A UVigo lanza este curso a I Feira internacional EmpregoinCampus con presenza nos tres campus. O obxectivo é pór en contacto aos titulados e tituladas e aos estudantes dos últimos cursos con empresas colaboradoras que están buscando talento nas aulas universitarias. Serán feiras por ámbitos, nas que se combinará o formato presencial -con postos das empresas e un programa variado de actividades nas diferentes escolas e facultades- co virtual, facilitando tamén a asistencia en liña.
A primeira cita será no campus de Vigo o vindeiro mércores e xoves nas facultades de Ciencias Económicas e Empresariais e Ciencias Xurídicas e do Traballo e estará centrada na busca de talento no ámbito xurídico-empresarial, linguas e comercio. No campus de Ourense será o 6 de outubro no pavillón universitario e, no caso de Pontevedra, o 27 dese mesmo mes na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación. Ademais, o de 20 de outubro celebrarase unha nova edición da feira no campus de Vigo, centrada neste caso no ámbito das ciencias e a biotecnoloxía.
Retómase a presencialidade
“Nesta primeira feira participan entidades de distintos sectores pero, como non podía ser doutro xeito, as que teñen máis peso son as do ámbito financeiro e legal, así como tamén da industria manufactureira”, explica a profesora Maruxa Álvarez, responsable da Área de Emprego e Emprendento, ao que engade que o achegamento das tradicionais feiras de emprego ás escolas e facultades é, “sen dúbida”, unha aposta de valor, tendo en conta, sobre todo, que este tipo de actividades “non se restrinxen a entrevistas e entregas de currículos entre candidaturas e entidades, senón que todas as edicións van precedidas dunha xornadas de orientación laboral e estarán complementadas cun programa amplo de obradoiros e seminarios de moitísimo interese tanto para o alumnado actual como para os recén egresados”.
EmpregoinCampus recolle a testemuña da Feira Internacional de Emprego Universitario Finde.U, cuxa última edición se celebrou en outubro de 2019 reunindo no Instituto Feiral de Vigo máis de medio cento de empresas e medio milleiro de participantes, e de OneJob, a Feira Europea de Emprego para graduados/as en liña, unha aposta pola modalidade virtual derivada da situación sanitaria provocada pola covid-19. “Os obxectivos de EmpregoinCampus son similares, ofrecendo un modelo híbrido entre ambas as dúas”, recoñece Álvarez, quen salienta que a nova feira comparte coa Finde.U o feito de recuperar o carácter presencial e que a entrega dos currículos se fai a través dunha plataforma dixital, e con OneJob a posibilidade de visitar de xeito virtual os postos das empresas. “No caso dos estudantes que non poidan asistir aos centros nos que se desenvolve a feira poderán presentar as súas candidaturas na versión en liña da feira, a través da que poderán visitar os postos virtuais de todas as entidades participantes e gozar de todas as súas vantaxes”, recalcan desde a organización.
“Achegar as empresas ao campus”
A responsable da Área de Emprego e Emprendemento fai tamén fincapé en que, dadas as apertadas axendas do alumnado, non sempre lles é doado desprazarse a outras localizacións para asistir a este tipo de actividades, polo que agardan que a aposta por celebrar a feira nas propias instalacións dos campus anime ao alumnado a visitar os postos das empresas e presentar as súas candidaturas. “A maiores, estamos convencidos de que esta é tamén unha excelente forma de achegar as empresas ao campus e de facelas partícipes da vida universitaria”, considera a docente.
A celebración das feiras de emprego nas propias escolas e facultades non é unha novidade e, de feito, algúns centros contan xa cunha longa experiencia neste sentido. Un exemplo claro disto é o Foro Tecnolóxico de Emprego, organizado desde as delegacións de alumnado das tres escolas de enxeñaría do campus de Vigo, que este ano acadou a súa vixésimo segunda edición. “Esta é unha actividade xa moi asentada e confiamos en que siga organizándose. Pola nosa banda, a idea é apoialos en todo o que poidamos”, apunta Álvarez, explicando así o feito de que en Vigo o ámbito tecnolóxico xa queda cuberto coa celebración deste evento. “Con EmpregoinCampus quixemos achegar o paraugas da propia institución, involucrándonos na súa organización e facendo partícipes desta accións a todos os centros”, recalca directora da área.
Actividades formativas
O programa de actividades formativas, que se prolongará ata o día da clausura, arranca o vindeiro luns, ás 16.30 horas, coa charla Educación, Economía e Traballo: presente e futuro, impartida polo profesor de Ciencia Política na Universidade de Santiago de Compostela, Miguel Anxo Bastos. A partir de aí celebraranse diferentes obradoiros e seminarios nos que aprender a deseñar e preparar un currículo, oratoria e técnicas de presentación… así como diferentes mesas redondas nas que egresados da propia institución contarán as súas propias experiencias profesionais.