As axudas para a conciliación da vida familiar e laboral por redución de xornada de traballo para persoas traballadoras e familias monoparentais beneficiarán a 89 persoas -77 homes e 12 mulleres- na área metropolitana de Vigo. Estas subvencións, destinadas a fomentar a corresponsabilidade nas tarefas e coidado de menores no ámbito doméstico, contan cun orzamento de 107.445 euros.
A Xunta de Galicia procura con estes fondos “apoiar a asunción de responsabilidades familiares por parte dos homes e contribuír á desaparición de estereotipos sobre a mellor ou menor disposición de mulleres e homes para asumiren as tarefas do coidado dos e das menores”. Co apoio económico a aqueles traballadores que se acollan a esta medida de conciliación se facilita a permanencia no mercado de traballo das mulleres con cargas familiares.
A convocatoria deste ano “tivo en conta as situacións laborais adversas” derivadas da Covid-19, e que a contía das axudas determínase en función da porcentaxe da redución da xornada e a súa duración así como do número de fillos e fillas a cargo da persoa solicitante. Deste modo, as cantidades oscilan entre os 1.700 euros e os 3.700 para o caso de que se refiran ao máximo do período subvencionable de oito meses. En supostos de menor duración, prorratéanse de xeito proporcional.
En canto ao perfil dos beneficiarios, son homes ou familias monoparentais que optaron pola redución da xornada entre o 1 de xullo de 2019 e o 30 de xuño de 2020 e que teñen ao seu coidado unha filla ou fillo menor de 3 anos, ou menor de 12 anos naqueles casos nos que padeza unha discapacidade igual ou superior ao 33%.
Asemade, as axudas tamén recaen en persoas que adoptaron un neno ou nena ou que prestan acollemento familiar permanente ou preadoptivo. Nestes supostos, non pode ter transcorrido máis de 3 anos desde a data da decisión administrativa ou xudicial pola cal se constitúe a adopción. En calquera caso, a filla ou fillo deberá ser menor de 12 anos.