Hai pouco máis dun ano, e coincidindo coa celebración do Día da Muller, a Universidade de Vigo daba un paso adiante para visibilizar e normalizar a menstruación e reducir a pobreza menstrual. Para iso, a institución decidiu proporcionar produtos de hixiene feminina ás estudantes, unha iniciativa de inicialmente se fixo a través das delegacións de alumnado, mentres non se licitaba un servizo de dispensadores que agora, algo máis de 12 meses despois, xa están en marcha.
As primeiras máquinas de autoservizo están xa en funcionamento no edificio de Ciencias Experimentais e nas dúas próximas semanas completarase a instalación dun total de 25 nas escolas e facultades dos tres campus. Os dispensadores foron deseñados e desenvolvidos pola empresa Dismac, e funcionan mediante a lectura dos códigos de barras da tarxeta universitaria das alumnas. As máquinas expenden caixas con tres tampóns ou tres compresas, segundo a elección das mulleres e cada estudante pode empregalas ata un máximo de tres veces cada mes. Segundo explica Águeda Gómez, directora da Unidade de Igualdade, “este é un cálculo inicial, pero despois dun tempo de proba, poderase reaxustar se se considera necesario”.
No acto de presentación dos primeiros dispositivos instalados en varios baños do edificio de Ciencias Experimentais, onde comparten docencia as facultades de Bioloxía, Química e Ciencias do Mar, estiveron presentes a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, a directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez e a decana de Bioloxía, Mercedes Gallardo. En cada centro, serán os equipos os que decidan onde colocalos, se dentro dos baños de mulleres ou nos accesos aos baños, tratando de ter tamén en conta as necesidades da comunidade trans.
Unha medida pioneira
Coa instalación destes dispensadores, a Universidade de Vigo convértese en pioneira en todo o Estado español na aposta por achegar produtos de xestión menstrual de balde ás alumnas. Como avanza a responsable da Unidade de Igualdade, as universidades escocesas “xa ofrecen este tipo de produtos de balde ás súas alumnas, pero a través de cestas nos servizos, polo que nós somos os primeiros en contar con máquinas expendedoras”.
Para Águeda Gómez esta era unha medida “necesaria” que dá resposta a unha “reivindicación do alumnado”. Como relata, na institución viguesa xa existía dende hai tempo un activismo menstrual que demandaba “dignificar unha necesidade fisiolóxica que as mulleres temos sen que sexa opcional e acabar así coa cegueira de xénero de institucións como a universitaria que semellaba estar deseñada só para as necesidades específicas dos homes e agora, por fin, contempla a metade da humanidade, que somos as mulleres”. Trátase, resume, “ de normalizar algo que xa debería ser normal como é menstruación”.
De feito, Gómez considera que este será un “punto de inflexión para un cambio de paradigma” que se reflicte na futura Lei de Dereitos Sexuais e Reprodutivos e que xa contempla esta medida para todos os centros educativos. “Nós adiantámonos un pouco a esta normalización”.
Unha das primeiras en poder estrear destes dispensadores foi Aida Luaces, estudante de Bioloxía, que valora esta medidas como “algo innovador e necesario”. Ademais da axuda que supón para as estudantes acceder a estes produtos de balde todos os meses, Luaces destaca que este tipo de medidas “axuda a eliminar un tabú instaurado nas universidades e na sociedade en xeral. Creo que será unha medida moi ben recibida entre todos, tanto mozas como mozas, é algo necesario”.
Entre 5.000 e 6.000 euros cada seis meses
Outro aspecto que destaca a responsable da Unidade de Igualdade é que non se empregan dispensadores estándar, senón que se trata dun “produto netamente UVigo, deseñado expresamente para a nosa Universidade pola empresa viguesa Dismac”, que contou coa colaboración da EE de Telecomunicación para o deseño do sistema de lectura das tarxetas. A licitación das máquinas tivo un custe de arredor de 200.000 euros ao que se suman entre 5.000 e 6000 euros cada seis meses para mercar os produtos de xestión menstrual.
“É un gasto ridículo nun orzamento dunha institución grande” pero que ten implicacións non só materiais, senón tamén simbólicas, xa que esta medida é un paso adiante para visibilizar e dignificar unha das necesidades propias das mulleres que ata agora tiña un estigma”.