A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) celebrou este xoves no Pazo de San Roque de Santiago o acto de ingreso da doutora en Química María Isabel Medina Méndez, profesora de investigación no Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC) e coordinadora da Área de Ciencia y Tecnología de los Alimentos do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) desde o 2017, incluída na actualidade na Área Global VIDA CSIC. Intégrase na institución como académica numeraria da Sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde. Isabel Medina pronunciou o seu discurso de ingreso, titulado “O Mar Fonte de Saúde: Beneficios do consumo dos Produtos da Pesca e a Acuicultura”, que foi contestado en nome da Academia pola membro numeraria da Sección de Bioloxíae Ciencias da Saúde e vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez Toranzo.
O presidente da RAGC, Juan Lema Rodicio, abriu o acto ao que asistiron outros académicos da institución, así como o delegado Institucional do CSIC en Galicia, Francisco Javier Rey Campos; a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez Blanco;e o vicerreitor de Investigación e Innovación da Universidade de Santiago (USC), Vicente Pérez Muñuzuri; entre outras autoridades. Lema destacou que a incorporación da profesora Isabel Medina como académica da RAGC ven cubrir un importante campo relacionado coa tecnoloxía de alimentos e, particularmente, os aspectos nutricionais e a caracterización de produtos de orixe mariño, incluíndo tanto produtos da pesca como de acuicultura, tan importantes en Galicia. “Trátase dunha investigación de calidade e moi orientada a explorar as potencialidades e a mellorar ás características dos produtos mariños” –sinalou–.
Isabel Medina (Vigo, 1966) iniciou o seu discurso amosando o seu máis sincero agradecemento á RAGC e asegurando que é “unha gran honra pasar a formar parte deste selecto claustro de profesionais”.
Tamén lembrou á USC onde comezou a súa carreira investigadora, ao CSIC que lle deu a oportunidade de iniciar a tese de doutoramento, desenvolver a súa traxectoria e que foi a súa casa en definitiva desde o IIM-CSIC, así como á Universidade de Nápoles Federico II, Universidade de California en Davis, o Imperial College, ademais de facer unha mención especial os seus mentores, os profesores Rafael Cela Torrijos e José Manuel Gallardo Abuín “aos que considero os meus país científicos, e que me transmitiron toda a súa paixón, a necesidade de esforzo e o bo facer en ciencia”, e a outras eminencias destacables na súa carreira como foron os profesores Edwin Frankel e Raffaele Sachi.
A carreira investigadora de Medina centrouse no ámbito da química dos lípidos mariños, e a súa relación coa calidade, seguridade e valor nutricional dos produtos derivados da pesca e a acuicultura. Na súa disertación, a profesora manifestou que a visión de como a alimentación, e en concreto os alimentos de orixe mariña e acuícola, inflúen na saúde e na calidade de vida do consumidor, variou notablemente nos último 10 ou 15 anos. “Este cambio de visión de la alimentación es fascinante, no sólo desde un punto de vista teórico o científico, sino también desde el punto de vista del desarrollo tecnológico y aplicado” –sinalou–.
Isabel Medina apuntou que os produtos da pesca e a acuicultura, compoñentes fundamentais da dieta humana desde épocas remotas, constitúen unha fonte excelente de proteínas, vitaminas e minerais esenciais para a saúde. Segundo o último “Informe de consumo alimentario en España 2020”, a poboación galega distínguese por ser a maior consumidora da xeografía española, cunhas cifras que alcanzan os 28,64 quilos de peixe por persoa e ano, do que un 50% do consumo corresponde aproximadamente a pescado fresco, un 13% a pescado conxelado e un 26% a moluscos e crustáceos.
A nutrición personalizada
Entre os distintos compoñentes do pescado, Medina explicou que numerosas evidencias destacan o papel de dous dos seus ácidos graxos poliinsaturados, DHA e EPA, pertencentes á familia omega-3, na prevención dos trastornos relacionados coa dieta. Subliñou que as investigacións e os estudos de intervención da última década, xunto coa utilización da xenómica, proteómica e lipidómica, suxiren claros mecanismos de acción que xustifican o papel beneficioso atribuído ao consumo de pescado e produtos da pesca con relación ao seu contido nos ácidos graxos poliinsaturados omega-3. Continuo sinalando que os datos apoian o seu papel na homeostase redox e a resolución da inflamación, xa que os resultados avalían novas aportacións que serán significativas nos estudos dirixidos cara unha nutrición “personalizada”, ao mesmo tempo que aportan potenciais dianas terapéuticas relacionadas coa acción antiinflamatoria dos metabolitos derivados dos lípidos mariños. “Estos hallazgos pueden tener un fuerte impacto para el desarrollo de estrategias nutricionales y para el diseño de nuevos productos pesqueros y suplementos nutricionales basados en aceites de pescado” –manifestou–.
Segundo apuntou Medina, na mente dos consumidores existe unha percepción arraigada do pescado e produtos da pesca como un alimento saudable e nutricional, visión que é unha “ventaja competitiva” que pode e debe ser aproveitada por todos os actores implicados na cadea global de produción de alimentos de orixe mariña. “El desarrollo de una nutrición saludable y personalizada, será, muy probablemente, el reto nutricional con el que convivan nuestros hijos y nietos. Este desafío impulsará el desarrollo de nuevos alimentos e ingredientes funcionales respaldados por la ciencia, creando nuevas oportunidades para el sector agroalimentario impensables años atrás” –asegurou–.
Alicia Estévez
A catedrática de Microbioloxía da USC, académica numeraria da Sección de Bioloxía e Ciencias da Saúde e vicepresidenta da RAGC, Alicia Estévez Toranzo, realizou unha glosa sobre a extensa traxectoria científica e o excelente currículo de Isabel Medina. Estévez compartiu con todo o auditorio que tivo a oportunidade de traballar conxuntamente na comisión executiva de investigación para a elaboración do plan estratéxico do Campus de Excelencia Internacional Global del Mar (CEI·Mar) como expertas en diferentes aspectos da seguridade e calidade dos produtos da pesca e acuicultura. “ A profesora Isabel Medina acredita unha extraordinaria traxectoria científica, tanto pola súa contribución á creación de coñecemento e capacidade de formación como por o impacto da súa investigación, capacidade de transferencia e divulgación dos resultados, e o seu liderado a nivel nacional e internacional” –afirmou–.
Facendo fincapé na temática da súa lección maxistral, Alicia Estévez aseverou que as investigacións de Medina e o seu grupo supoñen unha confluencia entre a química, bioloxía e a medicina, xa que contribúen a comprender os mecanismos moleculares polos cales os diferentes compostos bioactivos dos produtos do mar exercen devanditos efectos beneficiosos. “Os resultados dos estudos da nova Académica axudarán tamén ao deseño de alimentos funcionais e nutracéuticos e de pensos para acuicultura que aumente o valor nutritivo dos animais en cultivo” –puntualizou–.
En canto ao consumo de pescado, Estévez indicou que a pandemia cambiou a tendencia á baixa, crecendo o seu consumo no 2020 ao redor do 10% nos fogares españois probablemente debido a que o cociñar en casa converteuse nunha das actividades favoritas durante o confinamento. “Para que esta tendencia crecente se consolide é necesario, potenciar a colaboración multidisciplinar entre profesionais do ámbito sanitario, nutricional, educativo e gastronómico co obxectivo de darlle visibilidade e promover a importancia do consumo dos alimentos de orixe mariña na calidade de vida, xa que ademais do seu efecto beneficioso para a saúde, contribúen ao desenvolvemento cognitivo dos nenos mellorando a súa aprendizaxe e produtividade ao longo da súa vida” –rematou–.