A Universidade de Vigo viviu este venres “un día de festa”, unha celebración na que se homenaxeou a todos os docentes que ao longo de 2022 obtiveron praza como catedráticos/as e titulares. Son en total 114 docentes: 25 novos catedráticos, 14 catedráticas e 75 titulares -42 homes e 33 mulleres-.
Para eles e elas organizouse este acto de toma de posesión no paraninfo do edificio Ernestina Otero, un “pequeno agarimo para quen é bo exemplo da vitalidade da institución, a calidade que teñen as nosas profesoras e profesores e o ben que levan facendo o seu traballo durante moito tempo”, tal e como lles subliñou o reitor, Manuel Reigosa, quen se referiu a esta data como “un día de ledicia no que se celebra o éxito profesional de tantos de vós”.
A apertura do acto correu a cargo da vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Patricia Valcárcel, quen amosou o orgullo da Universidade de Vigo “por ver como o traballo ben feito de todas as persoas que forman parte desta comunidade dá os seus froitos” e, a continuación, foi a secretaria xeral, Mª José Bravo Bosch, a encargada de ir chamando individualmente ás profesoras e profesores para asinar a toma de posesión e, posteriormente, recoller a insignia de mans do reitor.
“Non todo o mundo puido vir porque as obrigas profesionais non sempre o permiten, pero estou certo de que de corazón todos están aquí”, salientoulles o reitor, reiterando a idea de que este evento “é un día de celebración, individual para cada un de vós, pero tamén de celebración para toda a Universidade”.
Reigosa aproveitou tamén a ocasión para pedirlles que non decaian nos seus esforzos. Aos docentes titulares subliñoulles que agarda velos “o máis axiña posible” tomando posesión como catedráticos e, aos xa catedráticos e catedráticas -o máximo nivel ao que se pode chegar dentro da universidade española- retounos a seguir avanzando nos seus proxectos e a loitar por situar os seus grupos de investigación en posicións cada vez máis líderes.
Tamén lles falou dos “vimbios” que fan da Universidade de Vigo algo moi especial: “o primeiro, o agarimo que amosamos cara a docencia e a aposta pola igualdade; o segundo, o recoñecemento do mérito e da capacidade e, a partires de aí, moitas outras cuestións como o traballo continúo co resto da sociedade, tamén a nivel internacional”. Neste senso, o reitor adiantou neste acto que a UVigo se sitúa no primeiro cuartil de universidades do mundo que máis colaboran internacionalmente, “e iso é algo que só vos debemos a vós”.
Un camiño «cheo de incertezas»
Só cada un dos ‘homenaxeados’ sabe o esforzo que hai detrás destas acreditacións, pero todos amosaron o sentimento común de que a profesión de docente universitario é unha verdadeira carreira de fondo que require de moita constancia, dedicación e paciencia ou, dito doutro xeito, unha gran combinación de esforzo e talento.
Entre as persoas que tomaron posesión como catedrática atópase a directora da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, Rebeca Díaz, para quen chegar ata aquí tampouco foi doado.
“Ser muller nun contexto moi masculinizado non pon as cousas precisamente fáciles”, salienta Díaz, quen engade que na súa área de coñecemento, Enxeñaría Telemática, “con datos do mes de xaneiro, só somos tres mulleres catedráticas en toda España e, no caso da miña escola, só dúas mulleres acadamos esta categoría, cifras que amosan unha situación de clara desigualdade e que non fai xustiza á competencia e profesionalidade das mulleres deste sector”.
Como en toda traxectoria profesional, houbo momentos complicados e tamén moitos gratificantes, “entre eles o día que me notificaron que conseguira a acreditación de catedrática, polo recoñecemento externo á miña traxectoria, ou o día da elección como directora do meu centro, polo voto de confianza dos meus compañeiros”.
No caso do profesor Roberto Bustillo, catedrático da área de Dereito Administrativo, lembrouse neste día das persoas que lle abriron camiño para chegar ata aquí: “meus pais, pois sen o seu apoio persoal e económico non podería ter continuado na universidade, e tamén do meu profesor de Dereito Administrativo na licenciatura e logo director da miña tese de doutoramento, Luís Martín Rebollo, que sempre foi para min inspiración e un exemplo académico”.
Entre as principais dificultades da carreira académica destaca “as incertezas prolongadas ao longo do tempo e a caprichosa variabilidade dos sistemas de selección e das regras do xogo”. Desde o seu punto de vista, é necesario introducir máis seguridade xurídica, en termos legais, e máis empatía, en termos humanos, na selección e formación do profesorado universitario.
Novos docentes titulares
Con non menos satisfacción recolleron a súa acreditación os novos docentes titulares. Para Rosalía Rodríguez Vázquez, profesora do Departamento de Filoloxía inglesa, francesa e alemá e codirectora do Laboratorio de Linguaxe e Cognición, un proxecto do que se sente especialmente orgullosa, sempre tivo claro que quería dedicarse ao mundo das Artes e as Letras.
“Grazas ás bolsas de organismos galegos e británicos doutoreime en Fonoloxía e Música pola Universidade de Edimburgo, Escocia, no 2007, ano no que tamén defendín unha segunda tese e me doutorei en Filoloxía Inglesa pola UVigo”, explica a docente, quen lembra a súa época como profesora interina de substitución, primeiro, e contratada doutora, despois, acredita pola Aneca a profesora titular desde 2015.
“Nestes anos impartín moitísima docencia especializada en diversos graos e mestrados”, subliña, ao que engade que “para min chegar ás aulas e poder transmitir coñecemento, poder facer que o alumnado se abra a novas ideas, cuestione teorías… ten un valor inmenso”.
Para Marcos Dopico, decano comisario da nova Facultade de Deseño no campus de Pontevedra, este acto serviulle tamén para botar a ollada atrás, ata o ano 2002, cando comezou como docente na UVigo. Chegar a titular de universidade supón, ao seu modo de ver, un referendo ao labor docente e investigador de todos estes anos.
“É un paso máis na miña carreira persoal, pero tamén construír universidade, poder participar na xestión, investigación e docencia nunha posición que permita consolidar a universidade dende o ámbito no que eu estou”, explica o docente. “A universidade é unha carreira de fondo, por iso o máis difícil para min en este proceso foi superar certos momentos de incerteza, e saber adaptarse no teu traballo ás demandas que pide o alumnado nun mundo tan cambiante como o noso”.
Máis de 1.600 PDI
A cifra actual de persoal docente e investigador da Universidade de Vigo sitúase na actualidade en algo máis de 1.600 persoas. A categoría máis numerosa é a de docentes titulares, 576, dos que 322 son homes e 254 mulleres, seguido do corpo de persoal catedrático, 224 persoas, das que 159 son homes e só 65 mulleres, cifras que dan conta de que o coñecido como teito de cristal, tamén existe na universidade, aínda que se agarda vaia minguando ano a ano.
Son tamén moi representativas as cifras de profesorado contratado doutor, 177, con 96 mulleres e 81 homes; e de profesorado asociado, 298 -189 homes e 102 mulleres-. A listaxe continuaría con outros tipos de categorías como profesor axudante doutor (78), contratado FPU (27) ou investigadores Ramón y Cajal (27), só por citar algúns exemplos.