Coñecer o impacto laboral que a actual crise por Covid-19 está a ter nas persoas tituladas da Universidade de Vigo de todas as titulacións, promocións e lugar de residencia. Este é o grande obxectivo co que o Observatorio de Persoas Tituladas puxo en marcha esta semana a realización dunha enquisa a todos os exalumnos e alumnas da Universidade de Vigo. A recollida de datos prolongarase ao longo de todo o mes de xuño e a mediados do vindeiro mes agardan xa contar cun primeiro avance dos resultados.
“Con este estudo queremos saber como a situación creada polo virus está a afectar na situación laboral en aspectos como a implantación do teletraballo, as medidas tomadas polas empresas ou organizacións en relación aos contratos, así como as expectativas sobre a situación laboral e económica”, apunta o exreitor Luis Espada, director do observatorio, quen explica que esta iniciativa está a ser difundida por varias vías. A principal é a través do envío masivo de correos electrónicos aos contactos de antigos estudantes e a isto súmanse os medios cos que conta o observatorio e que inclúen desde a páxina web, onde teñen un espazo habilitado para a crise por Covid-19, ata as redes sociais do observatorio. Complementariamente están a usar tamén medios de difusión como son as listas de distribución ‘comunidade’ e ‘PDI’ da Universidade de Vigo. Neste senso, o director do observatorio fai unha chamada á participación do antigo alumnado e “agradecería tamén que o profesorado axudase na difusión”.
No estado de alarma contactaron con egresados en 27 países
A idea de realizar esta enquisa de impacto laboral da actual crise por COVID-19 ten o seu antecedente inmediato no que desde o observatorio denominaron o Corpo Diplomático da UVigo, unha iniciativa que consistiu en comunicarse durante o estado de alarma cos antigos estudantes da UVigo residentes no estranxeiro e rexistrados na súa base de datos para que, cunha breve crónica, lles transmitisen a súa experiencia persoal e profesional nos seus países de destino. En total, entre os meses de marzo e maio recibiron crónicas procedentes de 27 países nos cinco continentes.
“Nas crónicas recibidas puidemos constatar que, a nivel laboral, as persoas tituladas viviron diferentes situacións: antigos estudantes que traballaban desde casa (teletraballo), outros que seguían nas súas ocupacións con ‘normalidade’, casos en que recibían prestacións públicas e tamén, casos de persoas que perderon o seu emprego por causa desta crise”, explica desde o observatorio Víctor Manuel Martínez. Nesta ocasión, co formato de información estruturada e xerarquizada que permite a enquisa, buscan coñecer o alcance laboral da actual crise non só nas persoas tituladas que viven no estranxeiro, senón de todos os antigos estudantes, incluíndo tamén os que viven en Galicia e noutras comunidades autónomas.
Estudo previo: fichas de perfil de nove sectores clave
A maiores, durante os meses en que o confinamento foi máis estrito, no observatorio aproveitaron para elaborar infografías sobre os diferentes sectores en que traballan as persoas tituladas da UVigo e que, intuían, estaban a ser afectados de maneira desigual por esta crise. Así, realizaron fichas de perfil de nove sectores (sanitarios e prevención, automoción, alimentación, ensino e docencia, investigación, turismo, transporte e loxística, construción e servizos informáticos), cuxos resultados acaban de divulgar nun vídeo subido á súa canle de YouTube. “Agora, coa realización da enquisa de impacto laboral queremos coñecer realmente, con datos obxectivos, cal está a ser o grao de afectación desta crise non só nestes nove sectores, senón en todos nos que traballa o noso antigo alumnado”, explica Martínez.
Para a realización da enquisa non solicitan o nome da empresa/organización na que traballan as persoas tituladas senón, simplemente, o sector económico de actividade. Ademais, os datos persoais facilitados no consentimento serán tratados baixo a responsabilidade da UVigo para a xestión das finalidades do observatorio e, para a análise e tratamento dos datos, as respostas recollidas no formulario non serán asociadas cos datos persoais solicitados (nome, apelidos e enderezo de correo electrónico).
“A petición das persoas que están a responder á enquisa estamos avaliando realizar posteriormente outra consulta sobre a evolución de parámetros como a duración e evolución dos ERTEs en España ou figuras similares noutros países”, recalca Espada.