Desde un proxecto de fomento do enoturismo galego ata outro de creación artística na Costa da Morte; dunha solución de mensaxería colaborativa ata outra que propón trampas selectivas para diferentes tipos de insectos. A Universidade de Vigo entregou este mércores os diplomas ás persoas gañadoras da XI edición das axudas Incuvi Emprende para aquelas ideas que se atopan no seu nivel de desenvolvemento máis básico; VII Incuvi Avanza, para os proxectos que xa teñen certo nivel de maduración e unha axuda Incuvi Consolida para un proxecto que, tras pasar polos dous programas anteriores, busca consolidarse.
Son 17 novas axudas coas que impulsar, un ano máis, o nacemento dunha nova xeración de emprendedoras e emprendedores “que nos axuden a que Galicia sexa un lugar máis próspero e máis agarimoso coa súa sociedade”, tal e como indicou o reitor, Manuel Reigosa, na entrega dos diplomas, un acto que se celebrou na sala 1 do edificio Miralles e no que estivo acompañado na mesa pola vicerreitora de Estudantado e Empregabilidade, Natalia Caparrini; o delegado do Goberno no Consorcio Zona Franca de Vigo, David Regades, e a xerente de institucións do Banco Santander, Eugenia Fandiño, así como, xa entre o público, representantes das principais entidades, tanto públicas como privadas, que patrocinan e colaboran con esta iniciativa.
“Anímovos a que persigades teimudamente este proxecto que hoxe iniciades”, subliñoulles o reitor, que fixo unha firme defensa do emprendemento, como “un ingrediente fundamental da Galicia do futuro”, algo no que tamén insistiu o delegado do goberno no CZFV, David Regades, quen, ademais de desexarlles “moita sorte e moito ánimo”, lles describiu un panorama económico-empresarial “cheo de oportunidades” impulsado pola chegada dos fondos europeos Next-Generation. Nesta liña, animounos a botar man de todas as ferramentas que o consorcio pon á súa disposición para axudarlles a madurar os seus proxectos, entre elas a aceleradora Vía Galicia. Nesta idea tamén incidiu a representante do Banco Santander quen, ademais de recoñecer o traballo e esforzo de todos os premiados os animou a aproveitar todas as vantaxes de meterse de cheo “neste ecosistema de oportunidades”.
Ideas de negocio que ‘emprenden’ camiño
Tras a intervención da vicerreitora, Natalia Caparrini, quen agradeceu a todos os patrocinadores e colaboradores a súa aposta polo programa Incuvi, os primeiros en recoller os seus diplomas foron as gañadoras e gañadores das 12 axudas Incuvi Emprende. Neste caso a bolsa consiste nun programa de formación e titorización do equipo emprendedor durante un período de preincubación de 7 meses, desde xaneiro ata xullo. Recolleron as chaves do Espazo Incuvi de man das e dos representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras do programa Incuvi (Banco Santander, CZFV, BBVA, APV, Tecnópole, Abanca, CTAG, R e o Igape).
Lideradas por alumnas e alumnos de moi distintos ámbitos, as propostas gañadoras formulan ideas de negocio de todo tipo. Desde unha iniciativa que promove o uso de drones con luces para animación de espectáculos nocturnos (Luxit), ata outra coa que se busca lanzar un espazo de creación audiovisual, musical e artística situado na Costa da Morte (Aldea Studio), pasando por un brazo robótico e a súa implementación nunha aplicación que permitiría realizar cortes de pelo coa mínima intervención humana (BarberRobot).
Algunhas son iniciativas individuais e outras teñen detrás o traballo conxunto de equipos, case sempre multidisciplinares. Entre as iniciativas individuais están proxectos como Lanana Estudio Textil, de Lucía Platas, do Máster Universitario en Creación, Dirección e Innovación na Empresa, un estudo téxtil que busca a creación de pequenas coleccións de moda e accesorios con técnicas artesanais, e tamén Covintes, servizo cooperativo de xestión integral de vivendas sociais sostibles. Pola contra en parella ou equipo xorden Ponte a ritmo, proxecto de elaboración de contidos dixitais e de creación de recursos e metodoloxías activas que posibiliten unha mellora na aprendizaxe musical desde perspectivas innovadoras; Enoturismo 4.0, idea de negocio baseada no fomento do enoturismo galego, ou Onva, unha solución de mensaxería aplicada ao transporte de mercadorías que consiste en aproveitar a viaxe dun usuario/a para que transporte un paquete no espazo útil do seu vehículo particular, co obxectivo de fomentar a economía colaborativa e o intercambio de servizos na sociedade.
Se ben a maior parte das iniciativas son ideas do alumnado, outras xorden dos resultados da investigación. E o caso de PoliNatur, iniciativa que propón o deseño, creación e venda de distintos produtos e servizos baseadas na ecoloxía de insectos, tales como trampas e atraíntes selectivos contra especies; e tamén de Pedaleando contra o párkinson, idea de negocio que propón a incorporación da práctica do ciclismo estático forzado como exercicio físico de fortalecemento e mobilización de membros inferiores en pacientes con párkinson.
A listaxe de iniciativas premiadas complétase con Hill Chess, unha adaptación do tradicional xadrez incorporando implementacións e mecánicas novas que lle permiten aos xogadores/as crear un xogo independente e novo e, tamén relacionada cos xogos de mesa, Wars 4 Earth, proposta de entretemento dirixida tanto a un público xeral como a xogadores máis competitivos.
Moda inclusiva, deporte… proxectos que ‘Avanzan’
Iniqual, Tecnifica-t, Ecodiscards e Never[a]. Estes son os nomes das catro iniciativas que se fixeron cos VII premios Incuvi Avanza, axudas nas que se inclúen un programa formativo con 20 horas de formación sobre prototipación e planificación do márketing, 12 horas de mentorización personalizada e outras 12 de traballo dirixido para o desenvolvemento da idea de negocio, así como unha axuda económica de 1.000 euros por proxecto cos que poder facer fronte a custos de prototipación ou demo dun produto ou servizo. Recibiron os diplomas da man dos representantes das entidades patrocinadoras e colaboradoras, neste caso Unirisco, Aje-Vigo, e MoBBAE.
O mundo da moda protagoniza dúas destas iniciativas. Impulsada por Alejandro Sierra e Cayetana de Ozámic, Iniqual nace como unha marca inclusiva de prendas que, partindo de patróns adaptados tanto á morfoloxía feminina como masculina, ofrece variedade de modelos e tallas para persoas de calquera xénero, tanto binario non binario, e pensadas tamén para poder acompañar ás persoas trans durante todo o seu proceso de transición. No caso de Never[a], de Andrea González, do Máster en Deseño e Dirección Creativa de Moda, busca lanzar ao mercado unha marca de moda urbana de venda en liña, tamén con filosofía ‘genderless’, que persegue crear unha ‘tribo urbana’ para novas xeracións.
No caso de Tecnifícate, provomida polo graduado en ADE Juan José Rodríguez, a idea é crear unha academia de fútbol dedicada a iniciar, formar, perfeccionar e dotar de recursos necesarios a mozos e mozas xogadores e axudarlles a lograr o seu desempeño como deportistas. Por outra banda, a cuarta iniciativa premiada, Ecodiscards, está impulsada por Nicolás Fernández, do Máster en Comercio Internacional, e, neste caso, trátase dun proxecto que busca a revalorización de subprodutos procedentes das actividades pesqueiras mediante a súa transformación en distintas formas de enerxía, “un proxecto ambicioso, pero cuns valores moi claros en sustentabilidade e na dinamización de distintos modelos de economía”.
Incuvi Consolida para unha startup dedicada ao deseño 3D
E a III axuda Incuvi Consolida foi para Navia 3D, startup impulsada pola arqueóloga Rita Pérez e o enxeñeiro industrial Simón Fernández dedicada á virtualización e deseño 3D para sectores como a cultura, o patrimonio, a arquitectura ou, incluso a automoción. Recibiron a axuda Incuvi Emprende no 2021, Incuvi Avanza no 2022 e agora Incuvi Consolida, o que lles dá acceso a un programa de mentorización personalizada que pode prolongarse entre 6 e 10 meses -de febreiro a novembro-, e unha achega económica de 1000 euros para sufragar os gastos derivados da consolidación do proxecto.
“Un pequeno logro máis, como decimos nós, todo vai sumando, con este Consolida pechamos o ciclo dos Incuvi. Estas iniciativas sempre dan un punto de motivación ao longo do proxecto”, salienta Pérez, ao tempo que explica que arrancaron Incuvi Emprende “sendo unha idea con algún pequeno traballo”, e a día de hoxe gústalles ver como os seus proxectos lles achegan solucións aos seus clientes, logrando pechar 2022 vendo cumpridas as previsións económicas que tiñan para este exercicio.
Recibiron as chaves do Espazo Incuvi de mans da vicerreitora de Investigación, Belén Rubio. Agora os seus obxectivos a máis curto prazo son terminar e publicar a súa páxina web, “na que presentaremos de mellor forma os nosos servizos e, sobre todo, os proxectos realizados ata agora”. A medio prazo “queremos rematar o Mvp de contornas virtuais en Vr para diferentes sectores e, por suposto, a captación e execución de proxectos de virtualización de patrimonio”.