Por décimo ano consecutivo, o custe da matrícula nun grao da Universidade de Vigo no se vai incrementar. Así o acordou o Consello Galego de Universidades para os tres centros de ensino superior da comunidade nun pleno celebrado este luns, no que, entre outros temas, tamén se deu conta da oferta académica para o vindeiro curso 2020-21.
O CGU deulle o visto e prace ao decreto polo que se fixan os prezos públicos pola prestación de servizos académicos e administrativos no Sistema Universitario de Galicia para o curso académico 2020/21. O documento, que deberá ser aprobado polo Consello da Xunta, recolle a conxelación, por décimo ano consecutivo, das taxas dos graos e dos másteres habilitantes, aqueles necesarios para exercer unha profesión. Tamén se acordou a baixada dos prezos públicos das primeiras matrículas dos mestrados non habilitantes, é dicir, os enfocados a unha especialización de coñecementos ou á investigación científica, ata equiparalos aos prezos de grao universitario.
Deste xeito, o prezo medio de matrícula dos mestrados non habilitantes pasará dos 26,49 €/crédito actuais (por debaixo dos 31,06 €/c de media do conxunto do Estado) aos 11,89 €/c de media establecidos xa para os graos universitarios e os mestrados habilitante. Segundo explicou o consellería, Galicia seguirá a ser no vindeiro curso a comunidade coas taxas de matrícula universitaria máis baixas do Estado, moi por debaixo da media do conxunto de España, como se ratifica no último informe do Ministerio de Universidades presentado a finais de maio ante a Conferencia General de Política Universitaria.
Catro novos mestrados na UVigo
O pleno do Consello Galego de Universidades deste luns tamén informou favorablemente da implantación de tres novos graos, sete mestrados e un programa de doutoramento para o vindeiro curso 2020-21.
Entre as novidades, a Universidade de Vigo ofertará o Mestrado en Dirección e Innovación da Cadea de Subministro e o Mestrado en Industria 4.0, de carácter interuniversitario en colaboración coa Universidade de León, ambos no campus de Vigo. Así mesmo, tamén con carácter interuniversitario, o curso próximo implantarase o Mestrado en Nanociencia e Nanotecnoloxía, conxunto entre a USC e a UVigo, nos campus de Santiago e Vigo respectivamente; e o Mestrado en Visión por Computador, conxunto entre o campus da Coruña, o campus de Lugo, o campus de Vigo e a Universidade de Porto. Ademais, as universidades de Santiago de Compostela e de Vigo compartirán un novo Programa de Doutoramento en Turismo, que se impartirá nos campus de Santiago e Ourense.
No que respecta ás novidades da Universidade da Coruña, entrarán en funcionamento o Grao en Nanociencia e Nanotecnoloxía; o Mestrado en Dereito Dixital e da Intelixencia Artificial e o Mestrado en Dirección, Xestión e Innovación de Institucións Escolares. Na Universidade de Santiago de Compostela comezarán a impartirse o Grao en Empresa e Tecnoloxía; o Grao en Bioquímica (ambos no campus de Lugo) e o Mestrado en Planificación e Xestión Territorial (nos campus de Santiago e de Lugo).
Inicio do vindeiro curso
O inicio e o desenvolvemento do vindeiro curso 2020-2021 na Universidade de Vigo empeza a clarificarse despois dos acordos adoptados este venres nunha sesión extraordinaria de Consello de goberno, na que os seus membros aprobaron as Medidas extraordinarias e urxentes para o desenvolvemento da organización docente no curso 20/21 en caso de crise sanitaria, así como o calendario académico para o vindeiro curso, que fixa o inicio da actividade académica o 21 de setembro e a súa finalización o 11 de xuño de 2021. En concordancia coas directrices do Ministerio de Universidades, a UVigo arrancará o vindeiro curso cunha modalidade de docencia mixta, sen destacar a presencialidade total naqueles centros nos que sexa posible cumprir coas esixencias sanitarias mantendo á totalidade do alumnado nas aulas. “Se un centro pode ter a todo o seu alumnado nunha clase con seguridade é o desexable e se non hai unha separación de 1,5 metros hai que buscar unha solución alternativa”, dixo o reitor, Manuel Reigosa, que reiterou a súa aposta pola presencialidade, sempre que a situación sanitaria o permita.
Precisamente, coa intención de aproveitar o inicio do mes de setembro, no que se supón unha menor incidencia da COVID-19, o reitor da Universidade de Vigo trasladará o vindeiro luns ao Consello Galego de Universidades o seu desexo de poder iniciar as actividades académicas nos tres campus o 7 de setembro, dúas semanas antes do día 21, data na que previsiblemente a Xunta e as outras dúas universidades do SUG fixarán o inicio do vindeiro curso. “No Consello do luns espero que haxa flexibilidade, porque creo que debemos aproveitar as semanas nas que a pandemia non estará moi activa para adiantar a actividade”, explicou Reigosa.