O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, e o reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Manuel Reigosa, asinaron este martes un protocolo de colaboración polo que a institución académica se suma como socio ao proxecto ‘Vigo crea. Barrio creativo’, iniciativa impulsada pola Xunta de Galicia e o Consorcio Casco Vello. O seu obxectivo é fomentar o talento local e a actividade de emprendedores culturais.
Trátase dun acordo a través do que ambas institucións suman esforzos para o impulso deste plan, que persigue poñer en valor as industrias creativas e turísticas da contorna e Galicia. Así, a Universidade de Vigo poderá poñer a disposición de persoas emprendedoras e creadoras vinculadas a ela espazos localizados no Casco Vello de Vigo. Ao mesmo tempo, a súa sede institucional radicada no Berbés poderá albergar proxectos desenvolvidos ao abeiro da sede do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) que a Xunta habilitará no inmoble anexo á edificio da institución académica viguesa.
Estas accións insírense no proxecto ‘Vigo Crea. Barrio Creativo’ que a Xunta desenvolverá ao deste ano en preto de 20 inmobles do barrio histórico vigués, que se destinarán a usos culturais e turísticos, co obxectivo de fomentar o talento local, así como ás novas e novos creadores, ao tempo que se aposta pola dinamización da zona.
Tras a sinatura do protocolo, o titular de Cultura e Turismo destacou a relevancia do apoio da Universidade de Vigo a este proxecto, que multiplica así o alcance e as metas ás que Vigo Crea pode aspirar. “Estamos ante un proxecto pioneiro que desde hoxe conta coa forza da UVigo e o talento dos futuros emprendedores que saian destas aulas”, salientou Román Rodríguez, quen agradeceu a disposición do equipo reitoral para incorporarse ao Barrio Creativo, “un aliado co que gaña Vigo e gañan todos os vigueses”, declarou o conselleiro.
O protocolo permite axilizar os tempos para que ‘Vigo Crea. Barrio Creativo’ sexa unha realidade nos próximos meses. Neste sentido, contempla o desenvolvemento de liñas de actuación conxuntas e facilita a cooperación entre a Xunta e a Universidade. Entre outras medidas, propiciarase que novos proxectos seleccionados por esta poidan albergarse en espazos do Casco Vello de Vigo, que serán cedidos ao Goberno galego polo Consorcio.
Mentoring e accións conxuntas
Deste modo, ideas nacidas no seo da Universidade poderán formar parte de Vigo Crea, que contará con accións de mentoring e acompañamento para o progreso dos mesmos. Igualmente, as futuras sedes do CGAC e a UVigo na praza do Berbés poñeranse a disposición das partes para levar a cabo iniciativas e programación de carácter cultural.
Unha comisión de seguimento, integrada por representantes da Xunta e da Universidade, encargarase máis adiante de aprobar un plan de actuacións anuais no que se recollerán de maneira detallada as colaboración no marco do proxecto ‘Vigo Crea. Barrio Creativo’.
Dúas partes
A iniciativa divídese en dúas partes localizadas, unha, na zona baixa e, outra, na parte alta do barrio histórico vigués. Así, na fachada do Berbés a Xunta impulsará a posta en servizo dunha sede do CGAC, entre o edificio institucional da Universidade e o albergue de peregrinos que se está a construír. “Imos propoñer unhas sinerxías que permitirán sacarlle o maior rendemento aos edificios, así hai espazos no edificio da Universidade que van poder utilizarse por parte dos creadores, das exposicións dos proxectos que haxa no CGAC e no CGAC tamén poderá haber espazos a disposición da UVigo, co cal creamos sinerxías e ambos edificios poden funcionar conxuntamente”, explicou Román Rodríguez.
No caso da parte alta do barrio histórico, a Xunta poñerá a disposición de proxectos que xurdan da Universidade unha serie de locais para que emprendedores locais, vencellados coa institución académica, dispoñan de espazos. “Neste intre estamos en trámites para que o Consorcio do Casco Vello faga a cesión dos locais á Xunta e logo a Xunta faga a cesión á Universidade” aclarou o conselleiro, que sinalou que dos 17 locais, dez estarán dedicados a emprendemento cultural, cinco a emprendemento turístico e dous a servizos mixtos de asesoramento e formación.
Román Rodríguez confirmou que ao longo deste ano 2020 o proxecto estará en marcha, posto que os 17 inmobles xa están rehabilitados e só compre poñelos a disposición. “Xunta e Universidade farán unha convocatoria e unha serie de locais serán para a UVigo e outros para emprendedores locais en xeral. No caso do CGAC canto teñamos a cesión do edificio sacaremos a licitación a redacción do proxecto”, detallou o conselleiro.