A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez trasladoulle este venres aos representantes da Asociación de Veciños de Teis, que hoxe mesmo remitiuse ao o Concello de Vigo o convenio para a mellora do saneamento desta parroquia para a súa sinatura e coa fin de que realice a tramitación municipal preceptiva para poder licitar as obras. Durante a xuntanza cos veciños, Ethel Vázquez, que estivo acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, trasladoulles que a Xunta agarda que o Concello de Vigo sexa dilixente nesa tramitación para, unha vez obtida a documentación municipal, poder licitar as obras co obxectivo de iniciar os traballos en 2021, segundo informou a Xunta nun comunicado.
A Xunta asegura que a conselleira fixo fincapé na importancia para os veciños de Teis das actuacións previstas, que suporán un investimento da Xunta superior a 1 millón de euros e que permitirán mellorar o saneamento da parroquia e tamén os obxectivos medioambientais para augas de baño. Tal e como subliñou a conselleira, a Xunta colabora co Concello de Vigo, apoiándoo no desenvolvemento das súas competencias municipais, para solucionar as deficiencias que presenta o sistema de saneamento de Teis.
A este respecto, Ethel Vázquez destacou que son actuacións para acabar cos problemas actuais de infiltracións que provocan unha sobrecarga na rede e para mellorar a calidade das masas de auga costeiras na contorna da depuradora. Na reunión de traballo mantida cos representantes veciñais, lembroulles que os traballos que a Xunta vai a executar ao abeiro deste convenio céntranse en dúas actuación prioritarias para a mellora do sistema de saneamento desta parroquia, como son a ampliación e mellora da rede separativa na zona de Baixada a Ríos e a renovación do colector do río Paraxail.
Concretou que na zona da Baixada a Ríos, construirase unha nova rede de pluviais con saída ao mar no dique que hai na praia de Ríos, con suficiente capacidade para a súa prolongación futura. Tamén se mellorará a rede de augas fecais. No colector do río Paraxail, actuarase en dous tramos: na súa parte máis augas arriba, no entorno do parque de Bombeiros, e na súa zona intermedia entre o IES de Teis e o cruce co ferrocarril.
Os compromisos do convenio
As actuacións consisten, tal e como recolle o propio convenio, nunha primeira fase de traballos para solucionar os problemas detectados e mellorar a calidade das augas de Teis.
Desde a Xunta, a través de Augas de Galicia, levarase a cabo a contratación e execución das obras e asúmese integramente o custo destas actuacións de mellora do saneamento de Teis, que están cofinanciadas con Fondos Feder 2014/2020.
Pola súa parte, o Concello de Vigo comprométese a realizar a tramitación municipal necesaria: a aprobación do Pleno municipal, a disposición dos terreos ou a información pública, en caso de que o consideren necesario. Unha vez finalizadas as obras, O Concello de Vigo incorporaraas ao patrimonio público municipal, encargándose da súa posta en servizo, explotación e mantemento.