Non hai escusa para non practicar deporte, e moito menos coa posta en marcha por parte da Área de Benestar, Saúde e Deporte dunhas xornada de portas abertas que arrancaron este luns e que permiten á comunidade universitaria coñecer e probar, de balde e sen compromiso, os ximnasios e instalacións deportivas dos tres campus e participar nas actividades dirixidas. Esta iniciativa enmárcase na Semana Europea do Deporte, unha proposta da Comisión Europea para combater o sedentarismo e na que a Universidade de Vigo participa activamente dende a súa posta en marcha en 2015.
Esta quincena de portas abertas estenderase ata o vindeiro 30 de setembro e está aberta ao alumnado, ao persoal de administración e servizos e ao persoal docente e investigador. No caso das instalacións deportivas, é preciso reservar o espazo con antelación, mentres que no caso das actividades dirixidas, aínda que non é obrigatorio, si é recomendable, xa que as prazas son limitadas.
Unha vez rematado este período de portas abertas, as persoas que decidan continuar apostando pola práctica deportiva poderán adquirir o Abono MuVer que inclúe o acceso ás instalacións deportivas dos tres campus, incluíndo as salas cardio-fitness, tenis de mesa, pistas de atletismo (Vigo e Ourense), pistas de tenis (Vigo e Ourense), muro de escalada (Vigo) e aluguer de bicicletas BTT (Vigo). Tamén inclúe o deseño e seguimento individualizado dun programa de exercicio físico por parte do persoal técnico da sala de fitness, así como o seguimento técnico e médico-deportivo dos programas de adestramento.
Outra das grandes vantaxes desta subscrición é que permite participar de balde nas actividades dirixidas de fitness dos tres campus, que en Ourense inclúen benestar integral, Body pump, ciclo indoor, dance fitness e ioga; no campus de Pontevedra adestramento funcional, HIIT e pilates e no de Vigo adestramento funcional, bootcamp fitness, CORE, Fit box e ioga. Finalmente, o Abono MuVer tamén inclúe a participación de balde nas actividades do equipo de carreiras populares da UVigo, así como un desconto do 20% para as persoas da comunidade universitaria nas escolas deportivas e nas actividades puntuais no medio natural, como as Rutas Culturais ou o programa Aguaventura.
Este abono, a diferenza das xornadas de portas, está dispoñible tanto para os membros da comunidade universitaria como para persoas alleas e pode adquirirse por un cuadrimestre, o curso completo ou para o período de verán. Os prezos varían segundo a duración e a persoa que o solicite. Para os membros da comunidade universitaria e familia UVigo o prezo anual é de 70 euros, para persoas pertencentes entidades vencelladas á UVigo é de 105 euros e para persoas alleas á institución é de 180 euros. Para quen prefira o abono cuadrimestral, os prezos varían entre os 40 euros, os 60 euros e os 100 euros respectivamente e para o de verán entre 15 euros, 22,50 euros e 30 euros.