O pasado mes de maio, a crise xerada pola COVID-19 obrigaba á Universidade de Vigo a converter en virtual a súa Xornada de Orientación Universitaria (XOU), dirixida a presentar a oferta académica da institución ao futuro alumnado universitario. Dando continuidade a esta iniciativa, que se enmarca na campaña de captación virtual #ConectaCoaUVigo o vindeiro venres 19 a institución académica promoverá por primeira vez, a través do Campus Remoto, unha xornada de orientación centrada exclusivamente nas titulacións de mestrado.
Aberta a todas as persoas interesadas, a actividade buscará achegar información e resolver posibles dúbidas respecto dos prazos, condicións de acceso, calendario de preinscrición e matrícula, así como presentar a oferta de titulacións de máster nos diferentes campus e ámbitos de coñecemento.
Promovida pola Vicerreitoría de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, a Xornada de Orientación Universitaria para Máster (XOM) “está especialmente dirixida” ao estudantado do último curso de grao, tanto da UVigo como das outras dúas universidades galegas, “así como a alumnado nacional e internacional, que xa amosou interese en recibir información sobre os nosos mestrados”, explica a directora da Área de Captación de Alumnado, Susana Rodríguez Barcia.
A xornada englobará as presentacións de Henar Quintas, do Servizo de Xestión de Estudos de Posgrao, responsable de informar aos e ás participantes dos requisitos de acceso e prazos de preinscrición e matrícula; e da técnica da Área de Captación de Alumnado Ana Caamaño, que presentará a oferta académica de estudos de máster da institución académica para o curso 2020-2021, no que a Universidade de Vigo impartirá catro mestrados novos. Trátase, concretamente, do Máster en Nanociencia e Nanotecnoloxía, o Máster en Dirección e Innovación na Cadea de Subministro, o Máster en Visión por Computador e o Máster en Industria 4.0.
As dúas presentacións veranse complementadas por quendas para as preguntas das e os asistentes a esta xornada, con acceso libre a través do Campus Remoto (co contrasinal R2h5JAdg), ata completar, como explica Caamaño, un aforo máximo de 100 persoas. Non obstante, a XOM poderá seguirse tamén a través de UVigo TV, podendo tamén formalizar preguntas a través do chat.
Vontade de continuidade
Aínda que a Universidade ten participado en diferentes feiras dirixidas a dar a coñecer estudos de posgrao e que “algunhas titulacións realizan as súas propias actividades de difusión”, a XOM constitúe, como explica Rodríguez Barcia, a primeira ocasión na que a Universidade desenvolve unha xornada “centrada con carácter exclusivo nos estudos de mestrado”. Faino ademais, a través dun formato, obrigado pola crise sanitaria, que permite, recoñece, achegar diversa información e resolver posibles dúbidas dos interesados e interesadas “de xeito moi cómodo”.
Nese senso, a responsable da Área de Captación de Alumnado salienta que “esperamos consolidar esta xornada, que consideramos moi necesaria, ben sexa en formato virtual ou presencial”.