O Campus Camp da UVigo estrea edición de Nadal, logo de 18 de anos celebrándose unicamente no verán. Ao igual que ocorre coa edición estival, o Campus Camp de Nadal ten o obxectivo de ofrecer unha solución para que os membros da comunidade universitaria poidan conciliar durante o período de vacacións das súas fillas e fillos, de entre 3 e 16 anos.
“A idea de estender esta oferta ao período de Nadal, en concreto entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro, de 8:45 a 14:15 horas, xa estaba como obxectivo do equipo de goberno”, explica a vicerreitora de Extensión, Susana Reboreda Morillo, que destaca que a inscrición é gratuíta, por mor do convenio asinado entre as universidades do SUG e a Xunta de Galicia para o desenvolvemento do Plan Corresponsables, que fomenta a oferta gratuíta de actividades relacionadas co deporte para menores de 16 anos.
Segundo informa o Diario da Universidade de Vigo (DUVI), o Campus Camp de Nadal ofertará 100 prazas para os campus de Vigo e Pontevedra e 25 para o de Ourense e os membros da comunidade universitaria poderán realizar as inscricións ata o 16 de decembro, a través de Campus Activo da UVigo. As prazas adxudicaranse por orde de inscrición, dándose preferencia ás familias monomarentais, monoparentais, vítimas de violencia de xénero e d outras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou unidades familiares nas que existan cargas relacionadas con coidados.
Actividades adaptadas ao Nadal
En canto ás actividades que entre o 23 de decembro e o 5 de xaneiro se desenvolverán ao abeiro do Campus Camp, serán similares ás de verán, aínda que contextualizadas no Nadal e adaptadas á climatoloxía propia da época, polo que na súa maioría se realizarán en espazos pechados,con algunha saída de campo se o tempo o permite. Na programación haberá actividades deportivas e lúdicas, fomentando o traballo en equipo e a concienciación con temáticas actuais, como o coidado medioambiental.
“É indubidable o éxito que, desde a súa implantación, tivo o denominado Campus Camp, que ofrece unha solución conciliadora para o longo período vacacional das fillas e fillos dos membros da comunidade universitaria durante as súas vacacións de xuño, xullo e setembro”, destaca Reboreda, que agarda que a iniciativa, trasladada agora ao Nadal, teña boa acollida por parte do PDI, PAS e alumnado da UVigo.