O edificio Miralles da Universidade de Vigo viviu este luns unha particular viaxe ao pasado que a levou a situarse no 15 de maio de 1992, data na que a institución nomeou coma primeiro doutor honoris causa, a máis alta distinción que pode conceder unha universidade, ao intelectual galeguista Francisco Fernández del Riego, exercendo como madriña do acto, a profesora Mª Victoria Carballo-Calero.
Hoxe, 31 anos despois, a institución lembrou esa data para homenaxear a figura de quen foi considerado o último patriarca do galeguismo, a quen se dedica a celebración do Día das Letras Galegas 2023, unha data que na UVigo se viviu cun sentimento moi especial.
A sala quedou pequena para acoller a todos os membros da comunidade universitaria que quixeron achegarse a este acto e rememorar esa xornada histórica. Contouse para facelo coa participación de quen o viviu en primeira persoa, a hoxe profesora emérita, Mª Victoria Carballo-Calero, quen lembrou a súa laudatio e o discurso de investidura pronunciado por Del Riego.
Tamén acudiron o daquela reitor, Luis Espada, e a familia do homenaxeado, á que lle puxo voz a súa sobriña, Eugenia Bermúdez. Estiveron arroupados polo reitor, Manuel Reigosa, que presidiu o acto, así como por numerosas autoridades, tanto académicas como do ámbito político e cultural, incluíndo o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, así como os presidentes e distintos membros das fundacións Rosalía de Castro e Penzol, así como da editorial Galaxia.
Don Paco vivira ese día “cheo de emoción”
“Foi xusto un día coma hoxe, no ano 1992, no que acontece o acto de investidura como primeiro doutor honoris causa de Don Francisco Fernández del Riego como testemuña dos seus excepcionais méritos en pro do desenvolvemento cultural de Galicia”, lembrou na súa intervención Mª Victoria Carballo-Calero, quen recordou que Don Paco vivira ese día “cheo de emoción, aínda que en todo momento dono de seu” e “cunha inmensa satisfacción porque Vigo era a cidade que máis amaba”.
Era, tal e como lembrou a súa madriña, “un home que, desde sempre, sentiu a Universidade como algo propio”, un dos “bos e xenerosos”, “unha figura de saber enciclopédico”.
Botando a ollada aos seus anos na Universidade de Santiago de Compostela, “nesa xeración do Seminario de Estudos Galegos”, lembrou a súa loita por impulsar unha universidade “autenticamente galega” e como naquel 15 de maio xustificara esa distinción que lle outorgaba a Universidade de Vigo porque quizais, lembrando as verbas do propio Del Riego, “se tivera en consideración o empeño exercido durante 60 anos en esparexer as características do noso ser diferenciado e na fala que nos distingue”.
Xunto as palabras de lembranza da súa madriña, durante o acto puidéronse tamén escoitar fragmentos do seu propio discurso de investidura e, a maiores, proxectouse tamén un pequeno resumo do vídeo realizado desde o Departamento de Filoloxía Galega e Latina, baixo a dirección do profesor Manuel Forcadela e coa participación de Antón Mascato, Ramón Nicolás, Camiño Noia, Héctor Mera e Manuel Villanueva.
En defensa da lingua galega
Nun acto conducido pola vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda, o reitor Manuel Reigosa aproveitou esta data non só para gabar a “egrexia figura de Don Paco”, senón tamén para facer unha chamada á importancia de que desde a Universidade se “erga a bandeira” para facer ver que “é posible ser galego e estar no mundo, ser galego e ter o máximo coñecemento dos ámbitos nos que un traballe e que, por suposto, é posible empregar o galego como lingua de uso diario”.
Reigosa lembrou “con orgullo” que a Universidade de Vigo no seu plan estratéxico ten tres apostas fundamentais, tres liñas de traballo que están presentes en todo o seu programa de goberno: a igualdade, a internacionalización e a lingua e cultura galega.
“Cando un ve o que fixeron estes xigantes coma Fernández del Riego, capaces de manter viva a chama da nosa lingua e a nosa cultura en situacións moito máis complexas, eu pregúntome se agora seriamos capaces de facer tantas cousas”, apuntou o reitor, quen non dubidou en afirmar que a Universidade ten a “obriga moral” de ser un referente, formar xente e contribuír a facer unha sociedade mellor, e esa sociedade mellor é, tal e como defendeu no acto, “máis igualitaria, máis galeguizada e máis internacional”.
Premios de poesía, relato curto e tradución
Como é habitual, esta celebración foi tamén o lugar elixido para a entrega dos premios de Poesía, Relato Curto e Tradución da Universidade de Vigo 2023, galardóns que reparten entre as e os galardoados 3.600 euros, cun primeiro premio de 700 euros en cada unha das categorías e dous accésits de 250 euros para cada unha das modalidades.
Co profesor e escritor Anxo Angueira como presidente do xurado, na categoría de poesía o primeiro premio foi para Natalia Otero Oubiña, polo poemario ‘Meniña’, e os accésits para Olivia Lens Priegue, por ‘Cando soan as trompetas’ (1ª accésit), e para o profesor e exvicerreitor do campus de Ourense Virxilio Rodríguez, polo poemario ‘Agora que comezamos a despedirnos’ (2º accésit).
En relato curto o primeiro premio foi para ‘Marcos e a conquista’, de Fabio Rivas, e o primeiro accésit para ‘A posuída’, de Allison Eudoxia Iglesias, decidindo o xurado deixar deserto o 2º accésit. No caso da tradución entregouse un premio único a Xulia Sánchez, pola tradución dun texto escrito en inglés por Hideaki Sena.