A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra (Avempo) ofrece, dentro do “Programa dirixido a mellorar a calidade de vida, a autonomía persoal e a inclusión social e laboral das persoas con discapacidade”, o servizo de “Atención sociosanitaria a través da Terapia Ocupacional” co fin de mellorar a funcionalidade e manter o máximo grao posible de independencia das persoas afectadas pola Esclerose Múltiple.
O conxunto de numerosos síntomas que afectan ás persoas da coñecida como “a enfermidade das mil caras”, en interacción cun entorno que non sempre é favorable, pode orixinar problemas para que as persoas con Esclerose Múltiple participen nas actividades cotiáns. A través deste servizo Avempo busca preservar, e se é posible mellorar, as capacidades funcionais das persoas afectadas pola enfermidade, co obxecto de que alcancen a máxima participación nas actividades importantes para a persoa; incrementando así a súa autonomía e calidade de vida.
O servizo de terapia ocupacional, que se estende ata decembro, pódese levar a cabo polo cofinanciamento da Xunta de Galicia a través dos fondos do 0,7% do IRPF da declaración da renda procedentes das persoas contribuíntes que marcaron o cadro de “Actividades de interese xeral consideradas de interese social”; os cales son xestionados por Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade) .
Dende Avempo búscase cubrir de forma continua os servizos de atención e rehabilitación, xa que son fundamentais para o tratamento dunha enfermidade crónica como é a Esclerose Múltiple. Por este motivo, debido a situación actual de pandemia, ofrece ós seus usuarios a posibilidade de realizar o servizo de terapia ocupacional de forma presencial ou “on-line”.
A Esclerose Múltiple (EM) é unha enfermidade crónica, autoinmune e dexenerativa do Sistema Nervioso Central que afecta ao cerebro e a medula espiñal. É unha das enfermidades neurolóxicas máis comúns entre a poboación de 20 a 30 anos, con 55.000 persoas afectadas en España. Trátase da segunda causa de discapacidade neurolóxica en adultos novos e afecta en maior medida ás mulleres. A EM coñécese tamén como “A enfermidade das mil caras”, xa que presenta múltiples manifestacións e afecta a cada persoa dunha forma diferente. Na actualidade descoñécese a causa da enfermidade, polo que non existe de momento unha cura, pero si varios tratamentos modificadores da patoloxía.
A Asociación Viguesa de Esclerose Múltiple de Pontevedra ( Avempo), nada en 1996, é unha entidade sen ánimo de lucro que ten por obxectivos axudar, informar e mellorar a calidade de vida dos afectados de Esclerose Múltiple e do seu entorno. Forma parte de Cogami (Confederación Galega de Persoas con Discapacidade), de Fegadem (Federación Galega de Esclerose Múltiple) e de Aedem-Cocemfe (Asociación Española de Esclerose Múltiple).