Integrada na recentemente creada Red de Universidades por la Diversidad (RUD), a UVigo súmase neste Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+ ao Manifesto do orgullo universitario 2022 no que, por unha banda, se denuncian “as desigualdades existentes no noso país por razón de orientación sexual, identidade e expresión de xénero e características sexuais”, e por outro, reivindícanse “a equidade para todas as persoas”, ao tempo que se celebra “o orgullo de ser como somos e amar a quen queremos”.
A RUD, formada por máis dunha trintena de universidades españolas comprometidas firmemente cos dereitos do colectivo LGTBIQ+, sinala no seu manifesto que a universidade, como axente social clave que é, “debe estar comprometida coa promoción de todo tipo de avances sociais que repercutan en melloras do benestar e da convivencia cidadá e na construción dunha sociedade máis xusta”.
Con todo, sinala o escrito “aínda quedan por eliminar factores discriminatorios, secuelas do pasado que perduran na nosa cotiandade que serven para situar as persoas desigualmente na sociedade, en función das características que as afastan do que se asume que é o normal. A universidade non pode ser un caso de tales prácticas, senón un referente do contrario”.
As persoas pertencentes ao colectivo LGTBIQ+, sinálase no escrito, aínda experimentan e conviven con numerosos prexuízos sociais. “Como membros da sociedade e do sistema universitario en particular, compartimos e comprometémonos coa consecución do obxectivo dunha inclusión efectiva e plena de cada unha das persoas integrantes da cidadanía da que somos parte, con independencia da nosa subxectividade, identidade ou expresión de xénero, orientación e características sexuais”, recolle o manifesto, que engade que “como institucións responsables de xerar coñecemento científico a través da investigación e de facelo chegar á sociedade a través da docencia e da transferencia, somos responsables tamén de visibilizar eses prexuízos que se transforman en desigualdades e de deconstruír os modelos cisheteronormativos que os sustentan”.
Neste contexto, as universidades que integran a RUD, explican que “entendemos que agora máis ca nunca é o momento de unir as nosas voces ás entidades LGTBIQ+ na súa lexítima reivindicación dun marco xurídico que protexa os seus dereitos e garanta a igualdade real e efectiva que proclama a nosa Constitución. É por iso polo que consideramos crucial que se tramite e que se aprobe canto antes a lei para a igualdade real e efectiva das persoas trans e para a garantía dos dereitos LGTBI+”.
Discursos de odio
O manifesto incide en que nunha contorna social, política e normativa como é a sociedade española, “non caben dereitos discriminatorios nin comportamentos excluíntes, como os discursos de odio que non paran de aumentar na nosa sociedade. A inclusión, unha garantía propia de toda democracia, refórzase alí onde se recoñecen e garanten os dereitos de quen son iguais máis aló da diversidade”, o contrario, denuncia o manifesto “achéganos á barbarie, que hoxe repudiamos de forma contundente con motivo da celebración reivindicativa do Día Internacional do Orgullo LGTBIQ+”.
Para rematar, a Rede de Universidades pola Diversidade expresa o seu compromiso coa defensa da diversidade sexual e de xénero nas universidades españolas. “Este compromiso é un alicerce fundamental no noso desenvolvemento como rede e no apoio a todas as persoas que poidan sentir nalgún momento un sinal de discriminación por buscar a igualdade. Celebremos a diversidade!”, remata o escrito da RUD.