A Universidade de Vigo mellora a súa posición na nova edición do ránking Times Higher Education e sitúase na franxa 801-1000 das mellores universidades do mundo. Faino coa calidade da investigación, a internacionalización e transferencia como os aspectos mellor valorados, o que lle permite deixar atrás o rango 1001-1200 no que estaba situada nos últimos anos.
A clasificación, que acaba de facerse pública, avalía 1.904 universidades de 108 países e rexións de todo o planeta, e está liderada, un ano máis, pola Universidade de Oxford, sendo Barcelona a institución española mellor clasificada, no posto 152.
O Times Higher Education elabórase atendendo a 18 indicadores que miden o rendemento das institucións en cinco áreas: ensino, ambiente de investigación, calidade da investigación, transferencia e perspectiva internacional.
A mellor puntuación da UVigo, 57.8 puntos, corresponde á calidade da investigación, aspecto no que se ten en conta o impacto das citas e a fortaleza, excelencia e influencia da investigación. No que se refire á transferencia, a UVigo acada 49.5 puntos, mentres que a valoración da perspectiva internacional é tamén elevada, 47.4, e atende tanto á proporción de estudantes e persoal internacional como á colaboración internacional. Respecto da docencia, a UVigo acada 25.1 puntos e, atendendo ao ambiente da investigación, indicar que avalía a reputación, os ingresos e a produtividade da investigación, a puntuación acadada é de 17.9.
Os resultados da Universidade olívica nestes cinco eidos mellorou respecto da edición 2022 do ránking, unha evolución que o reitor, Manuel Reigosa, valora moi positivamente. “Volvemos a un punto no que estabamos anos atrás e continuaremos traballando para seguir avanzando e mellorando o posicionamento institucional”. Destaca o reitor os resultados obtidos no que se refire á investigación, “sen dúbida un puntal da institución” e tamén o feito de mellorar os resultados nos cinco campos avaliados.
No posto 34 das universidades españolas
Nesta edición a clasificación analiza en total 60 universidades españolas, tanto públicas como privadas, das que a Universidade de Vigo ocupa o posto 34. A institución que mellores resultados acada é a Universidad de Barcelona, que ocupa o posto 152, situándose entre as 200 mellores universidades do mundo. A continuación, atópanse outras dúas institucións catalás, a Universidad Autónoma de Barcelona e a Universidad Pompeu Fabra, ambas no rango 201-250. A seguinte mellor clasificada é a Universidad de Navarra, entre a 301-350.
No caso das universidades galegas a mellor posicionada é a Universidade de Santiago de Compostela, entre as 601 e 800 mellores, seguida de Vigo, entre a 801 e 1000, e A Coruña, no rango 1001-1200.
Oxford, oito anos á cabeza
A clasificación deste ano analizou máis de 134 millóns de citas en 16,5 millóns de publicacións de investigación e incluíu respostas a enquisas de 68.402 académicos e académicas en todo o mundo. En total, recompilamos 411.789 puntos de datos de máis de 2673 institucións.
Oxford encabeza o ránking por oitavo ano consecutivo, mentres que Stanford ascende ao segundo lugar, empurrando á Universidade de Harvard ao cuarto posto. O Instituto Tecnolóxico de Massachusetts (MIT) queda como terceiro clasificado e Cambridge cae ao quinto lugar, despois de ocupar o terceiro lugar conxunto o ano pasado.
Estados Unidos é o país máis representado en xeral, con 169 institucións, e tamén o máis representado entre as 200 principais (56). Con 91 institucións, a India é agora a cuarta nación máis representada, superando a China (86). Catro países entran no ránking por primeira vez, todos eles en Europa (Kósovo, Bosnia e Hercegovina, Macedonia do Norte e Armenia) contrastando coa tendencia do ano pasado cando, todos os novos participantes eran de África.
A Universidade de Stanford lidera o indicador de docencia, mentres que as universidades de Oxford e Cambridge ocupan o primeiro lugar no ámbito da investigación. En calidade de investigación é o MIT o que ocupa o primeiro lugar. A Universidade de Sharjah, nos Emiratos Árabes Unidos, obtén a maior puntuación en perspectivas internacionais, mentres que 28 institucións reciben unha puntuación máxima de 100 para o piar da industria