A Universidade de Vigo presentou este mércores nunha xornada virtual a súa oferta de mestrados para o vindeiro curso: 60 titulacións e máis de 1.700 prazas que se distribuirán entre os campus de Vigo, onde se impartirán 38 titulacións; o de Ourense, con 14, e o de Pontevedra, con 10, incluíndo nesta oferta o Máster de Avogacía e o de Profesorado en ESO, bacharelato, FP e ensinanzas de idiomas que se imparten nos tres campus.
Son catro títulos máis ca no vixente curso académico. As novidades chegan ao campus de Vigo da man do Máster en Enxeñaría Biomédica, de carácter presencial (20 prazas e 120 créditos), adscrito á Escola de Enxeñería Industrial e coordinado polos docentes María Cristina Morgadas e Rafael Comesaña. No caso de Ourense, os novos títulos son o Máster en Intelixencia Artificial, que se impartirá de xeito presencial na Escola Superior de Enxeñaría Informática (20 prazas e 120 créditos), coordinado polo director da escola Francisco Javier Rodríguez, e o Máster en Desafíos das cidades, de carácter semipresencial (6 prazas e 90 créditos) e dirixido pola docente Mª del Carmen Ricoy. En Pontevedra, a renovación chega co Máster en Exercicio terapéutico e funcional en fisioterapia, de carácter presencial (20 prazas e 60 créditos), que se impartirá na Facultade de Fisioterapia, coordinado por María del Rocío Abalo.
A presentación correu a cargo da técnica de Captación de Alumnado, Ana Caamaño, que foi a encargada de informar sobre os detalles da oferta, e o xefe da sección de máster, Manuel Fernández Cruz, que centrou a súa intervención na orientación sobre admisión, preinscrición e matrícula.
Das 60 titulacións que se ofertan en total para o curso 2022-2023, sete delas teñen carácter profesionalizante, é dicir, dan acceso ás profesións reguladas. Son o Máster de profesorado, Avogacía, Prevención de Riscos Laborais e as diferentes enxeñarías (informática, industrial, minas e telecomunicación). Si se atende á división por áreas: 20 pertencen ao ámbito das Ciencias Sociais e Xurídicas; 17 da Enxeñaría e a Arquitectura; 12 son de Ciencias; oito de Artes e Humanidades; tres de Ciencias da Saúde e un ten categoría interdisciplinar, o Máster de Profesorado, do que se ofertan seis especialidades con diferentes itinerarios e un total de 280 prazas: 160 no campus de Vigo, 72 no de Ourense e 48 no de Pontevedra.
Prazos de preinscrición e matrícula
Respecto dos prazos de preinscrición e matrícula avanzouse que a preinscrición poderá levarse a cabo de xeito xeral do 1 ao 7 de xullo, a excepción do Mestrado en Profesorado en educación secundaria obrigatoria, cuxas persoas interesadas deben preinscribirse do 7 ao 16 de xuño e o Máster Universitario en Enxeñaría Industrial, que ten o primeiro prazo de preinscrición do 23 ao 28 de xullo.
Unha vez publicadas as listaxes de persoas admitidas e resoltas as posibles reclamacións, abrirase un prazo oficial de matrícula do 28 ao 31 de xullo. Posteriormente haberá un segundo prazo de preinscrición, do 26 ao 28 de setembro, para aqueles mestrados que, unha vez finalizado o primeiro prazo, dispoñan aínda de prazas vacantes.