Así o dixo no Parlamento, onde avanzou que nas vindeiras datas remitirá a eses municipios un novo borrador de convenio, lamentou que o alcalde de Vigo non queira que os veciños da súa cidade desfruten dos beneficios deste sistema e sinalou que aínda está a tempo de rectificar.
Ethel Vázquez lembrou que «se levan múltiples e infrutuosos intentos de negociación co Concello de Vigo, co fin de incorporar o transporte urbano ao noso Plan, pero todos resultaron en balde, porque todas as alternativas foron rexeitadas, sen ningunha explicación razoable máis alá de que o señor alcalde non quere transporte metropolitano».
Fronte a isto, a conselleira destacou o interese do Goberno galego en poñer en marcha o sistema na área de Vigo e lembrou que «xa puxemos o primeiro requisito, os recursos económicos, posto que os orzamentos da Xunta de Galicia para 2015 aprobados esta semana prevén un incremento de máis do 42% nos fondos destinados ó Plan de Transporte Metropolitano, superando os 8 M€ nun so ano».
Ethel Vázquez explicou que «agardamos tamén que no vindeiro ano poidamos contar coa colaboración de Ourense e Pontevedra para que sexan xa todas as áreas urbanas de Galicia as que conten co Plan de Transporte Metropolitano».
Así mesmo, agregou que «cumprindo os trámites administrativos necesarios, en 2015 incorporarase ao Plan de Transporte Metropolitano (PTM) o concello de Carballo», o que significa que o PTM supón unha importante mellora na mobilidade dos cidadáns, como demostra que, dende a posta en marcha dos primeiros plans de transporte metropolitano en 2004, foron 16 os concellos que xa se incorporaron ás primeiras áreas creadas.
A responsable de Mobilidade do Goberno galego aclarou que «as Comisións de seguimento das Áreas de transporte Metropolitano que se están celebrando nestes días, a Xunta de Galicia presentará a proposta de incorporación dos novos termos municipais e coa conformidade do conxunto das Administracións que xa forman parte do Plan, remitiráselles a estes novos municipios os correspondentes estudos económicos para a súa aprobación formal nos seus plenos».
Plan de Transporte Metropolitano de Galicia
O Plan de Transporte Metropolitano de Galicia naceu co obxectivo fundamental de facilitar aos cidadáns un sistema de transporte público coordinado, que o configure como unha alternativa real á intensiva utilización do vehículo particular na contorna das grandes cidades e así, grazas ao PTM defínese unha nova concepción do transporte público, cun sistema de tarifas simplificado, unha maior coordinación entre servizos e cunha importante bonificación económica para o usuario.
Foméntase tamén a utilización dos diferentes modos de transporte bonificando os transbordos de xeito que sexan gratuítos para o usuario e un exemplo de colaboración entre administracións, no que a Xunta aporta o 80% do orzamento. Tamén existen achegas que permiten ás familias un aforro medio de 600 euros anuais nos seus desprazamentos, polo que constitúe o máximo interese para o Goberno galego manter unha actuación activa que permita seguir avanzando na prestación do servizo.
Vázquez subliñou que «naquelas áreas que xa está funcionando, estamos promovendo tanto a mellora na accesibilidade, como unha mellora substancial do sistema de información e, para que todo siga mellorando investiremos case dous millóns de euros na contratación do Sistema de Axuda á Explotación (SAE) mediante o que se dará aos cidadáns a información dos servizos de transporte en tempo real e permitirá que calquera usuario dende o seu smartphone poida obter a información da parada máis próxima ou o tempo que tardará o seu autobús metropolitano».