Sarreaus, Folgoso do Courel, Peroxa, Taboadela, Gomesende, Rodeiro, Paderne, Baño de Molgas, Lobios, Boborás, O Irixo, Pobra do Brollón, Campo Lameiro… Estes son só algúns dos lugares nos que poderán desenvolver as súas prácticas as 12 alumnas e alumnos que a Universidade de Vigo seleccione para participar no programa Campus Rural, unha iniciativa promovida polo Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico en colaboración co Ministerio de Universidades e a Crue, Conferencia de Reitores das Universidades Españolas, no que participa a institución académica viguesa e que lle permitirá ao alumnado universitario de calquera titulación oficial realizar prácticas formativas en concellos de menos de 5.000 habitantes en zonas rurais con problemas de despoboamento.
En febreiro abriuse a convocatoria para que se inscribisen as empresas e institucións interesadas en participar e, unha vez completada a listaxe de entidades participantes, actívase agora a busca de alumnas e alumnos que queiran realizar as súas prácticas académicas, tanto curriculares como extracurriculares, no ámbito rural, en zonas con problemas de despoboamento, “residindo no mesmo, coñecéndoo en profundidade e convivindo e colaborando coa súa xente, de modo que poidan velo como un lugar de oportunidades para o desenvolvemento do seu futuro profesional”, tal e como se indica na propia convocatoria das bolsas.
Búscanse todo tipo de perfís: persoas con formación en Turismo, Xeografía e Historia, Bioloxía, Enxeñaría Agraria, Ciencias Ambientais, Enxeñaría Forestal, Educación Social, Economía, Relacións Laborais e Recursos Humanos, Traballo Social, Dereito, Administración e Dirección de Empresas, Xestión do Desenvolvemento Sostible, Educación Infantil e Primaria, Ciencias da Actividade Física e do Deporte… para traballar tanto na administración pública como en empresas, asociacións, comunidades de montes… Desde un graduado ou graduada en Enxeñaría Agraria que queira facer as súas prácticas na Asociación de Gandeiros da Fonsagrada, ata outro en Turismo que queira traballar no Concello de Parada de Sil, pasando por un graduado en Historia ao que lle interese colaborar coa sociedade cooperativa galega Árbore, dedicada á arqueoloxía, restauración e divulgación didáctica do patrimonio de Galicia. Son só tres exemplos, pero as posibilidades son múltiples -43 prácticas descritas no anexo 2 da convocatoria-.
Cada período de prácticas terá unha duración de tres meses e poderán desenvolverse entre o 1 de xuño e o 31 de outubro, recibindo cada unha das persoas beneficiarias unha axuda económica por un máximo de 1.000 euros.
Solicitudes ata o 3 de maio
Pode presentar solicitude calquera alumna ou alumno matriculado este curso nunha titulación oficial, xa sexa de grao ou mestrado, se ben no caso dos estudos de grao débese ter superado o 50% dos créditos da titulación no momento de finalización do prazo de solicitudes. As persoas interesadas poden inscribirse ata o vindeiro martes 3 de maio e a selección será efectuada pola comisión de avaliación, presidida pola vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini. Cada estudante poderá elixir un máximo de oito prácticas, determinando na solicitude a súa orde de prioridade.