O Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais, Cispac, acaba de aprobar a incorporación de máis de 80 investigadores e investigadoras ao seu cadro de persoal. Son docentes de distintos ámbitos das tres universidades galegas e traballarán sobre a paisaxe galega dende a arqueoloxía, o turismo, a demografía, a historia, a xeografía e a economía de forma transdisciplinar seguindo un total de 18 liñas e áreas de investigación.
Destes máis de 80 investigadores e investigadoras, 11 son docentes da Universidade de Vigo, onde imparten materias relacionadas con diferentes áreas académicas: turismo, administración de empresas, organización de empresas, ecoloxía, bioloxía animal, química, economía, ciencia política, filoloxía inglesa, filoloxía galega e didácticas especiais.
A incorporación ao Cispac destes investigadores e investigadoras foi abordara no transcurso dunha xuntanza celebrada esta semana no edificio Fontán da Cidade da Cultura, sede central do centro, na que participaron o consello reitor e representantes das tres universidades galegas. No encontro interviñeron o reitor da Univesidade de Santiago de Compostela Antonio López; o director científico do Cispac, o catedrático de Historia Contemporánea da USC Lourenzo Fernández Prieto; a directora adxunta, a catedrática de Socioloxía da Universidade da Coruña Laura Oso; o secretario do centro, o profesor de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Xavier Simón; o xerente da USC, Javier Ferreira; e dous representantes da UdC e da UVigo que interviñeron de xeito telemático.
A incorporación de todo este persoal investigador permitirá que o Cispac, primeiro centro interuniversitario galego de investigación e transferencia no ámbito das ciencias sociais e humanas con vocación internacional, poida xa comezar a traballar para dar resposta aos diferentes retos sociais que formulan as paisaxes atlánticas culturais e que se vertebran en torno a cinco eixes temáticos: paisaxes que teñen xente (sociedade, demografía e territorio); paisaxes que producen (mundo rural, alimentación e transición verde); paisaxes que se gobernan (comunidades, participación social e gobernanza); paisaxes que teñen patrimonio (patrimonio, identidade e cultura) e paisaxes visitadas (modelos turísticos e Camiño de Santiago).
Como centro interuniversitario, o Cispac depende dos consellos de goberno das tres universidades galegas e réxese por un regulamento interno asinado polos seus representantes. A súa estrutura conta cun órgano de goberno e un Consello Reitor, presidido de forma rotativa polas reitorías das tres universidades. Dispón, así mesmo, de tres órganos executivos, a Dirección Científica, a Dirección Adxunta e o Comité Científico, e de dous órganos consultivos, o Consello Asesor Científico Externo e o Consello de Transferencia.