Ata o 8 de febreiro se prolongará o prazo de preinscrición que a Universidade de Vigo abre no segundo cuadrimestre para cubrir as 209 prazas vacantes de novo ingreso que ofertan 24 programas de doutoramento, do total de 39 que integran a oferta deste curso 20/21 na institución académica. Do total de 507 prazas de novo ingreso de doutoramento que este curso se puxeron a disposición do alumnado, 248 xa se cubriron no primeiro cuadrimestre.
Dos 24 programas que ofertan prazas neste segundo cuadrimestre, 17 corresponden ao campus de Vigo, catro a Ourense e tres a Pontevedra, mentres que os 15 programas restantes ata acadar os 39 que conforman a oferta completa da UVigo este curso, xa teñen as súas prazas cubertas ou decidiron non ofertar. Con 23 prazas, o Programa en ciencias mariñas, tecnoloxía e xestión (Vigo) é o que ten unha oferta máis ampla neste segundo cuadrimestre, seguido do Programa en auga, sustentabilidade e desenvolvemento (Ourense) con 19 prazas e do de Investigación en tecnoloxías e procesos avanzados na industria (Vigo) con 18.
“A oferta de doutoramento da UVigo é ampla e variada. Ofrécense programas en todos os ámbitos do coñecemento, cun número de prazas suficiente e é unha oferta de calidade pola consolidación dos programas que a sustentan e a excelencia investigadora dos grupos involucrados, achegando á proposta formativa liñas de investigación punteiras e activas con financiamento en forma de proxectos de investigación”, explica Antonio Pino García, director da Escola internacional de doutoramento da Universidade de Vigo (Eido). Unha vez finalizado o prazo de preinscrición, o período de matrícula está fixado entre o 25 de febreiro e o 1 de marzo.
Cara á incorporación de novo alumnado neste novo prazo de preinscrición, o director da Eido lembra que “a formación de doutoramento é o máis alto grao académico que ofrecen as universidades como centros de educación superior e unicamente a través desta formación é posible adquirir plena competencia investigadora. Así que calquera estudante que teña inquedanza por situarse na fronteira do coñecemento, en disposición para avanzar sobre ela e xerar novo coñecemento, debería formarse como investigador e, polo tanto, adquirir o título de doutor”.
Ao igual que ocorreu con todas as titulacións e os servizos que ofrece a UVigo, tamén no caso da Eido a pandemia provocou desde marzo do ano pasado unha reacción inmediata que empezou polas defensas das teses xa programadas, que pasaron ao formato telemático utilizando Campus Remoto. Así, dende o 24 de marzo de 2020 ata xaneiro deste ano léronse nesta modalidade virtual máis dun cento de traballos de investigación.
Así mesmo, o depósito das teses mudou á modalidade en liña, un proceso previsto como unha evolución natural acorde coa implantación da administración electrónica, pero que se viu acelerado, aproveitando o desenvolvemento técnico da plataforma. A covid-19 provocou igualmente a adaptación dos cursos e actividades formativas, habilitándose para este fin salas virtuais, mentres que no caso do programa propio de mobilidade, financiáronse os desprazamentos realizados con anterioridade á pandemia e no caso das estancias aprobadas, ou ben quedaron suspendidas, ou proseguiron con actividade en remoto.
Manter a variedade e calidade
No curso 19/20 un total de 1390 estudantes estaban matriculados nalgún curso dos programas de doutoramento da UVigo, que segundo avanza Antonio Pino García, coa vista posta no futuro debe apostar por unha oferta que manteña “en variedade e calidade as liñas de investigación que ofrecen os programas. O proceso de xestión das titulacións de doutoramento podería ser máis eficiente se se agruparan os programas noutros máis potentes, que permitirían mellorar a transversalidade da formación, sen perder nada de calidade e variedade da oferta”. O director da Eido tamén sinala que a calidade da formación tamén pasa por fortalecer a dinámica de que as teses produzan contribucións en forma de publicacións de alto impacto e pola mobilidade internacional do estudantado durante os seus estudos.
“A interacción entre programas tamén debería estenderse a outras universidades. A experiencia de posta en común de actividades formativas que se ofrecen, daría unha perspectiva moito máis ampla e enriquecedora á formación de doutoramento”, explica Pino, que sinala que non é imprescindible que os programas sexan interuniversitarios para que se poidan compartir os recursos e a oferta de actividade formativa de xeito máis xeral.