A Universidade de Vigo concedeu o Premio Uviguala 2024 a Elas Fan CienTec, iniciativa que naceu no 2017 no campus de Vigo da man das profesoras Ana Mejías, Verónica Salgueiriños e Soledad Torres.
Este proxecto promove cada ano, en torno á celebración do 11 de febreiro, Día Internacional da Muller e a Nena na Ciencia, múltiples obradoiros que achegan a ciencia e a enxeñaría ás rapazas dos institutos e centros escolares de toda a provincia, fomentando así as vocacións científicas e tecnolóxicas nas mozas galegas.
A distinción otórgaselles por ser un exemplo da implicación activa das docentes e investigadoras da Universidade de Vigo a prol da igualdade de xénero.
A entrega do galardón, que recoñece o compromiso das e dos membros da comunidade universitaria coa igualdade, tivo lugar este xoves na sala 1 do edificio Miralles no acto institucional de celebración do 8 de marzo, o Día Internacional da Muller, nunha gala presidida polo reitor, Manuel Reigosa, amenizada pola actuación da poetisa Silvia Penas.
As protagonistas foron as tres almas máter de Elas Fan CienTec: Ana Mejías Sacaluga, docente da Escola de Enxeñería Industrial e membro do grupo de investigación Rede, Investigación en Economía, Enerxía e Medio Ambiente; Verónica Salgueiriño, profesora da Facultade de Química e líder do grupo de investigación Nanomateriais Híbridos, do CINBIO; e Soledad Torres Guijarro, docente da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigadora do Grupo de Tecnoloxías Multimedia de atlanTTic.
Un proxecto artellado arredor do 11F
A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, foi a encargada de ler a acta da comisión que acordou “por unanimidade” concederlle esta distinción á iniciativa Elas Fan CienTec, entre outros motivos, “polo compromiso de xénero que leva demostrado este programa desde o ano 2017”, “porque ten un alto impacto na comunidade universitaria, nos centros educativos e nos medios de comunicación”, “por combater o efecto Matilda na ciencia, facendo fincapé na visibilización das mulleres científicas e tecnólogas para que actúen como referentes” ou “por traballar por converter a nosa universidade nun lugar acolledor e seguro”.
Fixo tamén fincapé Águeda Gómez, en que se ben estas tres docentes foron as que promoveron a iniciativa, o galardón a Elas Fan CienTec é un premio colectivo, “porque son moitos os centros, moitas as profesoras, moitas as investigadoras e as alumnas implicadas”.
“Éxito colectivo” de profesoras, investigadoras e alumnas
En nome das premiadas, Soledad Torres lembrou o nacemento de Elas Fan CienTec, nun encontro informal ao que acudiron profesoras de diferentes centros convidadas por Anabel González Penín, directora naquel intre da Unidade de Igualdade, que foi quen lles pediu “facer algo” ante a situación de determinadas titulacións do ámbito científico e tecnolóxico con baixa matrícula feminina.
“E así foi como se abriu paso a idea destes obradoiros”, subliñou Torres, quen fixo fincapé en que Elas Fan CienTec “ é un éxito colectivo” no que “desde o primeiro día” as alumnas tiveron un papel fundamental.
A maiores, Torres apuntou a necesidade de que “a visión de xénero se transversalice” a todas as actividades que dende a universidade se levan a cabo e, de cara a vindeiras edicións, fixo un chamamento á incorporación dos nenos e mozos aos obradoiros “porque o que realmente temos que desmontar é a segregación horizontal, na que todos os mozos van estudar unha cousa e todas as mozas outra”.
Pola súa banda, a profesora Ana Mejías admitiu que se meteu de cheo nesta iniciativa “por paixón e convicción” e co paso dos anos está convencida de que a cadea de referentes que vai creando Elas Fan CienTec “é un chanzo máis”, de todos os que están transformando a sociedade, “porque estamos construíndo desde a base dos nosos nenos, nenas, mozos e mozas, un mundo cheo de oportunidades e posibilidades”.
Nesta liña, lembroulle aos asistentes que o avance da sociedade “só pode alcanzarse co firme convencemento de que o principio de igualdade debe ser o pilar fundamental de todas as políticas, proxectos e actuacións que se acometan desde todos os ámbitos e, o educativo é clave”.
Honradas polo galardón, as tres agradeceron o recoñecemento. No caso de Ana Mejías, fixo mención expresa á Área de Igualdade, “pola oportunidade de formar parte desta apaixonante aventura”, a todas as compañeiras e compañeiros que as axudaron nestes anos “a facer cada edición mellor e máis divertida” e aos centros educativos e aos seus docentes “por sumarse a este impulso imparable de transformación e progreso”.
Pola súa banda, Verónica Salgueiriño quixo facer especial mención a María José Calderón, científica do CSIC, “por falarme do 11F, e animarme a organizar actividades aquí en Vigo, aló polo ano 2016”, así como a todas as profesoras e científicas das tres facultades de ciencias do campus de Vigo e do CINBIO, “que se comprometeron dende o minuto 1”, e a Soledad Torres, “por ser un referente de verdade na causa feminista”.
“A igualdade é unha causa da sociedade, de homes e de mulleres”
Pechou o acto o reitor, quen ademais de darlle as grazas e os parabéns ás premiadas, “polo traballo que tan ben levades facendo ao longo destes últimos anos”, aproveitou a súa intervención para recoller a luva formulada por Torres e comprometerse a traballar para que o vindeiro ano se incorporen tamén os rapaces ás actividades dos diferentes obradoiros.
“A igualdade é unha causa da sociedade, de homes e de mulleres, e fraco favor lle faríamos se permitimos que os homes esteamos fóra de xogo”, apuntou Reigosa, quen admitiu sentirse moi ilusionado cos novos proxectos nos que está a traballar a institución, entre eles os novos Estatutos, “xa que se o facemos razoablemente ben imos conseguir que tamén abracen esta causa”.
Satisfeito polo camiño percorrido, o reitor insistiu en que a institución non se pode permitir “durmir nos loureiros”, e para seguir avanzando contará coa axuda deses novos Estatutos e tamén da nova LOSU, que abre a porta á creación dunha Unidade da Diversidade, que, desde o seu punto de vista, axudará a “conseguir esa sociedade máis xusta, máis respectuosa e máis feliz”.