o proceso de preinscrición, acceso e matrícula; a oferta formativa de graos da UVigo e a vida universitaria.
A XOU complétase coa Xornada de Portas Abertas Virtual, o 14 de maio, coa finalidade de resolver as dúbidas concretas sobre os graos impartidos na Universidade de Vigo. Para iso, profesorado das diferentes titulacións de todos os campus responderán ás cuestións propostas polo estudantado para definir o seu futuro académico. Realizarase a través de Campus Remoto con franxas horarias por eido de coñecemento: os centros de Artes e Humanidades de 11.00 h a 12.00 horas; os do eido Xurídico Social de 12.00 a 13.00 horas; os do ámbito de Ciencias e Ciencias da Saúde, de 16.00 h a 17.00 horas e pecharase cos centros de Enxeñaría e Arquitectura de 17.00 h a 18.00 horas.
Espazo #Orienta: espazo virtual para os equipos de orientación
Outro dos focos de atención serán os equipos de orientación dos institutos, para o que se pon en marcha un espazo virtual, “un recurso creado como unha materia máis na nosa plataforma de teledocencia, Faitic, dirixida aos equipos de orientación dos centros de secundaria e FP”, explica Caparrini.
A idea, relata, naceu nas Xornadas de asesoramento para equipos de orientación de secundaria e FP celebradas en xaneiro, nas que se puxo de relevo a necesidade de contar cun espazo na rede onde compartir inquedanzas, consultar a información e novidades sobre a oferta formativa e o proceso de preinscrición e matrícula da Universidade de Vigo e tamén compartir conversas con outros equipos de orientación doutros centros de secundaria de Galicia, co SIE ou consultar dúbidas relativas á ABAU, matrícula, oferta formativa e servizos da UVigo. Na actualidade xa hai 43 orientadoras/es de centros inscritos, e a matrícula sigue aberta.
#ConectaCoSIE
A cuarta pata de #ConectaCoaUVigo é un punto de encontro de videochat “para que todas as consultas que se están a recibir no Servizo de Información ao Estudante por parte de estudantado, equipos de orientación de colexios e institutos e incluso nais e pais, sexan máis próximas e doadas”.
Esta iniciativa concrétase nunha sesión semanal denominada #ConectaCoSIE na que calquera persoa poderá conectarse co persoal do SIE a través do videochat para solucionar as súas dúbidas sobre ABAU, acceso e matrícula. As sesión realizarase a través da plataforma Campus Remoto todos os xoves de 10.00 a 13.00 horas.
A incerteza da matrícula do próximo curso
As circunstancias actuais implican incertezas non só para o alumnado que afronta o seu paso á educación superior, senón tamén para as universidades que teñen a vista posta na matrícula do próximo curso. Natalia Caparrini recoñece que “no escenario actual toda previsión sobre futuro constrúese sobre intuicións”, pero lembra que a Universidade de Vigo ten altas taxas de matrícula e considera que esta tendencia debería continuar incluso en contextos de crise sanitaria.
“A nosa institución é visiblemente forte e de calidade, polo que contamos coa confianza do futuro alumnado. O feito de que nas condicións actuais a mobilidade véxase reducida pode implicar que o alumnado decida apostar polas universidades da súa contorna, e iso non é necesariamente malo porque mantería os tres núcleos universitarios de Galicia”.
Por outra banda, tamén recorda que a UVigo “afrontou o reto da docencia dixital con evidente éxito, grazas á formación continua e ao traballo constante do PDI e á implantación de plataformas de teledocencia que permiten un espello da docencia presencial con todas as súas posibilidades de aprendizaxe. Sabemos que a docencia presencial é insubstituíble, pero a Universidade de Vigo está moi preparada para seguir ofrecendo docencia en ambas modalidades, é dicir, presencial e non presencial, sen perder nunca a calidade da docencia”. Remarca que este aspecto é importante “á hora de decidirse por unha universidade, xa que non é posible garantir que, no futuro próximo, esta e novas crises sanitarias obriguen a realizar etapas alternativas de presencialidade e virtualidade por novos períodos de confinamento”.
En resumo, engade a vicerreitora, “posto que mantemos a nosa oferta de titulacións, con excelentes porcentaxes de empregabilidade e unha formación sólida e adaptada as necesidades sociais, entendemos que a Universidade de Vigo seguirá a atraer a todas as persoas que teñen ilusión e un soño para o seu futuro”.