A Xunta anunciou este martes que acordou con 12 concellos da área de Vigo prorrogar o Plan de Transporte Metropolitano, tras «conseguir que 86.000 veciños aforrasen 7 millóns de euros nos seus desprazamentos». A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, coa nova delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, e o director xeral de Mobilidade, Ignacio Maestro, presidiu a Comisión de Seguimento do Plan de Transporte Metropolitano da área de Vigo, coincidindo coa celebración da Semana Europea da Mobilidade.
Na reunión avaliouse conxuntamente o funcionamento desde plan social posto en marcha en abril do ano 2015 e abordouse a súa prórroga durante o ano 2021, cun investimento de case 1,5 millóns de euros, dos cales a Administración autonómica achegará máis de 1,2 millóns. Vázquez Mourelle destacou un incremento de máis do 21% no uso do transporte público asociado á posta en marcha do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo.
Precisou que no ano 2016 se realizaron 2,68 millóns de viaxes bonificadas dentro do Plan e no ano 2019, acadáronse 3,24 millóns, un 6,2% de incremento con respecto a 2018. Subliñou que en total, desde abril de 2015, se realizaron ao abeiro do Plan de Transporte Metropolitano de Vigo, case 15 millóns de viaxes bonificadas. Cómpre destacar que esta área inclúe o transporte de ría entre Vigo e as vilas de Cangas e Moaña, que representa máis do 40% do total de viaxes bonificadas.
A responsable de Infraestruturas puxo en valor que este plan social permite que actualmente preto de 70.000 familias da área empreguen a Tarxeta de Transporte Metropolitano, beneficiándose de aforros que poden chegar ata os 600 euros ao ano. Ademais engadiu que hai máis de 16.600 mozos menores de 21 anos que viaxan de balde en autobús ou barco coa tarxeta Xente Nova da Xunta.
Detallou que estes beneficios son posibles grazas a unha achega económica que soporta de forma maioritaria a Xunta, que financia practicamente o 85% do Plan, fronte ao 15% que se reparte entre os 12 concellos. Puxo como exemplo o último ano completo liquidado, no que a Xunta aportou 1,48 millóns de euros e os 12 concellos, en conxunto, 264.000 euros.
Un plan completo
Na súa intervención, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade fixo fincapé en que a prórroga hoxe consensuada garante que a área de Vigo terá en 2021 un transporte público que, ademais de seguro, seguirá a ser marcadamente social grazas ao Plan de Transporte Metropolitano.
Non obstante, indicou que para que o plan estea completo, a Xunta agarda que o Concello de Vigo se incorpore para que os veciños se beneficien de aforros de ata 900 ou 1.000 euros ao ano, como acontece noutras áreas onde está integrado o autobús urbano.
Explicou que o aforro actual no desprazamento entre Vigo e Baiona do 23%, se entrase o Vitrasa no Plan, podería chegar ata o 54%. Tamén exemplificou que no caso do desprazamento entre o centro de Vigo e Aldán, en Cangas, o aforro podería superar o 70%, xa que os transbordos do bus interurbano ao bus urbano, serían gratuítos.
Concretou que estes aforros son posibles usando a Tarxeta de Transporte Metropolitano, xa que no caso de empregar a Xente Nova, as viaxes serían completamente gratuítas para os menores de 21 anos.