A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, realizou unha visita á escola infantil de iniciativa social Ángel de la Guarda, que atende a 61 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos da cidade de Vigo, concretamente do barrio do Calvario, coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar. As prazas están distribuídas da seguinte maneira: 8 para pequenos de 0 a 1 anos; 13 para 1-2 anos e 40 para 2-3 anos. A maiores, conta con 4 unidades de atención en funcionamento e 9 persoas para a súa atención. A través da resolución publicada, recibiu una axuda de 70.684 euros.
A representante do Goberno galego na área percorreu as instalacións desta escola de iniciativa social, onde coñeceu as actividades que desenvolven cos nenos e nenas ao longo do ano destacando así o seu traballo e participación nun sistema educativo e de atención e benestar para os pequenos e as súas familias.
As escolas infantís de iniciativa social (EPIS) son escolas xestionadas por entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro que ofrecen unha importante colaboración á Xunta de Galicia porque contan con prazas subvencionadas pola Consellería de Traballo e Benestar.
Ao respecto, a delegada informou que, este mesmo luns, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica a nova convocatoria de axudas de 3 millóns de euros para manter neste ano 2015 ao redor de 2.700 prazas neste tipo de escolas infantís EPIS.
Bravo Bosch destacou así o traballo da Xunta de Galicia no ámbito dos menores ademais de explicar que a Administración galega ten a disposición dos pais e nais de Vigo e a súa área territorial máis de 2.700 prazas sostidas con fondos públicos para nenos e nenas de 0 a 3 anos tendo en conta as escolas da rede autonómica A Galiña Azul, as de iniciativa social e o cheque infantil.
Vigo cidade
En total, en Vigo cidade a Xunta colabora con 9 escolas infantís EPIS que ofertan 587 prazas e que son: Santa Isabel; Atalaia-Cantabria; Pasiño a Pasiño; Cáritas; Ángel de la Guarda; Panxoliñas; San Nicolás; Santo Tomé de Freixeiro; e Santa Teresa.
En definitiva, en Vigo se sosteñen con fondos públicos máis de 1.300 prazas para nenos e nenas de 0 a 3 anos ao ter en conta as que existen na rede A Galiña Azul, as de iniciativa social e o cheque infantil, sendo un 48% as prazas relativas á rede autonómica a través das 8 escolas infantís que a Xunta ten en Vigo e que supoñen unha oferta total de 626 prazas (Coia-Rosalía de Castro, Bouzas, Relfas-Sárdoma, Caeiro-Cabral, edificio administrativo da Xunta, rúa Palencia-O Calvario, Valadares, e Gota de Leche).