A Asociación Veciñal de Teis, realizou este luns un acto simbólico diante do edificio administrativo da Xunta e do Concello, para denunciar o abandono dos terreos da ETEA e esixir uns aseos nestes terreos.
Desde a Asociación Veciñal de Teis explican que levan anos a reivindicar a necesidade de instalar uns aseos públicos nos terreos da ETEA.
“En toda a superficie da ETEA, non hai ningún aseo público aberto” e “debido a gran afluencia da veciñanza sobre todo no verán, este servizo convértese nunha necesidade”, indican.
Desde a asociación explican que ao longo dos meses de abril e maio, dirixíronse por escrito á Xunta de Galiza e ao Concello de Vigo, expondo esta demanda. “No caso da Delegada da Xunta en Vigo, solicitando unha xuntanza para tratar sobre este tema e outros da ETEA, sen recibir resposta”, explican.
A asociación propón que a Xunta de Galiza, podería destinar o edificio que ocupaba a antiga panadaría, dentro do parque público, para cafetaría con aseos públicos. Outro emprazamento podería ser o pequeno edificio ao carón da pista de skate, tamén no parque público. “Nestes dous edificios xa estaba previsto no proxecto da construción do parque público ano 2012, destinalos un para a cafetaría e outro para aseos públicos e vestiarios, que logo nunca se realizaron”, afirman.
Desde a asociación tamén suxiren que o Concello de Vigo, podería incluír uns aseos públicos no quiosco que se instala todos os verán no peirao, ou instalar uns aseos permanentes nalgunha das construcións existentes no peirao.
“Todas as propostas da Asociación son viábeis. O único que debe existir é vontade política, de actuar nos terreos da ETEA, para dotar de servizos a veciñanza que acode a estes terreos”, aseguran.
Pola súa banda, o grupo municipal socialista respondeu ás demandas da asociación de veciños de Teis mediante un comunicado. Varios membros da asociación acudiron á Porta do Sol para pedirlle explicacións ao alcalde, aproveitando a visita as obras que alí se están a executar.
“En resposta ao intento de manifestación, convocada hoxe por un liberado do BNG, experto en montar líos, e que conseguiu reunir a 7 persoas na Porta do Sol, queremos sinalar que estas persoas esquecen que a praia da Punta xa ten un aseo e, por tanto, esa demanda xa está satisfeita para os usuarios do areal”, indican desde o grupo municipal socialista.
En canto á pretensión de instalar un aseo na explanada da ETEA, “debemos apuntar que a decisión corresponde aos propietarios, fundamentalmente a Xunta de Galicia, nese ámbito de competencia. Chama a atención que o BNG en Vigo sempre se poña ao lado do PP mais, cando gobernou en solitario e co PP, non solo non puxeron aseos na ETEA senón que a mantiveron pechada”, conclúe o comunicado socialista.