Baixo o título Alén do Miño, a Universidade de Vigo lanza este curso un novo programa de axudas para a realización de prácticas académicas, curriculares ou extracurriculares, en empresas ou institucións con sede en Portugal. Posto en marcha desde a Área de Emprego e Emprendemento coa colaboración do Eures Transfronteirizo Galicia Norte de Portugal, a presentación deste novo programa de bolsas realizouse nun acto en liña no que a directora da Área de Emprego e Emprendemento, Maruxa Álvarez, e a responsable do Eures, Teresa Ventín, atenderon as dúbidas do alumnado e das empresas interesadas en coñecer os detalles do novo programa.
Participaron na presentación máis dun cento de persoas, entre alumnado, as e oss coordinadores dos distintos centros e representantes das empresas. “Para nós é unha grande alegría sacar un novo programa e ver que esperta tanta expectación”, salientou Álvarez, quen indicou que esta “boa acollida” do novo programa de prácticas é indicativo de que “os estudantes teñen ganas de facer prácticas, de aprender, e ademais, atrévense a facelo ao outro lado do Miño, para seguir preparando alí o seu futuro laboral”.
“Trátase dun programa aberto de apoio á mobilidade transfronteiriza”, explicou Álvarez, ao que engadiu que estas prácticas réxense pola normativa de prácticas da propia Universidade de Vigo. Pola súa banda, Teresa Ventín, directora de Eures Transfronteiro, foi a encargada de explicar os detalles do programa e as posibilidades que teñen as alumnas e alumnos ao seu dispor para buscar emprego no país veciño. “Pensamos que estas prácticas son unha forma excelente de empezar a coñecer o mercado de traballo da Eurorrexión”, explicou Ventín, quen tamén fixo fincapé en que, de cara ás empresas ou asociacións, o programa ábrelles un espazo de encontro cos estudantes que se están a formar na Universidade de Vigo.
Unha axuda por cada ámbito de coñecemento
Convócanse un total de cinco axudas para a realización de prácticas académicas externas con carácter transfronteirizo, unha por cada rama de coñecemento: ciencias sociais e xurídicas, arte e humanidades, ciencias, ciencias da saúde e enxeñaría.
O programa desenvolverase en dúas fases, unha primeira fase de formación, de dez horas de duración e que se vai impartir nas propias instalacións da UVigo, consistirá nun obradoiro en competencias interculturais no que se achegará aos participantes a diferentes contidos relacionados coa cultura portuguesa e co feito de traballar e formarse en Europa. A segunda fase refírese xa á realización das prácticas académicas externas nalgunha entidade portuguesa.
Será o propio estudante o que propoña a entidade na que lle gustaría facer as prácticas (empresa, asociación, organización, asociación, ONG…) e, unha vez outorgada a axuda, as persoas beneficiarias estarán baixo a titoría das persoas da Universidade e da empresa que se designen no momento de formalización da práctica, seguindo a normativa propia da Universidade de Vigo en materia de prácticas externas.
O período de prácticas terá unha duración máxima de dous meses e poderá desenvolverse entre o 1 de xullo e o 31 de agosto. Cada persoa beneficiaria recibirá unha axuda mensual de 600 euros mensuais (cantidade suxeita á retención do IRPF e ás obrigas de cotización á Seguridade Social.
Solicitudes ata o 14 de xuño
As persoas interesadas en solicitar unha destas axudas teñen de prazo para facelo ata o vindeiro 14 de xuño. Cada solicitude debe ir acompañada dunha carta de pre-aceptación da empresa/institución na que se inclúa o programa das prácticas (vencellado coas competencias da titulación universitaria cursada) e as datas previstas da estadía.